O Tribunal Superior lembra que a “actitude silente” da administración ante unha petición expresa de adaptación do horario supón unha “vulneración de dereitos fundamentais”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de avalar unha sentenza previa dun xulgado do social que recoñeceu a un bombeiro forestal o dereito a adaptar o seu horario laboral por conciliación familiar para atender dunha filla. A súa petición á Consellería do Medio Rural foi rexeitada fóra do prazo legal que ten a administración para contestar e “de forma xenérica”, sen sequera abrir unha negociación como esixe a lei. A Xunta recorreu a sentenza inicial favorable ao empregado público e o TSXG volveu quitarlle a razón lembrando que a “actitude silente” da administración ante unha petición expresa de adaptación do horario por conciliación familiar supón unha “vulneración de dereitos fundamentais”.
A sentenza salienta que, no caso de non estar de acordo coa proposta de adaptación horaria que lle formulou o bombeiro forestal, a lei impón á administración “a obriga de abrir un proceso de negociación coa persoa traballadora durante un período máximo de trinta días”. E sinala que neste caso foi “incumprido pola Xunta de Galicia, pois nada consta acreditado que se abrira un proceso negociador”.
Nese punto, o TSXG analiza se a falta desa negociación outorga por si mesma ao empregado o dereito á adaptación de xornada solicitada, para o que recorre á súa propia xurisprudencia. Nela lémbrase que a adaptación de xornada por conciliación familiar non é un dereito absoluto, pero que “as súas limitacións en función do interese empresarial só son admisibles en atención a un triplo test de idoneidade, necesidade e proporcionalidade”, ao que engade que “a actitude silente da empresa ante a solicitude da persoa traballadora debe entenderse como unha vulneración de dereitos fundamentais”.
A lei obriga ao empregador que non estea conforme coa petición de adaptación de horario a abrir unha negociación durante 30 días, pero a Xunta non o fixo e rexeitouna pasado ese prazo con argumentos xenéricos
No caso agora xulgado a sentenza admite que a adaptación de xornada proposta polo bombeiro forestal, nun servizo que implica un desprazamento conxunto de todos os membros das brigadas, “non parece moi razoable e proporcionada”, pero engade que “a Administración empregadora non acreditou a existencia de problemas organizativos en caso de acceder á petición do traballador demandante”.
“É máis, nin tan sequera se preocupou de abrir un proceso de negociación, limitándose a responder de forma negativa corenta días despois da solicitude, e en dita resolución o único que se alega de forma xenérica é que ‘a concesión suporía a limitación dos dereitos dos seus compañeiros’, pero se descoñece de que dereitos se trata e que dereitos limita”, di o TSXG. Na causa, engade, a sentenza, "nada consta sobre a disfunción que provoca a adaptación de xornada con respecto aos demais membros da brigada, nada se probou pola Xunta de Galica". Ante esa actuación da Xunta, a xustiza outorga ao traballador a adaptación horaria que solicitou.