Nova xornada de mobilizacións e folga no comercio téxtil e de calzado de toda Galicia. Será este vindeiro luns 11 de maio, no marco da prolongada loita que boa parte das traballadoras —nun sector moi feminizado— levan a cabo contra o convenio da patronal ARTE(Asociación Retail Textil de España).
A folga deste vindeiro luns 11 chega tras a do 27 de abril en toda Galicia; na provincia da Coruña é a sexta nos últimos meses
Convocada por CIG e UGT, a folga chega tras a convocada o pasado 27 de abril nas catro provincias pero será xa a sexta nos últimos meses na da Coruña. Coincide cunha nova xuntanza da mesa de negociación do convenio en Madrid e será outra protesta contra o preacordo asinado pola patronal (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) e CCOO e Fetico que, segundo os sindicatos convocantes, "busca recortar dereitos e centralizar as relacións laborais".
CIG e UGT advirten de que a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría "a desaparición ou a redución ao mínimo das negociacións provinciais; conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado; e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando ao sector, xerando condicións dispares entre persoas da mesmo centro que realizan as mesas funcións".
CIG e UGT denuncian que o novo convenio suporía precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos para o persoal do téxtil en Galicia
En concreto, aseguran que suporía a rebaixa de entre 2.000 e 3.000 euros ao ano na Coruña e Pontevedra ou duns 5.000 euros para quen se incorpore ás tendas de Inditex na provincia coruñesa. Ademais, perderíanse complementos de antigüidade ou de transporte en diferentes territorios, así como a voluntariedade do traballo de festivos e domingos.
Tamén perder outros dereitos conseguidos tras anos de loita en diferentes provincias galegas, como o cobro íntegro do soldo no caso de enfermidade ou vacacións sen períodos vetados, entre outros. Tamén se reduce a planificación de horarios e calendarios a cinco semanas de antelación, recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses e permítese a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
As protestas reclaman á patronal galego un acordo interprofesional que blinde os convenios provinciais
Coa folga e as protestas reclámase tamén á patronal galega do comercio "que sente negociar un acordo interprofesional de ámbito autonómico que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa sobre o marco estatal". A CIG xa trasladou en dúas ocasións esta petición por escrito á patronal. "De maneira teimuda e na liña contraria á seguida pola patronal vasca, nega a posibilidade dun acordo galego", denuncia o sindicato nacionalista.
Mobilizacións nas cidades
Na provincia da Coruña a convocatoria de folga atinxe o conxunto do persoal do comercio vario, mentres que en Pontevedra, Ourense e Lugo afecta o persoal das empresas asociadas á patronal ARTE, así como a todas as persoas que presten servizo naquelas compañías que estarán afectadas polo ámbito funcional establecido no preacordo asinado o pasado día 23 de marzo. Isto é, as dedicadas principalmente ao comercio téxtil e de calzado que conten cun cadro de persoal superior a 400 persoas e unha superficie de venta física superior a 3.500 metros cadrados no ámbito do convenio.
Haberá mobilizacións nas sete cidades galegas:
- A Coruña: ás 12:00 horas, manifestación dende a Praza de Lugo até o CC Catro Camiños.
- Compostela: ás 09:30 horas, manifestación dende a Praza Roxa até a Praza de Galiza e ás 12:30 horas manifestación dende a Praza de Galiza até As Cancelas.
- Ferrol: ás 12:00 horas, manifestación dende a porta principal do CC Odeón.
- Lugo: ás 12:00 horas, concentración no CC As Termas.
- Ourense: ás 11:00 horas, mobilización dende a Casa Sindical até Zara da rúa do Paseo.
- Pontevedra: ás 11:00 horas, concentración diante de Mango Muller.
- Vigo: ás 11:00 horas, manifestación dende o Cruce de Gran Vía até Príncipe e ás 17:30 horas, manifestación dende Vialia até Príncipe.