O Tribunal Superior censura que a Consellería de Economía non saiba que un “pago en efectivo”, prohibido pola normativa, sería darlle os cartos directamente a un provedor, pero non a través dunha entidade financeira que permite controlar a transacción
A Xunta vén de ser condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a devolver a un autónomo a axuda de 5.000 euros para comezar a súa actividade que lle concedera e que posteriormente lle quitou por facer un pagamento a un provedor ingresando os cartos directamente na conta bancaria deste e non a través dunha transferencia. A Consellería de Economía argumentou que a normativa das axudas impide os ingresos en efectivo, pero o tribunal censúralle que non saiba que iso se produciría se lle dese os cartos directamente ao provedor, e non a través dunha entidade financeira, que permite controlar a transacción.
Agora o Goberno galego terá que pagarlle ao autónomo os 5.000 euros, intereses, e as costas do proceso, nunha nova sentenza que se produce tras diversos pronunciamentos xudiciais anteriores que censuraron "arbitrariedade", "falta de transparencia" ou "extremado rigor formalista" nas axudas ao emprego da Xunta.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, unha persoa que previamente estivera en situación de desemprego solicitou unha axuda para a promoción do emprego autónomo que a Xunta lle concedeu por importe de 5.000 euros. O autónomo tivo que xustificar posteriormente os investimentos en maquinaria que realizou, de algo máis de 3.000 euros, e foi nese momento cando a Consellería de Economía considerou que non quedaba acreditado o pagamento ao provedor porque “foi efectuado en efectivo” malia que a normativa que regula as axudas impide ese tipo de transaccións.
O autónomo recorreu primeiro na vía administrativa contra a decisión da Xunta de retirarlle a axuda, pero o Goberno galego insistiu en que “o pago da factura foi en efectivo, mediante ingreso nunha conta bancaria, pero non mediante transferencia bancaria, como esixe a convocatoria”. Obrigado a recorrer á xustiza ordinaria, agora o TSXG vén de darlle a razón.
O tribunal salienta que o autónomo "non tivo ánimo algún de ocultación nin defraudación” xa que documentou que os cartos chegaron á empresa que lle subministrou a maquinaria e foron declarados
O tribunal salienta que está acreditado que o autónomo “non tivo ánimo algún de ocultación nin defraudación” e enumera todo o que fixo para que así fose: ingresou os cartos nunha conta do Banco Sabadell titularidade da empresa que lle subministrou a maquinaria, demostrou a coincidencia da entidade subministradora e da receptora do pagamento así como do importe da factura que esta emitiu coa suma ingresada, e a propia empresa provedora declarou o ingreso recibido á Axencia Tributaria.
Segundo o tribunal, “a errónea conceptuación do que ha de entenderse como pago en efectivo conduciu á Administración á indebida revocación da axuda”, e lembra que “o pago en efectivo que pretende evitarse” é “o realizado ao contado directamente á entidade que subministrou” a maquinaria, “pois dese xeito podería favorecerse unha hipotética fraude (tributaria e relativa á auténtica suma abonada) ao realizarse a escondidas entre receptor e emisor do pago”. Porén, “no caso presente queda eliminada esa posibilidade, xa que os pagos se efectuaron a través dunha entidade bancaria que así o acredita”.
A sentenza tamén rexeita que a tramitación da axuda se reinicie para "evitar que o procedemento administrativo se converta nunha sucesión constante de resolucións, en cada unha das cales se vaia advertindo un distinto defecto formal de fondo”
O TSXG lembra que a lei de prevención de branqueo de capitais considera pagos en efectivos os realizados tanto con billetes e moedas como incluso con medios electrónicos que permitan pago ao portador “sen intermediación dunha conta bancaria ou instrumento similar en que quede plasmada a operación de abono”. Porén, o ingreso directo na conta bancaria “nin queda oculto nin impide aquela fiscalización administrativa, polo que non pode quedar comprendido na prohibición”.
A sentenza tamén rexeita unha petición subsidiaria que facía a Xunta para que, no caso de que o tribunal admitise o recurso do autónomo, como así pasou, o procedemento administrativo para concederlle a axuda volvese á súa fase de xustificación previa ao outorgamento dos cartos. Pero o TSXG rexeita tamén esa pretensión “a fin de evitar que o procedemento administrativo se converta nunha sucesión constante de resolucións, en cada unha das cales se vaia advertindo un distinto defecto formal de fondo”.
“A Administración puido e debeu analizar toda a documentación presentada, e se apreciaba algunha outra deficiencia, ademais da que motivou a revocación da axuda, debeu expoñelo na resolución que ditou”, sentenza o tribunal, que lembra que neste caso a axuda xa estaba outorgada “e revocouse despois unicamente” polo suposto pago en efectivo que non foi tal.