Inditex acelera coa pandemia os peches de tendas e a viraxe ao negocio en internet entre temores do persoal

Mobilización polo peche dunha tenda de Inditex CC-BY-NC-SA CIG

Un total de sete tendas pechará o grupo Inditex en Galicia nos primeiros catro meses deste 2021. Ao peche xa confirmado a finais do pasado xaneiro do establecemento de Uterqüe en Santiago uniranse seis máis ata finais de abril nun plan de reestruturación que afectará outras 43 persoas. 

Inditex pechará sete tendas en Galicia nos catro primeiros meses deste ano, nunha reestruturación acelerada pola pandemia pero vixente desde hai anos

Foi no pasado mes de xuño, ao presentar por primeira vez números vermellos polo impacto da pandemia, cando Inditex anunciou que botaría o peche progresivamente a entre 1.000 e 1.200 tendas en todo o mundo, principalmente as máis pequenas e as máis antigas, para adaptarse ao auxe do comercio por internet, cuxas vendas supoñían arredor do 15% do total do grupo, que prevé que alcancen o 25% en 2022,  unha cifra que podería mesmo superarse no balance de 2020 por mor do impacto da pandemia e o confinamento. 

De feito, o incremento interanual das vendas online no grupo foi do 75% nos primeiros nove meses do pasado ano, acentuando un camiño, o da clausura de establecementos, iniciado xa en 2012 pero que foi acelerado polos efectos do coronavirus. 

Mobilización contra os traslados polo peche dunha tenda de Inditex CC-BY-NC-SA CIG

"O obxectivo é poder integrar todo o posible o online, abrindo tendas máis grandes e con máis ferramentas tecnolóxicas e pechando as máis pequenas; a idea é que poidas encontrar nos establecementos todo aquilo que atopas tamén na web, pero nos locais máis reducidos era imposible ter toda a colección", explican desde Inditex. 

O grupo téxtil pechará tendas en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Cee ata o mes de abril

A primeira rolda de peches, no primeiro cuadrimestre do ano, afecta arredor de 80 tendas no conxunto do Estado e, finalmente, sete en Galicia: a xa clausurada de Uterqüe en Santiago; tres de Massimo Dutti na Coruña, Lugo e Ourense; un Zara Home e un local de Stradivarius en Compostela; e un de Kiddy's Class en Cee. Son arredor de 50 persoas afectadas nun proceso que, ata 2023, prevé o fechamento de máis de 20 puntos de venda no país.  

"A pandemia acelerou as vendas por internet e o proceso que xa estaba en marcha", explica o grupo téxtil, que prevé acabar esta reestruturación coa apertura de 450 tendas de última tecnoloxía e chegar a unha rede de entre 6.700 e 6.900 establecementos en todo o mundo.

O compromiso, plasmado en outono nun acordo a nivel estatal entre a empresa e Comisións e UGT, foi o de recolocar todo o persoal afectado noutras tendas ou áreas do grupo e manter o emprego e as condicions laborais. "Foi positivo porque antes de acadalo a idea era ir clausurando unha a unha as tendas, coa aplicación da lexislación vixente, peches por causas obxectivas e unhas indemnizacións de 20 días por ano traballado", explica Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos en Galicia. 

CCOO, UGT e Inditex asinaron un acordo para garantir as recolocacións e condicións laborais, pero o primeiro peche en Galicia provocou unha folga da CIG

O límite máximo fixado para os traslados foi de 25 quilómetros e, no caso de supor un cambio de domicilio, a empresa reembolsa os gastos da mudanza e os gastos do traslado cun límite de ata 3.000 euros. 

Pero o primeiro dos peches, o de Uterqüe en Santiago, acabou con protestas e unha convocatoria de folga por parte da CIG, que cre que Inditex "aproveita os peches para recortar os dereitos adquiridos coa loita dos últimos anos". Malia que as promesas, segundo o sindicato, foron as de manter as condicións, a central denuncia que non se garantían os calendarios, a xornada ou a categoría, o que implicaba unha redución das retribucións ou quendas de tarde en exclusiva, coa afectación que isto supón na conciliación. 

Sede central de Inditex, en Arteixo © Xunta

Así, e segundo explica Carmiña Naveiro, secretaria de Acción Sindical da CIG-Servizos e delegada do sindicato na Coruña, dúas traballadoras optaron pola rescisión ante a imposibilidade de conciliación, outra reintegrouse nunha tenda de Massimo Dutti coas mesmas condicións e outra marchou a Zara. Un acordo non de todo satisfactorio, segundo a CIG, pero mellor do ofrecido. 

"A reestruturación non se debe a un tema económico nin organizativo, senón que é unha decisión para cambiar o modelo de negocio; é un ERE encuberto amparado no acordo marco asinado con CCOO e UGT", denuncia Naveiro, que acusa a Inditex de "aproveitar as renuncias lóxicas de quen non pode desprazarse varios quilómetros para manter o traballo". 

Desde CCOO, Juan Zas, que advirte do "positivo" dese acordo xeral, si recoñece o "desacordo" e o "incumprimento" por parte da compañía dalgúns puntos pactados, unha situación que empresa e representantes do persoal intentan agora arranxar nunha mesa de negociación activa desde hai algunhas semanas. 

Nova negociación ante "incumprimentos"

"A Inditex sóbranlle medios e capacidades para poder recolocar a xente afectada polos peches coas mesmas condicións"

Desde CCOO piden "que se garantan vacantes suficientes e de calidade" para as 43 persoas afectadas polos seis vindeiros peches, ademais de solicitar que se amplíe o prazo de adscricion voluntaria. "Non estamos contentos; as vacantes ofrecidas non son suficientes porque entendemos que pode haber máis", engade Zas, que asegura que se a reestruturación se debe a un proceso de dixitalización, "hai novos postos de traballo que son necesarios crear para os pedidos online, novos empregos que non se están a ofrecer". "Hai un compromiso de formación para estes labores", explica. 

Ademais, Zas tamén recoñece que hai "algún desfasamento" nalgunha recolocación ofrecida en canto á xornada laboral. "Se tiñas 36 horas semanais, non poden ofrecerche 30", destaca, quen insiste en que, no entanto, "son esas novas vacantes" aínda non ofrecidas as que manteñen as diferenzas entre empresa e persoal. 

"A Inditex sóbranlle medios e capacidades para poder recolocar a xente afectada polos peches coas mesmas condicións", remata Carmiña Naveiro, que insiste en que lle parece "moi ben que a empresa queira cambiar o seu modelo de negocio, pero non pode facelo a conta dos dereitos das traballadoras". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.