O saldo migratorio positivo -inmigra máis poboación da que emigra- vén permitindo nos últimos anos paliar as grandes cifras da crise demográfica galega, toda vez que en apenas dous concellos nacen máis persoas das que morren, segundo os datos máis recentes. A situación, non obstante, non é territorialmente homoxénea. Así o veñen amosando abondosos estudos e así o acreditan as cifras poboacionais de referencia actualizadas este 20 de xaneiro polo Instituto Galego de Estatística.
A 1 de xaneiro do pasado 2022, Galicia tiña 5.420 habitantes menos ca un ano antes, aínda que a mediados dese mesmo ano (a 1 de xullo), o total estaba unhas 2.700 persoas por riba do de doce meses antes. Ambas cifras sitúanse, en todo caso, un chisco por baixo dos 2,7 millóns de habitantes e deixan un significativo retrato territorial: nove comarcas gañaron poboación entre 2021 e 2022 e as 44 restantes, perdérona.
Como amosan o mapa -tirado do IGE- e o gráfico sobre estas liñas, en termos porcentuais a comarca que máis poboación gañou neste período foi a de Betanzos, cun avance do 0,95% que supón 375 persoas máis. A continuación sitúase a comarca de Santiago, que contaba no inicio de 2022 con 171.490 habitantes, 863 máis que un ano antes (+0,51%).
Betanzos e Santiago encabezan a lista de comarcas que no inicio de 2022 gañaban habitantes, segundo os datos que vén de actualizar o IGE. Viana e Os Ancares, as que máis perden
O Baixo Miño, A Paradanta, Allariz-Maceda, O Carballiño, A Ulloa, O Salnés e Vigo son a outra media ducia de comarcas que, aínda que en valores moi febles (todas por baixo do 0,5%) incrementaron poboación nese período. Na banda contraria están comarcas como Viana e Os Ancares, que perderon máis dun 2% da súa poboación nese período, ou as do Ortegal, Chantada, A Fonsagrada, Terra de Soneira ou Arzúa, onde a poboación caeu máis dun 1% entre o inicio de 2021 e o comezo de 2022.
Case catro de cada dez habitantes, nas sete cidades
Unha de cada cinco persoas residentes en Galicia habitan en Vigo ou na Coruña
Os datos divulgados polo IGE amosan, asemade, o aumento paulatino da tendencia á concentración da poboación nos centros urbanos. Dende principios de 2019, os sete concellos máis poboados aglutinan máis do 36% da poboación -hai dúas décadas era o 35,4%-, unha liña lixeiramente á alza mesmo tendo en conta os desprazamentos de poboación dende as propias cidades a concellos da súa contorna.
Así, como amosa o gráfico sobre estas liñas, arredor do 11% da poboación galega vive en Vigo e en torno ao 9%, na cidade da Coruña, o cal significa que unha de cada cinco persoas residentes no país habita nunha das dúas principais cidades. Ourense, Santiago e Lugo acollen algo menos do 4% da poboación galega cada unha e Pontevedra e Ferrol, arredor do 3%.