A empresa terá que adaptar a xornada laboral da traballadora, de xeito que pase a ter quendas semanais alternas para poder conciliar
Unha empresa viguesa do sector cárnico terá que adaptar a xornada laboral dunha das súas traballadoras, casada e con dous fillos, de xeito que pase a ter quendas semanais alternas para poder conciliar a súa vida familiar e laboral. Así o obriga unha sentenza pioneira, ditada polo Xulgado do Social n.º 2 de Vigo, que acredita que a empresa dispón de persoal suficiente e coa preparación necesaria para poderlle conceder á denunciante a súa "petición razoable".
A sentenza subliña que o dereito é "personalísimo da traballadora" e que "nada ten que acreditar sobre se o seu home ten máis doado conciliar ou non" ou se terceiras persoas poderían coidar dos fillos
O ditame, que é firme, rexeitou de plano as alegacións da empresa, que chegara a esixirlle á traballadora que procurase que fose o seu home o que intentase o cambio de horario no seu propio centro de traballo ou que tentase que terceiras persoas se ocupasen dos fillos. Porén, a sentenza subliña que o dereito exercido é "personalísimo da traballadora" e que "nada ten que acreditar sobre se o seu home ten máis doado conciliar ou non" ou se terceiras persoas poderían coidar dos fillos menores, lembrando neste senso unha sentenza do TSXG ditada o pasado mes de maio.
A demanda fora presentada polos servizos xurídicos de CCOO ao abeiro do Real Decreto-lei 6/2019 de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación. É a primeira sentenza destas características que o sindicato consegue na comarca viguesa desde a aprobación do decreto.

A demandante, que xa ten recoñecida unha redución de xornada, traballa de luns a venres de 16 a 22 horas. A súa parella traballa en dúas quendas horarias rotatorias, unha semana de 7 a 15 horas e a seguinte de 15 a 23 horas. A traballadora pediu adaptar o seu horario, de xeito que nas semanas nas que o seu home traballase polas tardes, ela o fixese polas mañás, de 8 a 14.
De cumprirse o esixido pola empresa, "podería abocarse á traballadora a abandonar o seu posto para poder acudir ao coidado dos seus fillos; e isto non é o que persegue a igualdade efectiva entre homes e mulleres"
A empresa alegou que iso non era posible, sinalando que a parte máis importante da súa actividade se realizaba polas tardes e que na compañía non hai quendas rotatorias. Porén, o xuíz lembra o contido no artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores, que dende a reforma deste verán sinala que "as persoas traballadoras teñen dereito a solicitar as adaptacións da duración e distribución da xornada de traballo, na ordenación do tempo de traballo e na forma de prestación, incluída a prestación do seu traballo a distancia, para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral".
A sentenza destaca así mesmo que, de cumprirse o esixido pola empresa, "podería abocarse á traballadora a abandonar o seu posto de traballo para poder así acudir ao coidado dos seus fillos; e isto non é o que persegue a igualdade efectiva entre homes e mulleres". E conclúe que a compañía non demostrou "unha imposibilidade real de adaptar o horario laboral" da traballadora, pois na empresa hai varios empregados e empregadas que poderían cumprir esa función específica nas tardes das semanas que ela traballase pola mañá.