Dependentas de Inditex logran unha suba de 4.800 euros brutos ao ano e suspenden a folga previa ao Nadal

Manifestación pola folga das dependentas de Inditex na Coruña o 25 de novembro CC-BY-SA CIG

As dependentas das tendas de Inditex da provincia da Coruña suspenden a folga tras lograr unha mellora retributiva que "responde ás demandas trasladadas" cun incremento de 322 euros mensuais retroactivo a novembro, cando comezaron as protestas

Esta vez si, as dependentas de Inditex acordan coa empresa unha mellora retributiva que "responde ás demandas trasladadas" polas traballadoras da provincia da Coruña e que vai permitir "acurtar as enormes diferenzas salariais que existen cos compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo". 

As delegadas da CIG nas tendas de Inditex da Coruña fixeron públicos este xoves os froitos das mobilizacións e  días de folga que veñen realizando desde o mes de novembro para reclamar uns salarios dignos que lles permitan "chegar a fin de mes". O detalle do preacordo pactado coa multinacional do téxtil pasa por aplicar un incremento salarial de 322 euros ao mes a partir da nómina de xaneiro e con carácter retroactivo a novembro.

Rolda de prensa das delegadas da CIG en Inditex anunciando o acordo acadado coa empresa CC-BY-SA CIG

"Despois de denegarlle un incremento salarial xusto e de menosprezar a súa capacidade de loita, Inditex comprometíase onte coa CIG", destacan desde a central sindical, que con esta suba, multiplicada polas 15 mensualidades que perciben as traballadoras, calculan que suporá un incremento anual total de máis de 4.800 euros brutos

As delegadas da CIG en Inditex critican que "para minimizar a exemplar loita das traballadoras" a empresa non asine un acordo específico e as melloras se inclúan no convenio

Inditex foi incrementado a oferta ata que chegaron a estes 322 mensuais que, a falta de ter o texto final por escrito, será efectivo na primeira nómina de 2023. Deste aumento mensual, 122 euros foron a través do incremento do denominado "plus sede", explican desde a CIG, "que nunha primeira fase ás traballadores lles pareceu insuficiente e polo tanto continuaron adiante coas mobilizacións e folgas, até conseguir que Inditex premese na patronal provincial do comercio vario para que se outorgaran outros 200 euros nun plus de convenio específico".

O convenio do sector aínda está en fase de negociación, pero grazas ás presións das mobilizacións as representantes sindicais conseguiron que a empresa con sede en Arteixo se comprometa a facer efectiva esta suba xa na nómina de xaneiro, sen agardar á sinatura e publicación do convenio.

As delegadas da CIG en Inditex lamentaron que "para minimizar a exemplar loita das traballadoras e ocultar o papel da central nacionalista neste conflito, a multinacional se negase a asinar directamente coa representación social un acordo para o persoal das súas tendas". Con todo, co acordado queda suspendida a folga prevista para este venres 23, previa ás celebracións polo Nadal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.