Un cidadán que podía recorrer unha decisión no prazo dun mes "a partir do día seguinte" fíxoo na mesma xornada e a Xunta nin o tramitou, pero o TSXG di que foi un erro arranxable co simple paso do tempo e censura dar "o mesmo trato á persoa dilixente que á neglixente"
"Contra esta resolución pode interporse recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación". Pero o cidadán non agardou nin un día, presentou un recurso na mesma xornada e a Xunta nin sequera quixo tramitalo por ser demasiado rápido. Agora si terá que facelo, porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) di que o erro no que incorreu o cidadán eran arranxable co simple paso do tempo.
A administración, salienta o tribunal nunha sentenza agora feita pública, non tiña máis que agardar a que pasase un día para que o escrito que xa estaba no seu poder fose válido. E o prazo de inicio non pode ter a mesma consideración que o de remate, matiza a resolución xudicial, porque non se pode dar "o mesmo trato á persoa dilixente que á neglixente".
O caso agora resolto polo TSXG de xeito favorable ao cidadán comezou cando este recibiu unha resolución da Consellería de Política Social denegatoria dunha renovación do título de familia numerosa. Na propia resolución, e na normativa dese trámite, sinálase que os recursos que a cidadanía queira interpoñer contra as decisións da Xunta teñen un mes de prazo que comeza "o día seguinte" da notificación da resolución ao afectado. Pero neste caso o cidadán presentou o recurso "ese mesmo día" e o Goberno galego inadmitiuno a trámite "por extemporáneo", neste caso "por prematuro ou anticipado".
O cidadán recorreu á xustiza e esta vén de darlle a razón. Sen entrar no fondo da cuestión, en se tiña ou non dereito á renovación do título de familia numerosa, para o que achegaba documentación xustificativa co recurso, o TSXG ordena á Xunta "a retroacción das actuacións", que admita a trámite o recurso e que resolva de xeito motivado sobre a cuestión de fondo.
"O simple paso das horas dese día provocará que chegue o día seguinte ao da notificación e a Administración teña xa nas súas mans o recurso", evidencia o tribunal
O TSXG chega a esta decisión tras admitir que a normativa establece efectivamente que o prazo para recorrer comeza ao día seguinte. Pero ao contrario do que argumenta a Xunta de que sería igualmente incorrecto presentar un recurso un día despois de rematado o prazo dun mes, o tribunal di que esa postura é "esaxeradamente rigorista desde un aspecto formal".
E achega dous argumentos. Por unha banda, "estariamos outorgando o mesmo trato a unha persoa dilixente que á neglixente ou descoidada". E por outra, "aínda no caso de considerar a presentación do recurso o mesmo día da notificación un defecto, o certo é que sería subsanable, incluso automaticamente polo transcurso do tempo".
Isto é, se a administración entendía que o recurso presentado un día antes era incorrecto, debía ofrecer ao cidadán a posibilidade de corrixilo, como contempla a xurisprudencia. Pero ademais neste caso "os principios de racionalidade e economía procesual" levarían a que o afectado non tivese que facer nada "porque o simple paso das horas dese día provocará que chegue o día seguinte ao da notificación e a Administración teña xa nas súas mans o recurso".

O TSXG di que "en caso de dúbida" a Xunta debía admitir a trámite o recurso xa que estes non se contemplaron para protexer a Administración, senón como unha garantía dos cidadáns"
En todo caso, di a sentenza, "en caso de dúbida" por parte da administración, debía "prevalecer o criterio favorable á admisión dos recursos". E remata o tribunal lembrando que "o sistema de recurso administrativo non se estableceu para protexer a Administración, senón como unha garantía dos cidadáns", de xeito que "este carácter debe primar sobre calquera outro".
A sentenza agora coñecida súmase a outras moitas coas que o TSXG vén criticando os excesivos formalismos da Consellería de Política Social fronte a dereitos que ten a cidadanía.