O Tribunal Superior vén censurando no último ano “incontables” casos en que o Goberno galego actúa “sen outra finalidade que atopar unha xustificación para a denegación” de subvencións
Hai un ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Consellería de Economía e Emprego a devolver a unha muller que se quería establecer como traballadora autónoma a axuda de 5.000 euros que lle retirara porque tiña unha débeda de 5,88 euros que a propia administración lle impedía pagar. “Un excesivo rigor formal por parte da Administración vén a poñer en cuestión a actividade de fomento [do emprego autónomo] que desde os poderes públicos tanto se pregoa”, censurou daquela o tribunal.
Desde aquela sentenza o Goberno galego vén recibindo outras varias condenas xudiciais -“empezan a resultar incontables”, di o propio TSXG- que cargan con todo tipo de adxectivos contra o xeito en que está a xestionar axudas para o fomento do emprego de persoas con discapacidade, mulleres que queren establecerse como autónomas ou incentivos para a estabilidade laboral.
“Desatino”, “esaxerado rigor formal”, denegacións “sen motivación algunha”, un xeito de actuar que “non parece de recibo” ou “indefensión absoluta” por parte dos solicitantes son algunhas das críticas que vén facendo o tribunal a un proceder da Xunta no que non ve “outra finalidade que atopar unha xustificación para a denegación” das axudas. O TSXG chega a realizar a seguinte valoración global: “Esta rigorosidade por parte da Administración, que este tribunal vén observando nos últimos tempos en materia de axudas e subvencións, mal se compadece coa loable finalidade de fomento do emprego”. Estes son varios exemplos desas sentenzas:
“Desatino” da Administración que “non parece de recibo” para o TSXG
Tras a sentenza de hai un ano contra a retirada da axuda a unha muller que se establecera como autónoma, en decembro o mesmo TSXG condenou novamente á Xunta a darlle a outra muller unha subvención similar que lle denegou argumentando que cando a pediu xa non era demandante de emprego senón que xa estaba de alta no réxime de autónomos. Non era así, por un erro nas datas do propio Servizo Público de Emprego, “desatino” segundo o denomina o tribunal que lle foi comunicado á Consellería pero que esta obviou.
Nun dos casos do último ano o TSXG di que o "desatino" na actuación da Xunta “non parece de recibo e menos aínda cando tal irregular e infundada decisión actúa en contra dos intereses da administrada”
Entre os requisitos para acceder ás axudas para establecerse como nova traballadora autónoma figura o de que a interesada estea desempregada antes da data en que se dea de alta no novo réxime. A Xunta denegou a axuda que solicitara a implicada neste caso argumentando que na base de datos do Servizo Público de Emprego figuraba que xa se dera de baixa como demandante de emprego por darse de alta como autónoma oito días antes desa alta. A Xunta considerou “que a actora non era demandante de emprego na data de inicio da actividade laboral e, por tal razón denega a axuda”, sinala a sentenza.
Pero había un erro nas datas do Servizo Público de Emprego, erro do que a propia interesada informou á Xunta nun recurso contra a denegación da axuda. E erro que admitía o propio director da oficina de emprego na que estaba inscrita a afectada, que certificou que se dera de baixa como demandante de emprego na mesma data en que se dera de alta como autónoma. “Pese a ter coñecemento de dita discordancia”, di a sentenza, a Consellería de Economía e Emprego rexeitou o recurso da interesada “sen motivación algunha”.
A contradición nas datas, di a sentenza, “en modo algún pode ser imputada á recorrente; a Administración dispón de medios bastantes para, na súa relación con outros órganos ou institucións, esclarecer tal dislate. E non o fixo”. A condena di que a actuación da Consellería de Emprego “non parece de recibo e menos aínda cando tal irregular e infundada decisión actúa en contra dos intereses da administrada á que ningunha responsabilidade cabe atribuír no desatino apreciado”. Por iso, o TSXG condenou á Xunta a darlle á muller a axuda que lle denegara e a pagar 1.500 euros de custas procesais.
“Esaxerado rigor formal” tras un “erro” tanto do solicitante como da administración
No mesmo mes de decembro o TSXG tamén deu a razón a unha empresa á que a mesma Consellería de Economía e Emprego lle denegou unha axuda para a integración laboral dun traballador con discapacidade. Tras contratar á persoa, a empresa trabucouse e en vez de trasladar á Xunta unha copia da primeira nómina dese empregado con discapacidade envioulle outra nómina de tres meses despois, segundo argumentou porque paralelamente solicitara outra subvención para outro traballador posterior.
Durante o proceso de revisión da solicitude a Xunta enviou á empresa dous requirimentos distintos para que lle achegase outros documentos que faltaban, pero nada lle dixo de que esa nómina trabucada que entregara estaba mal. Cando a propia empresa se deu conta do seu erro na nómina enviada e de que a Xunta lle pedira subsanar outras deficiencias pero non esa, así llo argumentou, enviándolle a nómina correcta, pero o Goberno galego xa non a aceptou.
“Esta rigurosidade por parte da Administración, que este tribunal vén observando nos últimos tempos en materia de axudas e subvencións, mal se compadece coa loable finalidade de fomento do emprego", di o TSXG nunha das sentenzas
“Fronte á clara, crible e convincente xustificación que ofrece a actora [a empresa], recoñecendo o seu propio erro, a Administración, unha vez máis, fai gala dun extremado rigor formal”, di o TSXG, que engade: “Non alcanza a comprender este Tribunal como efectuando un segundo requirimento á actora (sen dúbida excepcional e plausible en canto favorece os intereses do administrado), o constriña a un documento distinto da repetida nómina. É obvio que iso se debeu, tamén, a un erro, neste caso do órgano administrativo, pero dito erro tivo ocasión de ser subsanado pola Administración” cando posteriormente a empresa lle entregou a nómina correcta.
“Pero non se fixo así e a Administración, levada dun esaxerado rigor formal”, di o tribunal, denegou a reclamación da empresa. “Esta rigurosidade por parte da Administración, que este tribunal vén observando nos últimos tempos en materia de axudas e subvencións, mal se compadece coa loable finalidade de fomento do emprego de persoas traballadoras en situación de discapacidade”, sentenza o tribunal.
“Indefensión absoluta ante a Administración que este tribunal non pode tolerar”
Un mes despois, en xaneiro deste ano, o TSXG volvía condenar á Xunta por denegar unha axuda para contratacións indefinidas de persoas maiores de 30 anos que esgotasen as prestacións de desemprego. Malia que esa era a situación no caso en cuestión, o Goberno galego argumentou que na vida laboral da persoa solicitante aparecía un código numérico distinto do que se correspondía coa situación de “baixa non voluntaria” que requirían as axudas. Tivo que ser a propia traballadora a que posteriormente solicitase ao servizo público de emprego un certificado de que si esgotara a súa prestación, como se esixía, documento que a Xunta xa non tivo en conta.
"A tan invocada transparencia vese envolta nunha nebulosa buscada de propósito e sen outra finalidade que atopar unha xustificación para a denegación da axuda”, censura o tribunal noutra resolución
A censura do tribunal ao proceder da Xunta é directa: “Unha vez máis, e empezan a ser incontables, atopámonos ante un suposto de extremado rigor formalista por parte da Administración en materia de fomento do emprego e a súa estabilidade. E unha vez máis, tamén, a tan invocada transparencia por parte daquela vese envolta nunha nebulosa buscada de propósito e sen outra finalidade que atopar unha xustificación para a denegación da axuda”. Unha “arbitrariedade” por parte da Administración, di o TSXG, que pon á cidadanía “nunha situación de indefensión absoluta ante a Administración, que este tribunal non pode tolerar e se atopa obrigado a corrixir”, o que nese caso fixo condenando á Xunta a conceder unha axuda de 12.000 euros pola contratación da muller e pagar as costas procesuais.
O TSXG pide a Igualdade que ante a dúbida opte por facilitar a iniciativa da muller
O TSXG chegou a pedir a Igualdade que ante a dúbida opte "pola alternativa que facilita en maior medida a iniciativa empresarial da muller”.
Pero as sentenzas do TSXG contra a Xunta pola súa xestión das axudas ao emprego non só afectan á Consellería de Economía. Tamén outros departamentos xestionan axudas similares e reciben sentenzas similares, como a que a comezos deste ano condenou á Secretaría Xeral de Igualdade a volver a tramitar unha axuda para o fomento do emprendemento feminino que denegara.
Na liña do proceder censurado no caso anterior, de “atopar unha xustificación para a denegación da axuda”, estaría tamén o caso desta muller ao que Igualdade denegou a subvención por estimar que non estivera desempregada durante o período mínimo dun mes inmediatamente anterior á data de inicio da súa actividade laboral como autónoma, esixencia que viña establecida na liña de axudas. A muller inscribiuse no servizo de emprego a comezos de xullo de 2018 e deuse de alta como autónoma a finais de agosto, pero a Xunta argumentou que non pasara un mes porque optou por comprobar a súa situación acudindo aos datos da Tesourería Xeral da Seguridade Social, que con independencia de en que día do mes se dea de alta unha persoa como autónoma a contabiliza desde o primeiro día do mes natural.
O tribunal censura o proceder da Xunta e lémbralle que “é competencia do Servizo Galego de Colocación, e non da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a xestión do rexistro de desempregados, polo que é a aquel a quen lle corresponde certificar os períodos de estancia da traballadora en situación de desemprego”. Isto é, Igualdade optou por certificar a situación da muller cunha fonte allea que lle dicía que estivera sen ocupación menos dun mes fronte a outra fonte máis fiable e propia que ratificaba que superara ese prazo e polo tanto tiña dereito á axuda. Ante esa situación, o tribunal remata censurando que se “a finalidade da convocatoria de axuda é a de lograr o efecto útil de fomentar o emprendemento feminino”, ante unha dúbida como esa debera “optar pola alternativa que facilita en maior medida a iniciativa empresarial da muller”.