O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar o dereito dos traballadores a mudar as súas quendas de traballo para a conciliación. Nunha sentenza da súa sala do Social, dá a razón a unha enfermeira dun hospital privado da Coruña á que recoñece o "dereito a conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral" adaptando a súa quenda para poder coidar da súa filla e logo de que a empresa lle negase nun principio esa posibilidade.
O Tribunal dá a razón a unha enfermeira á que recoñece o "dereito a conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral" adaptando a súa quenda de traballo
O ditame, xunto con outro do mesmo tribunal de hai unhas semanas, certifica un dereito recoñecido de maneira pioneira por un xulgado de Vigo hai ano e medio e no que se obrigara tamén unha empresa a adaptar a xornada laboral dunha traballadora para facilitarlle a conciliación.
Na sentenza, ditada o pasado mes de marzo, o Superior acepta o recurso de súplica presentado pola muller tras o ditame do xulgado do Social que denegara as súas demandas. Logo de ter unha filla en setembro de 2019, e reincorporada ao traballo en xaneiro de 2020, a enfermeira solicitou adaptar a súa xornada para levala a cabo en quenda de mañá, pero a xustiza deu por bos os argumentos da empresa.
A compañía xustificou o seu rexeitamento á petición da empregada en que non había "vacantes nin postos de enferrmaría de nova creación en quenda fixa de mañá" ou que, de atender a súa petición, "sería necesario contratar novo persoal para cubrir quendas de tarde e noite ou ben realizar modificacións substancias por cambio de quenda a outros compañeiros".
O xuíz ordena o hospital privado a que as xornadas de tarde durante a semana pasen á mañá e a pagarlle 3.500 euros por danos e prexuízos
Agora, o TSXG obriga o hospital privado a manterlle á traballadora "as xornadas de mañá e noite e que as tardes pasen a mañás pero mantendo as tardes da fin de semana", ademais de condenala a pagar á muller 3.500 euros "en concepto de danos e prexuízos".
O maxistrado lembra que o hospital "non acreditou a existencia de necesidades organizativas e produtivas que xustificasen a negativa á petición" nin "abriu o preceptivo proceso de negociación entre a empresa e a traballadora", aludindo, por exemplo, á posible infracción do artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores.
Neste caso, é clave a última modificación que deste artigo se deu mediante o Real Decreto Lei 6/2019 de 1 de marzo de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, lembrado pola incorporación do rexistro de xornada obrigatorio da xornada laboral, pero que incluíu tamén o dereito a adaptar a xornada laboral para compatibilizar traballo e vida persoal, que xa estaba recoñecido pero que foi reforzado coa nova redacción.
Un decreto lei de 2019 obriga ás empresas a abrir unha negociación dun mes de haber solicitude para adaptar a xornada, algo que nin sequera fixo o hospital
No devandito artigo explícase que na negociación colectiva pactaranse os termos deste derito de conciliación pero que, na súa ausencia, a empresa, "ante a solicitude de adaptación de xornada, abrirá un proceso de negociación coa persoa traballadora durante un período máximo de trinta días". Finalizado, comunicará a aceptación da petición, formulará unha alternativa ou manifestará a súa negativa, neste caso, "indicando as razóns obxectivas nas que se sustenta a decisión".
Na súa sentenza, o TSXG lembra que non houbo "unha expresa e tanxible negociación entre as partes ao non constatarse o cruzamento de propostas e contrapropostas" que sería "o razoable tendo en conta a propia literalidade do artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores". E lembra que o hosptial "non efectuou, realmente, unha verdadeira proposición que implicase esforzo nin vontade de adaptar ou modificar o necesario para ofrecer unha alternativa viable".
O TSXG advirte que "os dereitos de conciliación teñen prevalencia" sobre os intereses empresariais
Ademais, sinala que "os dereitos de conciliación teñen prevalencia" sobre os intereses empresariais e que a compañía "non pode entrar a analizar como organiza o coidado da súa filla" a muller, que si argumentou que a súa parella era autónoma e monitora dun ximnasio ou que a pequena acudía a unha escola infantil na que, agás en casos excepcionais, non se podían superar as oito horas diarias.
O xuíz ordena a modificación dos horarios e as quendas para facilitar a conciliación da demandante e o pago por parte da empresa de 3.500 euros polo "dano derivado do atraso inxustificado á hora de proceder á contestación e da propia negativa a conceder unha adaptación de xornada que se presenta como xusta".
Outra sentenza do TSXG ratificou o dereito dun traballador a adaptar a súa quenda por conciliación familiar sen ter que reducir a xornada nin o salario
Este ditame coñécese poucas semanas despois de que o mesmo TSXG ratificase a sentenza pola que se aceptaba unha demanda do sindicato CIG no xulgado do Social de Ourense en marzo do 2020 e que recoñece o dereito tamén dun traballador a adaptar a quenda de traballo por conciliación familiar sen ter que reducir a xornada nin o salario.
Neste caso, un operario do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF) solicitara á Consellería do Medio Rural unha modificación horaria en base ao devandito Real Decreto Lei 6/2019 para poder axeitar o seu horario ás responsabilidades familiares.
A Secretaría Xeral Técnica da Consellería deu resposta negativa á petición e nin tan sequera iniciou a negociación nun prazo de trinta días que recolle o Estatuto dos Traballadores, motivo polo cal o traballador acudiu ao xulgado, que lle deu a razón nunha sentenza logo ratificada polo TSXG.