A Consellería de Traballo retirou unha axuda de 5.000 euros a unha muller desempregada porque tiña unha débeda de 5,88 euros que a propia administración lle imposibilitaba pagar, o que o tribunal considera “excesivo rigor formalista”
“Unha vez máis un excesivo rigor formal por parte da Administración ven a poñer en cuestión a actividade de fomento [do emprego autónomo] que desde os poderes públicos tanto se pregoa”. Con esa frase o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta a devolver a unha muller unha axuda de 5.000 euros para o fomento do emprego autónomo que lle revogara por ter durante uns días unha débeda coa Axencia Tributaria de 5,88 euros, unha contía que o tribunal cualifica de “insignificante” salientando que a propia Administración lle imposibilitaba pagala.
A recorrente solicitou en agosto de 2015 como muller desempregada unha das axudas da Consellería de Traballo para o fomento do emprego autónomo nese colectivo. Foille concedida medio ano despois de pedila, en febreiro de 2016, pero outro medio ano máis tarde a Xunta comunicoulle que debía devolver os cartos por non cumprir os requisitos, en concreto co de estar ao día nas obrigas tributarias. A débeda, de 5,88 euros.
“A revogación da concesión por parte da Administración produciuse sen audiencia da beneficiaria e sen que esta tivese ocasión de acreditar o pagamento do recargo, que tivo lugar con antelación á resolución revogatoria”, salienta a sentenza
A muller, segundo ela por culpa da súa entidade bancaria, non pagara dentro do prazo legal impostos do primeiro trimestre do ano por importe de 117,60 euros. Aínda así, “de maneira voluntaria e sen requirimento algún”, pagouno uns días máis tarde, o 10 de maio, “polo que entendeu que estaba ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias”. Porén, ao non pagalo no prazo legal xerou un recargo do 5%, un total de 5,88 euros cuxa débeda a Axencia Tributaria non lle notificou ata o 20 de xuño. A continuación a muller, dentro do prazo indicado na providencia de apremio, pagou ese recargo de 5,88 euros.
Pero polo medio a Axencia Tributaria certificou á Xunta con data do 14 de xuño que a muller non estaba ao corrente das súas obrigas tributarias por eses 5,88 euros, o que levou á Consellería de Traballo a pedirlle con data 19 de agosto a devolución dos 5.000 euros da axuda.
A sentenza salienta que “a revogación da concesión por parte da Administración produciuse sen audiencia da beneficiaria e sen que esta tivese ocasión de acreditar o pagamento do recargo, que tivo lugar con antelación á resolución revogatoria” do 19 de agosto. O tribunal considera que a Xunta cometeu unha ilegalidade ao revogarlle a axuda porque non transcorrera o prazo establecido pola Axencia Tributaria para o pagamento do recargo de 5,88 euros, polo que aínda non era unha débeda executiva.
A sentenza salienta a imposibilidade da muller de pagar os 5,88 euros antes de que a Axencia Tributaria lle comunicase á Xunta que tiña esa débeda: “Dito recargo non é autoliquidable, polo que, ata que non exista a liquidación coa correspondente carta de pagamento, o seu aboamento non pode ser satisfeito"
Pero a sentenza vai máis alá e salienta a imposibilidade da muller de pagar ese recargo de 5,88 euros antes de que a Axencia Tributaria lle comunicase á Xunta que tiña esa débeda. “Dito recargo non é autoliquidable, polo que, ata que non exista a liquidación coa correspondente carta de pagamento, o seu aboamento non pode ser satisfeito; e esta liquidación foille notificada á actora o 20 de xuño, seis días despois de certificar a Axencia Tributaria que non se atopaba ao corrente do pagamento das súas obrigas tributarias”. “Cando se revoga a concesión da axuda (19 de agosto) a demandante xa satisfixera os 5,88 euros de recargo”, conclúe a sentenza.
O tribunal explica que aínda que as axudas forman parte dun proceso de concorrencia competitiva, ao que poden acudir outros solicitantes, a Xunta puido resolver a situación coa autónoma en cuestión sen quitarlle directamente a axuda a ela. E insiste: “Este tribunal non pode compartir o excesivo rigor formalista de que fai gala a Administración demandada á hora de revogar a axuda concedida. Nada impedía á Administración instar, baixo outorgamento de prazo para a subsanación de defectos, a acreditación do extremo controvertido [o pagamento da débeda pendente de 5,88 euros]; e iso en modo algún irrogaría prexuízos a outros aspirantes á concesión das axudas”.
A sentenza condena á Xunta a devolver á afectada non só os 5.000 euros senón tamén os intereses desde que lle reclamou os cartos, así como a asumir as costas xudiciais do proceso.