O compromiso electoral de ter en conta certas familias con menos de tres fillos queda condicionado a que o orzamento da Xunta poida asumilo, mentres que nas autoestradas aínda se está a ultimar o sistema 20 meses despois de anuncialo o presidente
Este mércores o presidente Feijóo anunciou tras o Consello da Xunta que o plan do seu goberno para apoiar as familias numerosas vai “duplicar” as súas axudas no período 2021-23 a respecto do anterior período ata un total de 62 millóns de euros durante tres anos nun total de 48 medidas distintas xa en marcha. Porén, o propio Feijóo acabou admitindo a continuación do seu anuncio que varias das súas promesas para esas familias están a verse demoradas, entre elas a de ampliar o concepto de familia numerosa e a de rebaixarlles as peaxes.
A promesa electoral de ampliar a consideración de familia numerosa ás de dous fillos ou ás monoparentais cun fillo chegará "no ano no que orzamentariamente poidamos asumilo"
Por unha banda, o programa electoral co que revalidou a presidencia da Xunta hai case un ano prometía equiparar coas familias numerosas ás de dous fillos ou ás monoparentais cun fillo. Preguntado este mércores por aquela promesa, Feijóo admitiu que “no que hoxe aprobamos non está considerada esa conquista programática” á que “non renunciamos ao longo da lexislatura”. “A que estamos agardandao?”, preguntouse el mesmo, para responder a continuación que “a pasar a COVID e o gasto público que isto conleva” e “en segundo lugar a ver as políticas de impulso demográfico do Goberno central, esbozadas pero non concretadas”.
Con eses condicionantes, di Feijóo, a promesa de ampliar o concepto de familia numerosa para a recepción de axudas públicas chegará “no ano no que orzamentariamente poidamos asumilo”.
A promesa lanzada hai 20 meses de rebaixar as peaxes de volta ás familias numerosas nas dúas únicas autoestradas galegas aínda está en tramitación
Por outra banda, antes mesmo desa promesa electoral o propio Feijóo anunciara no Parlamento, no seu discurso inaugural do debate sobre o estado da autonomía de setembro de 2019, que “durante os próximos doce meses, en paralelo co desenvolvemento da Lei de impulso demográfico e anticipándonos á súa aprobación definitiva, aprobaremos continuamente medidas de calado dentro do Plan de Apoio á Natalidade”, para a continuación enumerar como unha delas: “Bonificaremos as peaxes autonómicas para as familias numerosas”.
20 meses despois daquela promesa, este mércores Feijóo volveuna enunciar como “novidade non menor” do plan para familias numerosas que o seu Goberno viña de validar. Segundo reiterou como se fose unha novidade, o desconto aplicarase nas viaxes de volta na mesma xornada nas dúas únicas autoestradas de titularidade da Xunta, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor.
“Neste momento estamos instalando cámaras nas cabinas de peaxes” e “pedindo as matrículas habilitadas polas familias numerosas”, dixo Feijóo, sobre unha medida aínda non implantada pero que xa foi empregada pola Consellería de Infraestuturas para urxir ao Ministerio de Infraestruturas descontos moito máis elevados na AP-9.