Un tribunal anula o despedimento dunha traballadora de IMFutuRe por estar embarazada e obriga a empresa a indemnizala

Unha muller embarazada CC-BY-SA Daniel Lobo

A sentenza declara nulo o despedimento porque “hai datos relevantes que permiten deducir, obxectiva e razoablemente, que o despedimento obedeceu o seu estado de muller embazada”

A empresa Integral Management Future Renewables S.L. (IMFutuRe), con sede en Compostela, terá que readmitir de forma inmediata a unha traballadora que despediu por estar embarazada, ademais de indemnizala con 7.501 euros e abonarlle os salarios de tramitación desde a data de despedimento até a súa efectiva readmisión. Así o recolle unha sentenza que vén de emitir o Xulgado do Social nº2 de Santiago, na que se declara nulo o despedimento porque “hai datos relevantes que permiten deducir, obxectiva e razoablemente, que o despedimento obedeceu o seu estado de muller embazada”.

No ditame explícase que no momento do despedimento, en novembro de 2021, a traballadora estaba no segundo trimestre de xestación e que desde xuño IMFutuRe tiña coñecemento dese feito. A sentenza considera que “a extinción do seu contrato vulnerou o dereito fundamental a non ser discriminada por razón de sexo” e sinala que houbo “dano moral implícito na lesión do dereito fundamental”, concluíndo que a situación xerada constitúe “unha falta moi grave en materia de relacións laborais” que sanciona con 7.501 euros.

A Secretaría das Mulleres da CIG reclama "traballo digno e servizos públicos de coidados con garantías" © CIG

A CIG valora positivamente a sentenza e cualifica de "lamentábel" a supervivencia destas "prácticas empresariais discriminatorias que penalizan ás mulleres por ser nais"

No texto da sentenza detállase que a traballadora iniciou no mes de outubro unha baixa por Incapacidade Temporal (IT) por mor do seu embarazo. Apenas un mes máis tarde, destaca o xulgado, a empresa comunicoulle o cese da relación laboral.

A CIG valorou positivamente a sentenza e cualifica de "lamentábel" a supervivencia destas "prácticas empresariais discriminatorias que penalizan ás mulleres por ser nais". O sindicato destaca que estas prácticas "non penalizan do mesmo xeito" aos traballadores varóns, xa que ademais de non poder quedar embarazados, as compañías "presupoñen que serán elas quen terán que facerse cargo dos coidados".

A CIG considera "indignante" que "en pleno século XXI e con toda a lexislación que hai en materia de igualdade se sigan producindo este tipo de situacións"

Este tipo de situacións, denunciadas tamén por entidades como Maternidades Feministas, prodúcense aínda con frecuencia no noso país, como demostran varias sentenzas xudiciais que nos últimos anos anularon despedimentos de mulleres embarazadas. Moi destacado foi o caso de Patricia Estévez, unha traballadora de Termocalor que en 2019 viu recoñecido o acoso laboral sufrido nesta empresa despois de anunciar que estaba embarazada. Nese momento o Tribunal Supremo confirmou a multa de 20.000 euros imposta pola Inspección de Traballo a esta compañía viguesa de calefacción e climatización, polo acoso laboral ao que foi sometida a traballadora. Patricia Estévez ve así recoñecidas as súas denuncias, nunha sentenza que pon fin a case unha década de loita.

A CIG considera "indignante" que "en pleno século XXI e con toda a lexislación que hai en materia de igualdade se sigan producindo este tipo de situacións". A central sindical lembra que é obriga das empresas contar cun plan de igualdade no que se contemplen, entre outras, medidas para evitar calquera práctica discriminatoria contra as traballadoras. Estes plans de igualdade, ademais da realización de campañas de concienciación, "seguen a ser necesarios", sinala o sindicato, "máis cando aínda hai empresarios que pensan que os dereitos de conciliación son unha carga para a empresa". 

Patricia Estévez, no centro, foi despedida de Termocalor ao quedar embarazada © CIG

Para fomentar a natalidade, "traballo digno e servizos públicos de coidados con garantías"

A Secretaría das Mulleres da CIG reclama "traballo digno e servizos públicos de coidados con garantías" e subliña que os datos relativos á caída da natalidade "veñen demostrar o gran fracaso" da Lei de Impulso Demográfico

O sindicato relaciona este tipo de prácticas ilegais coa "grave crise demográfica que padecemos", constatada nos últimos datos estatísticos de natalidade coñecidos hai unhas semanas, que amosan un descenso de 2.000 nacementos por semestre nos últimos cinco anos. Para a CIG, estas "trabas" son determinantes para que as mulleres "acaben preferindo non ter fillas/os nun mundo laboral que é para elas máis precarizado, con salarios máis baixos e con todo tipo de penalizacións adicionais polo feito de ser mulleres".

A Secretaría das Mulleres da CIG reclama "traballo digno e servizos públicos de coidados con garantías" e subliña que os datos relativos á caída da natalidade "veñen demostrar o gran fracaso" da Lei de Impulso Demográfico aprobada polo Parlamento cos votos do PP e que entrou en vigor en febreiro de 2021. A CIG denunciou que esta norma "depositaba nas mulleres a responsabilidade de frear o declive demográfico, relegándoas ao papel de nais e coidadoras e entendendo a conciliación só para que puideran exercer os coidados, sen fomentar en ningún momento a corresponsabilidade".

Nicolasa Castro apunta que “o problema non é que as mulleres queiramos ter fillas ou non. O problema é que sen traballo e condicións laborais dignas, nin querendo poderiamos”

Nicolasa Castro, da Secretaría das Mulleres da CIG, apunta que “o problema non é que as mulleres queiramos ter fillas ou non. O problema é que sen traballo e condicións laborais dignas, nin querendo poderiamos”. Por este motivo o sindicato fai fincapé na necesidade de que o Goberno galego impulse medidas contra a precariedade e de mellora dos servizos sociais e de apoio aos labores de coidado.

Diante desta situación, conclúe a secretaria das Mulleres, “as mulleres novas emigran en busca de mellores condicións de traballo e de vida e as que quedan vense obrigadas a renunciar á maternidade ou a adiala até que garanten unha certa estabilidade laboral e condicións máis dignas”.

Nicolasa Castro, da Secretaría das Mulleres da CIG, © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.