Sen axudas porque dúas consellerías non se comunican: condena á Xunta por pedir "o que ela debía xestionar"

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o de Facenda, Miguel Corgos, e sentenza do TSXG CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O TSXG reprocha que o Igape non fose quen de obter da Consellería de Facenda un certificado de que unha empresa non tiña débedas, como esta lle autorizara a consultar, "ocasionando en consecuencia indefensión"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Xunta por denegar unha axuda á dixitalización da industria porque ela mesma non foi quen de obter unha certificación da Consellería de Facenda de que a empresa solicitante non tiña ningunha débeda coas arcas públicas. A empresa autorizara á administración a consultar eses datos e a sentenza reprocha á Xunta que esta "non esgotou todos os medios á súa disposición ao esixirlle algo que ela mesma debía xestionar, ocasionando en consecuencia indefensión á empresa afectada".

Sede do Igape, dependente da Consellería de Economía, que non foi quen de obter un certificado da Consellería de Facenda CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a empresa pediu unha axuda para a dixitalización da industria ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), da Consellería de Economía. Na súa solicitude autorizou, como contemplan a maioría dos procedementos deste tipo da Xunta, que a propia administración consultase que non tiña débedas coas arcas públicas. 

"As administracións públicas teñen a obriga de intercambiar datos", di o TSXG, polo que "esixir aos administrados documentos que xa posúen, ou, como sucede neste caso, que poden consultar" supón "un incumprimento das súas propias obrigas"

Pero o Igape non puido obter ese certificado da Consellería de Facenda. Requiriu á empresa que o certificase ela, ante o que a empresa lle presentou un certificado da Axencia Tributaria estatal que a Xunta non deu por válido por non ser da súa propia consellería.

A sentenza salienta que a normativa establece que a administración "só pode requirir documental se existe unha imposibilidade técnica xustificada para obter por si mesma os documentos que precisa" e que "se non xustifica esa imposibilidade (por exemplo, por unha caída de sistemas, falta de convenio) o requirimento é irregular". "Non pode alegar simplemente que 'non o puido obter'", di o TSXG, que considera que a Xunta "non esgotou todos os medios á súa disposición ao esixirlle algo que ela mesma debía xestionar".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

"As administracións públicas teñen a obriga de intercambiar datos, polo tanto, esixir aos administrados documentos que xa posúen, ou, como sucede neste caso, que poden consultar, especialmente cando o afectado concedeu o seu consentimento para esta consulta, procede reiterar que non é conforme a dereito e implica un incumprimento das súas propias obrigas neste procedemento subvencional", di o TSXG. A sentenza tamén di que a actuación da Xunta supuxo "trasladar ao administrado a carga de acreditar o dato que faltaba, que, por certo e dito sexa de paso, aínda que non influíu para nada no sentido do pronunciamento, resulta que estaba ao corrente do pago coa Facenda galega".

A Xunta vén sendo condenada por denegar axudas por falta de documentación que ela mesma xa ten no seu poder

Non é a primeira vez que a Xunta é condenada por non ter en conta información que xa obraba no seu poder para denegar axudas. Son varias as sentenzas que xa a condenaron, por exemplo, por non ter en conta que é a propia Xunta a que outorga os títulos de familia numerosa.

Noutras áreas, o pasado novembro Praza.gal revelou o caso dun provedor ao que a Xunta esixía, para pagarlle os 47.000 euros que lle debía, documentos "que xa tiña nos seus arquivos".

Sentenza que condena o Sergas por pedir a un provedor que lle entregase documentación que xa tiña no seu poder CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.