A sentenza condena á empresa a indemnizar ademais á muller “polos danos morais causados”
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha traballadora con dous fillos menores de doce anos a que a súa empresa, Mercadona, a cambie de sede xeográfica para conciliar a súa vida familiar. Na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo, os xuíces destacan que os dereitos de conciliación son “dereitos fundamentais, dada a súa vinculación coa prohibición de discriminación sexista e co dereito á intimidade familiar”.
Neste caso concreto, divulgado este sábado polo TSXG, os maxistrados admiten o dereito dunha empregada dun supermercado de Lugo a adaptar xeográficamente o seu contrato e, polo tanto, ao traslado ás instalacións que a empresa ten en Vilalba, o seu lugar de residencia, para que poida conciliar a súa vida familiar. Ademais, os maxistrados impuxéronlle á compañía o pago de 6.000 euros á prexudicada en concepto de indemnización “polos danos morais causados”. “Ao non concretar a empresa como afectaría á súa organización acceder á pretensión solicitada pola empregada, máis aló desa oposición xenérica, temos que concluír que a negativa empresarial a acoller a súa petición é inxustificada, non operativa e, polo tanto, vulnera o seu dereito á conciliación”, salientan os xuíces no fallo.
A empresa alegou que no centro de traballo ao que quería trasladarse a empregada non había vacantes, pero o tribunal censura que si, xa que se transformaron contratos temporais en indefinidos
O TSXG aborda na resolución a adaptación xeográfica como manifestación da conciliación familiar e conclúe que o artigo 34.8 do Estatuto do Traballador “ampara un cambio de centro por mor da conciliación familiar”, aínda que a persoa traballadora debe “acreditar que a adaptación é necesaria para facer efectiva a conciliación, esixíndose, adicionalmente, que as adaptacións solicitadas sexan razoables e proporcionadas en relación ás súas necesidades e ás necesidades organizativas ou produtivas da empresa”.
Neste caso, a empresa alegou que no centro de traballo de Vilalba non había vacantes que ofertarlle, polo que defendeu que “se facía imposible, aínda querendo, adaptar xeograficamente o seu contrato”. Con todo, a Sala asegura que si había vacantes, pois entende que a transformación de contratos temporais en indefinidos -como sucedeu en Vilalba- equivale á existencia de postos vacantes. “Non compartimos que o lexítimo dereito deses traballadores á estabilidade do seu emprego se poida considerar preferente ao da conciliación familiar, a pesar do argumentado pola empresa na súa impugnación”, salientan os maxistrados. Así, indican na sentenza que existían varios contratos temporais no centro de traballo de Vilalba e que a empresa transformou, polo menos, un contrato dos temporais en indefinido.