Lisardo Domínguez, secretario xeral da organización Autónomos de Galicia, AUGA, cualifica de “chapuza administrativa e de fracaso político rotundo” o aprazamento sine die da Lei de Emprendedores que “tanto bombo lle deu o Goberno estas semanas atrás como solución a todos os males que padecen os autónomos e emprendedores, como a eles lles gusta chamar tamén”. Para Domínguez, “achacar a demora na aprobación da lei a factores como erros e tensións no Goberno, ven confirmar a infinidade de buratos que ten a lei mesma, e que na práctica non resolverían os problemas fundamentais dun sector que ocupa máis da cuarta parte de tecido produtivo do país”. Para o secretario xeral, “a verdadeira causa de non sacar adiante xa esta Lei que está a reclamar un colectivo que morre lentamente día a día diante dos ollos dos propios políticos non é outra que a propia ineficacia da mesma, non resolvendo os problemas fundamentais do colectivo: o acceso ao financiamento e o pago do ive das facturas non cobradas”.
O secretario xeral da organización Autónomos de Galicia, AUGA, afirma que “a Lei non resolvería o verdadeiro problema que ten o sector: a financiamento”
En palabras de Lisardo Domínguez, “esta Lei, de aprobarse, tan só convencería a parte da patronal e algunhas organizacións sindicais e empresariais afíns ao Goberno, pero non lle dá solución a os problemas de fondo do colectivo”. O propio Consello Económico e Social (CES) elaborou un contundente ditame no que afirma que a falta de rigor na definición do obxecto da norma e do ámbito de aplicación “explica a falta de coherencia sistemática do Anteproxecto, porque as súas disposicións normativas non están estruturadas”.
Lisardo Domínguez sostén que o verdadeiro problema dos autónomos é a falta de acceso ao crédito, “que está a ocasionar unha perda de postos de traballo diario que se os sumamos, serían maior que a quebra da máis grande empresa do país. O asunto é que como é un goteo silencioso, empresa a empresa, día a día, non fai ruído mediático. Pero se sumamos todos os peches dende principio de ano até hoxe, a cifra sería titular a toda páxina nos diarios e medios nacionais”.
Para a organización AUGA, “é vital que se convoque xa en Galicia a mesa de Autónomos"
Para a organización AUGA, “é vital darlle financiamento ao colectivo, pero tamén é vital que os gobernos, o de Madrid e o de aquí se decaten de quen está a traballar verdadeiramente polo colectivo, e que se convoque xa en Galicia a mesa de Autónomos para poñer enriba da mesa o verdadeiro tsunami que nos vén enriba se non paramos esta sangría”.
Auga sostén que “se están a favorecer colectivos empresariais que non representan significativamente o sector dos autónomos de Galicia”. E denuncia que a Xunta “parece que foxe da palabra autónomos e queren promocionar a de emprendedor, obviando así un colectivo historicamente marxinado e que é una parte insubstituíble do tecido empresarial”.
Tamén critica AUGA que dende o Ministerio de Trabalo se estea favorecendo que algúns parados soliciten o total da prestación para poder investir despois nos seus proxectos e traballar como autónomos
Tamén critica AUGA que dende o Ministerio de Trabalo se estea favorecendo que algúns parados soliciten o total da prestación para poder investir despois nos seus proxectos e traballar como autónomos: “con iso eliminan da lista do paro numerosas persoas que capitalizan a súa prestación case máis como un medo a deixar de cobrar o paro que coa vontade de poñer un negocio. Para nós isto é un plan de axuda para converter parados en autónomos forzosos cando en realizade o que habería que facer e axudalos coa formación e o financiamento, a través de, primeiro, apoio para realizar plans de negocios viables e sostibles, e segundo, axilizarlle o acceso ó crédito”. Un total de 22.800 parados decidiron esta fórmula no primeiro trimestre do ano: capitalizar a prestación para traballar como autónomos.