A Xunta fai un "balance positivo" da súa lei de impulso demográfico malia á escaseza histórica de nacementos

Nenas e nenos de curta idade nunha aula escolar nunha localidade galega, en imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Dende febreiro de 2021 está en vigor a lei de impulso demográfico de Galicia, que Alberto Núñez Feijóo prometera como unha das medidas estrela do PP para a lexislatura iniciada en 2016, a da súa terceira maioría absoluta, pero que fora finalmente presentada en 2019 e aprobada no seguinte mandato tras pechar o período con menos leis aprobadas na historia da autonomía. A norma leva, daquela, algo máis de ano e medio en vigor.

Política Social responde ao PSdeG que o "balance desta lei pioneira" é "positivo" pero xustifica que a pandemia tivo "impacto negativo" na "posta en marcha de medidas" e na natalidade

Tras este primeiro período de aplicación da norma, o PSdeG solicitou o pasado setembro no Parlamento que a Consellería de Política Social, da que depende, lle trasladase un balance inicial do logrado e lle detallase as "medidas concretas" postas en marcha ao abeiro da norma. Facíano, indicou a pregunta asinada por Marina Ortega e Julio Torrado, por advertiren "falta de compromiso orzamentario e concreción" e teren a percepción de que non existiron "medidas importantes ou concretas que poidan cambiar o curso da inversión da pirámide poboacional a longo prazo". Tamén polos datos demográficos máis recentes que "posicionan Galicia como das comunidades autónomas con peores datos", agregaban.

Eses datos, que volveu a actualizar o IGE nos últimos días, seguen reflectindo cifras historicamente negativas de novos nacementos. Así e todo, o departamento que dirixe Fabiola García -cuxo despacho de trámites corresponde actualmente ao vicepresidente Francisco Conde por atoparse a conselleira de licenza por maternidade- mantén que o seu "balance desta lei pioneira en España é positivo".

Alén de "lembrar que esta lei é a primeira destas características que se aproba" en todo o Estado e de laiarse de que "lamentablemente" BNG e PSdeG non votasen a prol da norma, Política Social evidencia na súa resposta que o obxectivo da lei é "o impulso da dinamización demográfica de Galicia". E establece, antes do balance en si mesmo, unha cautela: "tanto os trámites parlamentarios desta lei como o período inicial da mesma tiveron lugar nun momento de emerxencia sanitaria pola pandemia da COVID". 

Feijóo prometera a lei en 2016, enviouna ao Parlamento por primeira vez en 2020 defendendo que non contivese medidas concretas e volveuna remitir tras as eleccións daquel ano, quedando aprobada a comezos de 2021

En rigor, a primeira vez que a lei de impulso demográfico chegou ao Parlamento enviada pola Xunta aínda non fora declarada a pandemia da COVID, pero a súa declaración -marzo de 2020- estaba piques de suceder. Malia ser parte das promesas electorais de 2016, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo non a enviou á Cámara ata o 27 de xaneiro de 2020. Daquela, o propio Feijóo xustificara a falta de medidas da lei indicando que "non podía hipotecar a gobernos sucesivos".

Pero aquel trámite decaeu en febreiro do mesmo ano polo adianto electoral que o propio Feijóo decidiu. Os comicios foran inicialmente fixados para o 5 de abril e despois adiados para o 12 de xullo pola pandemia. Tras a cita electoral, na que o PP logrou a cuarta maioría absoluta, a Xunta volveu enviar a lei ao Parlamento para reiniciar trámites dende o 29 de setembro de 2020 e quedou aprobada a principios de 2021.

"Esa circunstancia", a da pandemia, sinala agora a Consellería en resposta aos socialistas, tivo un "impacto negativo non só na posta en marcha de medidas" por parte da propia Xunta. "Tamén nos propios datos demográficos de toda España", evidencia. Así e todo, agrega, "a Xunta ten avanzado no desenvolvemento da lei".

Política Social responde que encadra nesta norma a gratuidade das escolas infantís que entrou en vigor neste curso 22-23 ou a "reformulación" do denominado Bono Coidado. Tamén destaca "a posta en marcha da Comisión Técnica de Impulso Demográfico" ou "a promoción da conciliación na contratación do sector público". Asemade, sinala como efectos da lei "a introdución da análise de impacto demográfico" nas normas que dit a Xunta, o "impulso á formación do persoal" público na materia, a "aprobación dun novo plan específico de apoio ás familias numerosas" ou o "novo rexistro de familias monoparentais", que di ter "á espera de que o Goberno central presente a lexislación estatal", en referencia á nova lei de familias.

A Xunta encadra dentro da lei demográfica accións como a gratuidade das escolas infantís e medidas existentes dende media década antes, como a Tarxeta Benvida

O Goberno galego conclúe o seu repaso sinalando tamén no ámbito da lei demográfica o que cualifica como "consolidación da Tarxeta Benvida como medida de apoio ás familias cando teñen un fillo".  O seu fin, remarca, é que "os fogares galegos poidan sufragar os gastos que supón a chegada dun novo membro á familia". 

Trátase da tarxeta anunciada en vésperas das eleccións xerais de 2015 en en vigor dende principios de 2016, cando a Xunta lanzara tamén outra acción como unha caixa de pequenos agasallos para bébés que pretendeu equiparar inicialmente ás amplas axudas á crianza dos países nórdicos. Pódena pedir as familias que non superen os 45.000 euros de renda familiar ou os 13.500 per cápita e está dotada, xeralmente, con 100 euros ao mes durante un ano para a compra de produtos de coidado infantil, 125 en concellos de menos de 5.000 habitantes e 200 para terceiros fillos "ou sucesivos".

O saldo migratorio positivo non logra, cando menos de momento, compensar os récords negativos das cifras de nacementos

Sobre estes argumentos, a Xunta sinala, "en consecuencia", que o balance do primeiro ano e medio de aplicación da lei de impulso demográfico "é positivo". Éo, afirma, "dado que se están a implementar de xeito progresivo as medidas incluídas nela", que "están a ser imitadas por outras comunidades autónomas". 

Neste tempo, como amosan os gráficos que acompañan esta información, os principais indicadores demográficos seguen a ser desfavorables. Galicia acumula récords negativos en cifras de nacementos e saldo vexetativo, con apenas dous concellos (2021) onde as mortes non superan o número de persoas que nacen, situación que cando menos ata o momento non se dá compensado malia rexistrarse un saldo migratorio positivo por sexto ano consecutivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.