O tribunal reprocha a Política Social que non admitise documentación que a nai achegou para xustificar a súa recente separación e considerase fóra de prazo a sentenza da custodia da menor emitida posteriormente por un xulgado
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de emitir unha nova sentenza na que condena á Consellería de Política Social a entregar a unha nai a axuda da Tarxeta Benvida a que ten dereito e que lle denegou por un formalismo malia non poñer en cuestión que cumpría os requisitos para obtela. A Xunta non admitiu como válida a sucesiva documentación coa que a muller tentou xustificar que estaba nun proceso de separación da súa parella e cando finalmente presentou a sentenza que regula a custodia da súa filla o Goberno galego argumentou que chegaba fóra de prazo.
O tribunal determina agora que a Xunta si debeu ter en conta a sentenza cando lla entregou a muller e salienta que o propio Goberno galego non puxo en cuestión en todo o proceso que cumprise co resto de requisitos para obter a axuda. Porén, se a muller solicitou a axuda en febreiro de 2020, a Xunta denegoulla un ano máis tarde e a actual resolución xudicial que rectifica ao Goberno galego chega dous anos despois.
A muller solicitou a axuda en febreiro de 2020, a Xunta denegoulla un ano máis tarde e a actual resolución xudicial chega dous anos despois
Segundo o relato dos feitos que fai o TSXG, a muller xa fora beneficiada da Tarxeta Benvida en 2019, o primeiro ano tras o nacemento da súa filla. Esa axuda prevé que poida ser estendida ata os tres anos do neno en determinadas circunstancias, como os baixo ingresos dos proxenitores, así que a comezos de 2020, tras cesar a relación coa súa parella e argumentar a súa nova situación económica, a muller solicitou a ampliación da tarxeta.
Coa súa solicitude a nai entregou o convenio regulador de relacións entre os dous proxenitores que establecía que ela tería a custodia da nena e sinalaba a contía económica coa que contribuiría o pai ao seu mantemento. Máis de sete meses máis tarde Política Social requiriulle que en dez días achegase ese mesmo convenio ou ou sentenza xudicial que regulase as relacións paterno-filiais, ao que a muller contestou con nova documentación xudicial xustificativa da custodia da nena e da relación co pai. A documentación non foi aceptada pola Xunta, que en xaneiro do pasado ano, un ano despois da solicitude orixinal, denegou a axuda.
A muller presentou un recurso administrativo de reposición ante a propia Xunta no que xa si puido entregar a sentenza xudicial firme que non tiña antes sobre a custodia da filla e as achegas do pai, que validaba o convenio previo acadado entre as partes. Pero o Goberno desestimou o recurso por “non aportar a documentación solicitada no prazo concedido”.

A muller tivo que recorrer á xustiza ordinaria, e agora o TSXG dálle a razón. O Tribunal salienta que “a solicitante aportou en prazo a documentación que lle era esixida” e que antes de ter a sentenza xa achegara o convenio regulador no que se lle asignaba a custodia da filla.
Pero vai máis alá. Salienta que a xurisprudencia do Supremo permite que puidese achegar a sentenza na fase de recurso administrativo na que a entregou, algo que considera “acorde co principio antiformalista que inspira o ordenamento”. Podía mesmo achegala “incluso antes de pronunciar a resolución de desistimento se esta aínda non se ditase cando se resolveu o recurso de reposición”.
O TSXG conclúe que a situación ocorrida “é suficiente para que prospere a reclamación, porque o anteriormente analizado é o único motivo que deu lugar á denegación, ademais de que se xustificou que a actora reúne os requisitos para que lle corresponda a axuda que postura, xa non só porque foi beneficiaria da Tarxeta Benvida na anualidade anterior, senón tamén porque ninguén pon en cuestión que na de 2020 tamén os cumpre”.

Hai dous meses Praza.gal revelou outro caso no que o TSXG xa reprochou o "rigor formal extremo" da Xunta ao denegar a mesma axuda
Hai dous meses Praza.gal tamén revelou outro caso doutra sentenza xudicial do mesmo TSXG que reprochou o “rigor formal extremo” co que Política Social denegou a mesma axuda a unha familia numerosa que igualmente tiña dereito a ela. Naquela sentenza o tribunal reprochou á Xunta que “non era tan difícil”comprobar o dato no que se escudara para rexeitar a solicitude senón que “máis ben era cuestión de boa vontade e boa administración”.