A Xunta adía outra vez a promesa de rebaixas nas peaxes ás familias numerosas que lanzou Feijóo en setembro de 2019

Autoestrada AG-57 Vigo-Val Miñor © Google

O Goberno galego di que “o obxectivo” é que estean en vigor este verán e esixe ao executivo central que aplique “canto antes” os descontos na AP-9 aos que se comprometeu hai un ano co BNG e xa consignados nos orzamentos do Estado

Lanzada por Feijóo o 25 de setembro de 2019 e repetida desde aquela en diversas ocasións, a promesa de que as 27.000 familias numerosas galegas terán descontos nas dúas autoestradas titularidade da Xunta (AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Vigo-Val Miñor) non será realidade ata case dous anos máis tarde, despois de que este mércores a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciase que agora “o obxectivo” é ter implantadas esas bonificacións o próximo verán. Fíxoo ao tempo que urxiu a “aplicación inmediata” e “canto antes” dos descontos na AP-9 aos que o Goberno central se comprometeu hai un ano co BNG e aínda pendentes de concretarse malia estar xa consignados nos orzamentos do Estado.

A conselleira de Infraestruturas e o director xeral de Familia este mércores con representantes da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN CC-BY-SA Xunta de Galicia

A promesa de rebaixa de peaxes para familias numerosas foi lanzada "en paralelo co desenvolvemento da Lei de impulso demográfico e anticipándonos á súa aprobación definitiva", lograda hai un mes malia estar prometida desde 2016

A primeira promesa solemne de Feijóo sobre os descontos a familias numerosas nas dúas estradas autonómicas lanzouna en setembro de 2019 no seu discurso inicial no debate sobre o estado da autonomía, no que dixo que “durante os próximos doce meses, en paralelo co desenvolvemento da Lei de impulso demográfico e anticipándonos á súa aprobación definitiva, aprobaremos continuamente medidas de calado dentro do Plan de Apoio á Natalidade”, para a continuación enumerar como unha delas: “Bonificaremos as peaxes autonómicas para as familias numerosas”.

Aquel anuncio lanzouno ao tempo que a Xunta presumía de descontos xa en marcha nas autoestradas autonómicas e implantaba unha semana despois un novo do 50% nas viaxes realizadas entre as doce da noite e as seis da madrugada, medida que acabou beneficiando apenas a uns 550 vehículos ao día, o 2% dos usuarios diarios que teñen de media esas dúas autoestradas. 

A conselleira de Infraestruturas di que para a implantación da rebaixa hai que instalar 62 cámaras nas entradas e saídas das autoestradas

O anuncio da rebaixa para as familias numerosas foi desligado polo propio Feijóo da despois novamente aprazada Lei de impulso demográfico, prometida xa desde o comezo da anterior lexislatura en 2016 pero non concretada ata hai un mes. Pero a rebaixa volveu ser novamente unha das principais medidas que se publicitaron na tramitación da lei, no programa electoral do PP para o pasado 12 de xullo e mesmo no discurso da cuarta investidura do presidente, o pasado 1 de setembro, case un ano despois da primeira promesa na que falaba dun prazo de “doce meses” para esa medida.

Agora, medio ano despois daquel prazo, a conselleira de Infraestruturas recupera a promesa e fixa o seu obxectivo para o verán argumentando que “para a aplicación operativa destas bonificacións, tecnicamente máis complicada que as que están actualmente en vigor nas autoestradas da Xunta, é preciso desenvolver e implantar un sistema de lector de dispositivos de telepeaxe asociados ás matrículas dos vehículos”. Segundo di, “vincularase cada familia numerosa ao dispositivo de telepeaxe e ao vehículo que corresponda, para a aplicación da bonificación. Isto significa que, tendo en conta as entradas e saídas existentes na AG-55 e da AG-57 será precisa a instalación de 62 cámaras e o sofware necesario para a lectura e recoñecemento da matrícula”. Vázquez non concretou o custo deses dispositivos nin o que suporá para as arcas públicas o pagamento desas peaxes á concesionaria das dúas autoestradas.

Peaxe nunha autoestrada autonómica CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pola contra, a conselleira reclamou ao Goberno central a aplicación “inmediata” e “canto antes” das rebaixas na AP-9 que comprometeu hai un ano co BNG no acordo de investidura de Pedro Sánchez e xa consignadas con máis de 50 millóns de euros nos orzamentos do Estado pero aínda non concretadas, segundo o PSOE pola complexidade da articulación xurídica dun acordo con Audasa que debería chegar ata o remate da súa concesión en 2048. Vázquez reclamou que esas rebaixas estatais “se traduzan en descontos útiles e xustos para os galegos, e non en beneficios para a concesionaria”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.