Escolas infantís de balde para menos crianzas ca nunca

Escola infantil municipal na Coruña © Concello da Coruña

Esta semana comezou o curso nas escolas infantís. Fíxoo cunha importante novidade con respecto a anos anteriores: a gratuidade da matrícula para as crianzas de 0 e 3 anos, unha medida decidida pola Xunta sufragada con cartos do IVE que Rajoy non entregou a Galicia e que o Estado pagou hai uns meses. Foron, concretamente, 211 millóns de euros máis 13,5 millóns en concepto de xuros de demora. Desa achega, o Goberno galego investirá este ano ao redor de 50 millóns de euros na gratuidade das escolas infantís, unha medida que se aplica de forma automática e independentemente da renda familiar en todos os centros: públicos, privados ou de iniciativa social.

A Xunta financia a medida con 50 dos 214 millóns de euros procedentes do IVE que Rajoy non entregara a Galicia e que o Estado pagou hai uns meses 

A Xunta destaca que se trata dunha medida pioneira en materia de conciliación, nunca aplicada anteriormente, de xeito tan xeneralizado, en ningún outro territorio do Estado. O obxectivo, sinala o Executivo, é "fomentar a conciliación, facilitar que calquera neno poida acceder a este servizo con independencia da situación económica da súa familia e contribuír a aliviar as economías domésticas ao implicar un aforro medio de entre 1.500 e 2.000 euros anuais para as familias".

Nunha visita a unha escola infantil do Pino o presidente Alfonso Rueda afirmou que “a gratuidade nas escolas infantís é unha medida que se engloba na obriga que temos as administracións de coidar das persoas desde o berce ata o bastón, é dicir, desde o seu nacemento ata as idades máis avanzadas nas que volven precisar dun especial coidado por parte da Administración”.

“O problema non é que as mulleres queiramos ter fillas ou non. O problema é que sen traballo e condicións laborais dignas, nin querendo poderiamos”, subliñaba a CIG o mes pasado

En calquera caso, a medida chega nun contexto de continuado descenso do número de nacementos en Galicia, unha caída da natalidade que tamén está a reducir o número de nenos e nenas que acceden á educación infantil. Dende hai anos vénse reclamando da administración a adopción de medidas como esta de fomento da conciliación, ademais doutras accións que inciden na situación económica das familias, especialmente ligados á estabilidade laboral e ao incremento dos salarios. 

"Traballo digno e servizos públicos de coidados con garantías", subliñaba recentemente a CIG como medida de fomento da natalidade, apuntando a responsable da Secretaría das Mulleres do sindicato que “o problema non é que as mulleres queiramos ter fillas ou non. O problema é que sen traballo e condicións laborais dignas, nin querendo poderiamos”.

Críticas pola falta de apoio da Xunta ás escolas infantís municipais

A FEGAMP denuncia que a Xunta achega este ano aos centros privados ata 306 euros por mes e neno/a mentres que aos centros públicos municipais unicamente entrega un máximo de 169 euros por mes e neno/a

A medida da Xunta tamén recibiu críticas nos últimos días, relativas á súa aplicación práctica. Este martes a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) pediulle á Xunta que "aclare" como vai "garantir a gratuidade das escolas infantís". A Federación denuncia que a través da medida posta en marcha o Goberno galego achega este ano aos centros privados ata 306 euros por mes e neno/a mentres que aos centros públicos municipais unicamente entrega un máximo de 169 euros por mes e neno/a. 

A FEGAMP advirte de que o novo baremo "pode facer perigar a continuidade de centros, xa que non todos os concellos poderán afrontar os custos equivalentes ás cotas que ata o de agora achegaban os pais e nais". Ademais, critica que a Xunta se atribúa "os méritos da medida en exclusividade", lembrando que "moitos destes centros están a ser sufragados polos concellos". En concreto, na actualidade as entidades locais sufragan 95 escolas públicas infantís de 0-3 anos.

Cinco mil nacementos menos entre 2016 e 2021

Semella que de pouco ou nada serviron ata agora os incentivos e bonificacións aplicadas pola Xunta nos últimos anos, en especial dende a posta en marcha da tarxeta-benvida, en xaneiro de 2016

O número de nacementos, que entre 1998 e 2008 experimentara un leve aumento, motivado pola mellora da situación económica e a chegada da xeración do baby boom á idade de ter crianzas, acumula xa 13 anos de descensos consecutivos. Mentres que no ano 2008 naceron 23.175 nenos e nenas en Galicia, no pasado ano 2021 foron unicamente 14.759, a cifra máis baixa da serie histórica. 

A diminución acelerouse nos últimos anos, pois tan só entre 2016 e 2021 o número de nacementos caeu en máis de cinco mil rexistros anuais. Semella que de pouco ou nada serviron ata agora os incentivos e bonificacións aplicadas pola Xunta nos últimos anos, en especial dende a posta en marcha da tarxeta-benvida, en xaneiro de 2016. O descenso, ademais, semella que continuará neste ano 2022 pois xa o primeiro semestre rexistrou unha caída de algo máis do 2% con respecto ao mesmo período do ano anterior. 

Hai dúas décadas só o 20,4% dos nacementos tiñan lugar con nais de 35 anos ou máis, mentres que na actualidade esa porcentaxe se achega ao 48%

Estamos a vivir unha mudanza estrutural, na que os fillos e fillas cada vez se teñen máis tarde, en boa medida ligado ás dificultades económicas e aos atrancos para acadar unha estabilidade laboral. Mentres que no ano 2001 o 43,4% dos partos eran de nais de menos de 30 anos, hoxe esa porcentaxe é tan só do 20,6%. 

De igual xeito hai dúas décadas só o 20,4% dos nacementos tiñan lugar con nais de 35 anos ou máis, mentres que na actualidade esa porcentaxe se achega ao 48%. De feito, as novas nais de máis de 40 anos eran no 2001 unha excepción (2,8%), mentres que hoxe son moito máis comúns (14,4%)

A porcentaxe de nacementos de nai estranxeira residente en Galicia pasou do 3% ao 10,5% en vinte anos

Nas últimas dúas décadas tamén se incrementou de forma moi importante a porcentaxe de nacementos de nai estranxeira residente en Galicia, que pasaron de ser o 3% en 2001 a chegar ao 10,5% o pasado ano. En cifras absolutas as crianzas nacidas de nai estranxeira pasaron de 602 a 1.554 en dúas décadas, mentres que as nacidas de nai con nacionalidade española caeron de 18.759 a 13.202.

O descenso da natalidade vén afectando dende hai décadas ás zonas máis rurais de Galicia pero está lonxe de ser un fenómeno que atinxa unicamente a estes concellos. É certo que nestas áreas o número de nacementos leva tempo sendo especialmente baixo, en boa medida pola marcha a outros territorios (en ocasións as propias áreas urbanas galegas). Pero nos últimos anos tamén as cidades están a rexistrar importantes caídas no número de novas crianzas.

Na maior parte dos concellos galegos o número de nacementos experimenta un descenso continuado. Tamén cidades como Vigo (cinco mil nacementos menos en dez anos) ou A Coruña (máis de dous mil nacementos menos nun decenio).

Así, comparando os datos de nacementos do último decenio (2012-21) cos do período de dez anos inmediatamente anterior (2002-2011), vemos como a maior parte dos concellos galegos sufriron un descenso. Tan só en 55 localidades o número total de nacementos nos últimos dez anos superou a cifra anterior. Entre elas só atopamos unha cidade, Santiago de Compostela, cun incremento mínimo (de 7.797 a 7.806). Ademais, destaca a evolución positiva de vilas como Sarria, O Porriño, Burela, Salvaterra do Miño, As Pontes ou Arzúa.

O leste da provincia da Coruña, a Terra Cha, a área metropolitana de Ourense e a montaña lucense están entre as áreas nas que o número de nacementos se incrementou, aínda que en moitos casos as cifras son cativas.

Porén, na maior parte dos concellos galegos o número de nacementos experimenta un descenso continuado. Tamén cidades como Vigo (cinco mil nacementos menos en dez anos) ou A Coruña (máis de dous mil nacementos menos nun decenio). En Ferrol a caída é do 30% e mesmo Pontevedra ou Ourense rexistran descensos que roldan o 20%.

A diminución, con todo, é máis importante en varias áreas rurais da provincia de Ourense, do interior de Pontevedra, o norte das provincias da Coruña e Lugo ou mesmo a Costa da Morte

A diminución, con todo, é máis importante en varias áreas rurais da provincia de Ourense, do interior de Pontevedra, o norte das provincias da Coruña e Lugo ou mesmo a Costa da Morte. No 2021 houbo trece concellos que non rexistraron nacemento ningún (Negueira de Muñiz, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, Lobeira, Muras, Parada de Sil, Navia de Suarna, A Teixeira, Calvos de Randín, A Arnoia, Bóveda e Gomesende). En Negueira de Muñiz non houbo nacementos en tres dos últimos cinco anos, o mesmo que en Chandrexa de Queixa, Parada de Sil, A Teixeira e Gomesende.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.