Unha familia que por erro puxo na solicitude da axuda que tiña dous fillos en lugar de cinco pediu corrixilo pero a Xunta rexeitouno, ao que o Tribunal Superior responde que debeu ser a Administración quen pedise a aclaración en lugar de usar unha “escusa”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar novamente a Xunta por denegar unha axuda ás familias que teñen fillos, a coñecida Tarxeta Benvida, co argumento de que a prexudicada non xustificou cando debía que a súa era unha familia numerosa. Porén, o tribunal lembra que é a propia Xunta quen emite os títulos de familia numerosa, polo que ese era un dato que xa debía ter en conta sen necesidade de que se lle achegase ningunha documentación.
Esta sentenza agora feita pública súmase a outras previas que tamén condenaron os formalismos cos que a Consellería de Política Social denegou outras axudas semellantes.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza agora feita pública unha nai solicitou a Tarxeta Benvida consignando no impreso que viña de ter o seu segundo fillo e achegando certificado de nacemento dos dous. Iso deulle dereito, xunto coa súa renda familiar, a unha axuda de 100 euros ao mes durante tres anos. Porén, cando xa estaba rematando ese tempo presentou un escrito ante a Xunta admitindo un erro na súa solicitude e indicando que, aínda que o nacido era o seu segundo fillo, supuña o quinto da unidade familiar, xa que o outro proxenitor tamén tiña fillos previos. Por iso reclamou a axuda máis elevada á que tería dereito, de 200 euros ao mes.
Para demostrar a súa situación e corrixir o erro a afectada presentou o Libro de Familia e o título de familia numerosa de categoría especial, outorgado pola Xunta xa previamente ao nacemento do quinto fillo. Pero Política Social nin sequera admitiu a trámite o seu escrito, o que obrigou á afectada a recorrer á xustiza.
A Xunta esgrimiu primeiro un formalismo para nin sequera tramitar o recurso da afectada e despois que non era función súa "efectuar presuncións" sobre a situación familiar, pero o TSXG lembra que a propia administración tiña no seu poder os datos precisos
No proceso xudicial a Xunta argumentou que o escrito presentado pola afectada era un recurso de reposición contra a resolución inicial que outorgara á muller a axuda de 100 euros ao mes, un tipo de recurso cun prazo que xa fora superado e polo tanto a súa decisión foi non admitilo sequera a trámite. Porén, o TSXG di que a afectada non identificou que tipo de recurso presentou cun escrito que se limitaba a sinalar o seu propio erro e solicitar unha corrección, polo que a Xunta debeuno considerar como un recurso de revisión, que estaría aínda en prazo xa que aínda se mantiñan os efectos da axuda, concedida por tres anos. A sentenza lembra que a lei establece que “o erro ou a ausencia da cualificación do recurso por parte do recorrente non será obstáculo para a súa tramitación, sempre que se deduza o seu verdadeiro carácter”.
E iso é o que entende o TSXG que debía suceder neste caso, co que a Xunta debeu admitir a trámite o escrito da afectada. Porén, máis alá do formalismo para denegar sequera a tramitación do recurso, Política Social tamén tentou argumentar contra o fondo do solicitado pola afectada. Así, dixo que “as consecuencias da omisión de datos da solicitude ou incorrecta cumplimentación da mesma non pode ser trasladada á Administración” e que “non é función do órgano tramitador efectuar presuncións, senón que ha de resolver de acordo cos datos facilitados polos solicitantes”.
Porén, o TSXG di que xa na tramitación inicial da axuda, cando a muller indicou por erro no impreso que tiña dous fillos, “non lle era difícil á Administración, á vista da documental achegada, valorar que podían ser máis os fillos computables na unidade familiar, e, en calquera caso, ante a dúbida que puidera ter, o dilixente sería requirir de aclaración ou subsanación á interesada”, conforme di a lei.
Xa son varias as sentenzas do TSXG que condenaron a Xunta por denegar axudas da Tarxeta Benvida por formalismos
Pero a sentenza vai máis alá e di que “aínda que o título de familia numerosa non se achega ata o trámite de recurso, a Administración xa dispuña do mesmo, pois de feito é quen o emite, non sendo escusa para a súa non consideración que non se achegase coa solicitude inicial”. E lembra que a lei di que "os interesados teñen dereito a non achegar documentos que xa se atopen en poder da Admnistración actuante ou fosen elaborados por calquera outra Administración".
Ante esta situación, o TSXG ordena á Xunta a volver atrás no procedemento e admitir a trámite o recurso presentado pola afectada como unha solicitude de revisión do importe da axuda concedida coa Tarxeta Benvida.
Hai uns meses Praza.gal tamén revelou outras sentenzas do TSXG que condenaron a Xunta por denegar a Tarxeta Benvida noutros dous casos igualmente por formalismos. Unha primeira sentenza reprochou o “rigor formal extremo” co que Política Social denegou a axuda a unha familia numerosa que tiña dereito a ela. Naquela sentenza o tribunal criticou á Xunta que “non era tan difícil” comprobar o dato no que se escudara para rexeitar a solicitude senón que “máis ben era cuestión de boa vontade e boa administración”. Nunha segunda sentenza, o mesmo TSXG reprochou a Política Social que non admitise documentación que a nai achegou para xustificar a súa recente separación e que considerase fóra de prazo a entrega dunha sentenza sobre a custodia da menor que foi emitida posteriormente por un xulgado, co que non estaba en mans da nai cumprir coas datas do procedemento.