O presidente defende a importancia do texto que presenta no Parlamento dez anos despois de considerar a demografía o primeiro reto de Galicia na súa primeira investidura
Tras pedir o Goberno galego “consenso” arredor da lei de de impulso demográfico que vén de presentar no Parlamento, este mércores o presidente Feijóo menosprezou as propostas que lle fixo a oposición con frases como que “leccións de demografía do PSOE non imos recibir ningunha” ou que as ideas lanzadas polo BNG son “frivolidade” e “improvisación”. A oposición, pola súa banda, considera que o texto proposto pola Xunta non chega a ser unha lei senón unha declaración de intencións sen medidas executivas pensada só en clave propagandística.
A sesión de control ao Goberno deste mércores no Parlamento centrárona tanto PSdeG como BNG no proxecto de lei de impulso demográfico que a Xunta vén de presentar na Cámara. As dúas formacións afearon ao presidente que a iniciativa chegue agora tras o que consideran unha década de inacción ao respecto. O propio Feijóo salientou que el mesmo presentou o devalo demográfico como principal reto de Galicia no seu primeiro discurso de investidura como presidente en 2009, pero insistiu en que o problema vén de atrás e non apareceu durante os seus gobernos: “Ía a unha escola rural dos Peares cando isto estaba a ocorrer no país”, dixo.
“It’s the economy, stupid”, díxolle Pontón a Feijóo parafraseando a Bill Clinton sobre os motivos do devalo demográfico galego
“Resulta que neste país o PP leva gobernando 30 anos”, evidenciou a portavoz do BNG, Ana Pontón, que asegurou que as “medidas natalistas” non son eficaces e puxo o foco na necesidade de mellorar a economía en xeral do país apostando pola industrialización dos sectores básicos e o I+D para que as galegas se animen a ter fillos. “It’s the economy, stupid”, chegou a dicir a nacionalista, lembrando a frase empregada durante a campaña electoral estadounidense de 1992 de Bill Clinton fronte a George Bush pai.
“Xa hai quen di que en Galicia o mellor anticonceptivo son as políticas do señor Feijóo”, di Leiceaga
Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, puxo o foco na mellora da igualdade e en garantir ás mulleres a continuidade das súas carreiras laborais despois de ter fillos, entre outras medidas que citou doutras comunidades ou países fronte a un proxecto de lei presentado pola Xunta que presenta como “unha mera declaración de intencións” xa que “unha lei prescribe e prohibe, e esta en xeral non o fai”. O texto da Xunta, considera o socialista, supón “ir á guerra con armas de xoguete”, e citou entre outras medidas contempladas nel como reservas de aparcamento para familias. “Xa hai quen di que en Galicia o mellor anticonceptivo son as políticas do señor Feijóo”, dixo.
Manuel Lago estreouse como portavoz do grupo de En Marea preguntando por medidas futuras da Xunta contra a desigualdade e Feijóo centrou a súa resposta en asegurar que a situación actual é mellor que co bipartito
Por outra banda, na sesión de control deste mércores Manuel Lago estreouse como portavoz do grupo de En Marea tras a marcha do anterior voceiro, Luís Villares, ao Grupo Mixto. Tamén en clave económica, Lago preguntou a Feijóo polas medidas que pensa implantar a Xunta no ano que queda de lexislatura para reducir a desigualdade, unha intervención na que non empregou todo o tempo que tiña dispoñible en expoñer plantexamentos políticos senón que optou por centrarse na formulación da cuestión concreta. Porén, Feijóo respondeu limitándose a dicir que seguirá a aplicar as medidas acordadas coas entidades sociais galegas sen detallalas e empregando a maior parte do tempo das súas réplicas para asegurar que a situación de Galicia hoxe é mellor que co bipartito que o antecedeu hai xa máis dunha década.