Persianas baixadas, protestas e manifestacións doutra volta en Galicia de centos de dependentas do comercio téxtil e de calzado en Galicia. Outra xornada de folga contra o convenio estatal que pretende a patronal ARTE (Asociación Retail Textil de España) e reclamando da patronal galega un acordo para blindar os convenios provinciais que nin chega nin ten trazas de chegar.
A folga mobiliza centos de dependentas nas cidades galegas e obriga a pechar doutra volta numerosas tendas
A cidade da Coruña —na súa sexta xornada de folga nos últimos meses— volveu ser o epicentro da mobilización no país contra o preacordo asinado pola patronal estatal (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) e CCOO e Fetico que, segundo os sindicatos convocantes, CIG e UGT, "busca recortar dereitos e centralizar as relacións laborais".
Partindo da praza de Lugo, contorna onde se xuntan varias tendas das principais marcas de roupa, a manifestación percorreu varias rúas da Coruña denunciando o convenio ARTE e sinalando as patronais provinciais e a Inditex por bloquear os intentos dun acordo interprofesional en Galicia que deixe o país á marxe do marco laboral para todo o Estado, como así se fixo en Euskadi.
CCOO, que xa asinou un preacordo, di ter acadado "novos avances" na reunión deste luns á espera da nova xuntanza do 27 de maio
As mobilizacións tiveron lugar tamén no resto de cidades galegas, onde moitas tendas pecharon e se acusou as patronais de "non querer negociar" ou de intentar "roubar" os dereitos adquiridos polas traballadoras nos últimos anos. "Negociar aquí e non en Madrid", resumen. Todo coincidindo cunha nova xuntanza da mesa de negociación dun convenio estatal que podería asinarse definitivamente en calquera momento.
Non se fixo aínda e CCOO, que ten asinado xa un preacordo, asegura ter acadado este luns "novos avances", como establecer un tope máximo do 15% de persoal fixo descontinuo nos cadros de persoal, que 21 días de vacacións se poidan coller no verán ou que o máximo de días seguidos traballando sexa de oito, con tres días libres consecutivos despois. As próximas reunións están fixadas para os 27 e 28 de maio e para o 2 de xuño.
A CIG, pola contra, di que na reunión deste luns "non houbo ningunha mellora relevante" e que tanto a patronal como "os seus cómplices insisten en empeorar as condicións das traballadoras galegas".
"Manter as condicións"
Con todo, manteñen o pulso as dependentas —a mobilización é fundamentalmente de mulleres nun sector moi feminizado— na súa pelexa por non empeorar as condicións e por un acordo a nivel galego para manter as melloras conseguidas durante anos de loita. "Pedimos que nos manteñan as condicións actuais, nin tan sequera mellora ningunha, senón conservar o que temos", lembrou de novo este luns Lucía Domínguez, delegada da CIG na Coruña.
A central nacionalista e UGT advirten de que a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría "a desaparición ou a redución ao mínimo das negociacións provinciais; conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado; e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando ao sector, xerando condicións dispares entre persoas da mesmo centro que realizan as mesas funcións".
CIG e UGT denuncian que o novo convenio suporía precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos para o persoal do téxtil en Galicia
En concreto, aseguran que suporía a rebaixa de entre 2.000 e 3.000 euros ao ano na Coruña e Pontevedra ou duns 5.000 euros para quen se incorpore ás tendas de Inditex na provincia coruñesa. Ademais, perderíanse complementos de antigüidade ou de transporte en diferentes territorios, así como a voluntariedade do traballo de festivos e domingos.
Tamén perder outros dereitos conseguidos tras anos de loita en diferentes provincias galegas, como o cobro íntegro do soldo no caso de enfermidade ou vacacións sen períodos vetados, entre outros. Tamén se reduce a planificación de horarios e calendarios a cinco semanas de antelación, recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses e permítese a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.