Inditex, condenada polo TSXG por negarse a adaptar o horario dunha traballadora que reduciu a súa xornada por ser nai

Tenda de Stradivarius na Praza de Lugo da Coruña © Concello da Coruña

A sentenza obriga a Inditex non só a permitirlle traballar no horario solicitado, senón a indemnizala con 3.000 euros

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de recoñecer a unha traballadora de Stradivarius -cadea propiedade de Inditex- o seu dereito a determinar o seu horario laboral no momento de solicitar unha redución de xornada para o coidado da súa filla, que na actualidade ten dous anos. A empresa denegara este dereito e inicialmente un tribunal deulle a razón á compañía. Porén, a traballadora recorreu esa sentenza e o TSXG vén de darlle a razón. A sentenza obriga a Inditex non só a permitirlle traballar no horario solicitado, senón a indemnizar á traballadora con 3.000 euros.

A traballadora, que leva máis de 15 anos na empresa, foi nai a mediados do ano 2019 e inicialmente pediu unha excedencia entre o mes de novembro dese ano e xullo de 2020. Nese momento solicitou a súa reincorporación cunha redución de xornada a 25 horas semanais (anteriormente traballaba 36 horas semanais), en horario de mañá de 10 a 15 horas. 

Tenda de Stradivarius na Praza de Lugo da Coruña © Concello da Coruña

A empresa non aceptou o horario solicitado pola traballadora para poder coidar a súa filla, manténdolle un esquema de quendas sucesivas mañá-tarde. Ela viuse obrigada a alongar a súa excedencia

Porén, a empresa non aceptou este novo horario, manténdolle un esquema de quendas sucesivas mañá-tarde. A traballadora viuse obrigada a alongar a súa excedencia para así poder coidar a súa filla, pois o seu home traballa tamén a xornada completa, cun conseguinte sacrificio económico e tamén persoal, pois o conflito coa súa empresa supúxolle "un gran trastorno, con estados de nerviosismo e insomnio, e ansiedade pola manifesta inseguridade á hora de garantir unha atención axeitada á súa crianza", destaca a CIG, que celebra o resultado da sentenza, que xa é firme.

O sindicato di que a empresa "continúa supeditando facilitar os dereitos de conciliación do seu persoal a que acredite que non ten outras alternativas de coidado" cando se trata dun dereito individual do traballador ou traballadora, como deixa claro a sentenza

O tribunal lembra que o Estatuto dos Traballadores recoñece este dereito fundamental, que é ademais individual, polo que a persoa que solicita unha redución de xornada "non ten que acreditar a inexistencia doutros mecanismos para conciliar a vida familiar". Así mesmo, o Estatuto recolle que “a concreción horaria e determinación do período de goce da redución de xornada corresponderán ao traballador, dentro da súa xornada ordinaria”, un dereito que “só en supostos excepcionais de abuso de dereito, mala fe, ou manifesto quebranto para a empresa debe decaer”. 

É dicir, a determinación do horario nas reducións de xornada depende en exclusiva do traballador ou traballadora, agás situacións debidamente xustificadas pola empresa. A sentenza do TSXG salienta que a empresa non acreditou en ningún momento razóns de especial excepcionalidade para denegar este dereito fundamental, máis aló dun "xenérico alegato á organización do traballo en quendas sucesivas”.

Sede central de Inditex en Arteixo CC-BY-SA Nemigo

A CIG denuncia que a empresa non substitúe as horas que se reducen, o que lle leva a incrementar o seu beneficio, aumentar a carga de traballo do resto de persoal e fomentar as divisións entre as compañeiras

A CIG sinala que "a vulneración dos dereitos de conciliación forma parte da política laboral de Inditex de maneira que as traballadoras e traballadores se ven na obriga de ter que recorrer permanentemente á xustiza para poder gozar dos seus dereitos". O sindicato di que a empresa "continúa supeditando facilitar os dereitos de conciliación do seu persoal a que acredite que non ten outras alternativas de coidado", cando se trata dun dereito individual do traballador ou traballadora, que non depende da existencia ou non doutras posibilidades de atención para o neno ou nena.

O sindicato denuncia que, a pesar de que Inditex adoita "alegar motivos organizativos para denegar este dereito", cando traballadoras ou traballadores se acollen a reducións de xornada a empresa "non substitúe estas horas que reducen, nin co persoal propio para que poidan así ampliar as súas xornadas (pois na maioría dos casos teñen contratos a tempo parcial), nin con persoal externo".

"Detrás de toda a propaganda e da boa prensa que rodea a Inditex, a realidade nos centros de traballo, sobre todo nos máis precarizados como as tendas, é un desprezo absoluto polas necesidades esenciais de conciliación", di a CIG

"Con todo isto, Inditex aforra estes salarios e consegue con este incumprimento sistemático da lei un triple beneficio: incrementar ganancias a conta de explotar as traballadoras con máis carga de traballo, fomentar as divisións entre as compañeiras polo exercicio dos dereitos recoñecidos na lexislación e denegar o dereito a concretar a súa xornada por coidado apelando a causas organizativas", di a CIG.

O sindicato conclúe que "detrás de toda a propaganda e da boa prensa que rodea a Inditex, a realidade nos centros de traballo, sobre todo nos máis precarizados como as tendas, é que hai un desprezo absoluto polas necesidades esenciais de conciliación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.