O INE publicou hai poucos días a súa estimación de nacementos de decembro de 2022, o dato provisional do derradeiro mes do ano que dá lugar á primeira cifra de natalidade do exercicio completo. Á espera das variacións que poida traer consigo o dato definitivo -habitualmente, moi escasas-, os 14.556 nacementos en Galicia no ano pasado supoñen unha redución do 1,56% a respecto de 2021 e, polo tanto, un novo mínimo histórico dende que hai datos comparables, se ben a redución porcentual é case a metade que nos dous anos previos, na contorna do 3%.
O INE estima que os nacementos volveron caer en 2022 en Galicia e quedaron en 14.556, un 1,56% menos
Pouco despois, este 17 de febreiro, o Instituto Galego de Estatística actualizou os seus indicadores demográficos, tamén con algúns avances de 2022 pero, sobre todo, consolidando os datos de 2021. Deles é posible tirar a conclusión de que o país entrou na década dos anos 20 cun novo récord de envellecemento e de baixa natalidade.
Un dos indicadores actualizados é o índice de envellecemento, isto é, o número de persoas de 65 ou máis anos por cada cen habitantes menores de 20 anos. Como evidencia o propio IGE, dende o comezo da serie estatística en 1975 este índice experimenta un "continuo incremento" que "reflicte a velocidade do envellecemento da poboación de Galicia", con 167 persoas que superan os 64 aos por cada cen menores de 20.
Galicia ten xa 167 persoas maiores de 64 por cada cen menores de 20
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o ritmo do envellecemento de Galicia agudizouse especialmente durante os anos 90 do século pasado e acougou a principios deste século, pero continuou medrando. No caso das mulleres, a súa maior esperanza de vida combinada coa escasa natalidade provoca que xa haxa case 197 de 65 ou máis anos por cada cen menores de 21. Entre a poboación masculina, a correlación está un chisco por baixo dos 140.
Quince anos coa taxa de natalidade á baixa
Os datos de crecente envellecemento da poboación teñen o seu reverso nas taxas brutas de natalidade, isto é, no número de nacementos por cada mil habitantes. O dato consolidado de 2021 sitúase en 5,49, case tres puntos menos que no ano 2008, cando co estourido da crise económica finalizou a tímida tendencia á alza que principiara co século. Hai que remontarse a mediados dos anos 80, xusto cando Galicia deixou de rexistrar máis nacementos que mortes, para atopar unha taxa bruta de natalidade por riba dos 10 nacementos por cada mil habitantes.
Todas estas cifras rexístranse nun contexto no que a crise demográfica xeral só vén sendo paliada nos últimos anos polo saldo migratorio positivo -inmigra a Galicia máis poboación da que emigra dende Galicia-, aínda que ese paliativo non é territorialmente homoxéneo. Así o amosaba recentemente o propio IGE, que coas cifras poboacionais de referencia actualizadas a principios de ano amosaba como só nove das 53 comarcas galegas gañaban habitantes mentres, ao tempo, as cidades xa concentran case o 40% da poboación