Outra xornada de folga nas tendas de Inditex da provincia da Coruña. A CIG convocou este novo paro este xoves para rexeitar o que considera un "ERE encuberto" que a multinacional téxtil está a levar a cabo "ao abeiro do proceso de dixitalización".
A CIG denuncia que Inditex leva a cabo un "ERE encuberto ao abeiro do proceso de dixitalización"
O núcleo da protesta tivo lugar desta vez en Ferrol, no centro comercial Odeón, nunha xornada onde persoal das tendas de Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear estaba chamado ao paro e onde traballadoras se concentraron ao mediodía para denunciar o "práctico desmantelamento" da rede comercial física de Inditex na comarca e unhas recolocacións "en condicións de auténtica miseria".
O paro parcial deste venres, que tivo lugar entre as 11 e as 15 horas e un "amplo seguimento" segundo a CIG, chega polo que a central considera unha "destrución de emprego" e "precarización" das condicións de traballo do persoal a raíz do cambio de modelo de negocio de Inditex, que coa pandemia acelerou a viraxe ao negocio en internet e o peche de tendas.
"As vacantes que ofrece Inditex non teñen un mínimo de calidade. A alternativa que teñen as traballadoras é acollerse a unha praza en peores condicións"
Dos 24 peches de establecementos previstos pola multinacional neste proceso en Galicia, doce foron xa materializados. Segundo a CIG, non chegaron acompañados con recolocacións que garantan o mantemento das condicións laborais e salariais que tiñan as empregadas. O pasado 31 de maio, a primeira xornada de folga na provincia fora tamén secundada "masivamente", segundo a central nacionalista.
"As vacantes que ofrece a empresa non teñen un mínimo de calidade. A alternativa que teñen as traballadoras é acollerse a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais de 16 horas semanais cando antes estaba a 40 horas ou con horarios que lle impiden conciliar, polo que, na práctica, vense obrigadas a ter que marchar cunha indemnización mínima", denuncian desde a CIG.
Foi no pasado mes de xuño, ao presentar por primeira vez números vermellos polo impacto da pandemia, cando Inditex anunciou que botaría o peche progresivamente a entre 1.000 e 1.200 tendas en todo o mundo, principalmente as máis pequenas e as máis antigas, para adaptarse ao auxe do comercio por internet, cuxas vendas supoñían arredor do 15% do total do grupo, que prevé que alcancen o 25% en 2022.
"A pandemia acelerou as vendas por internet e o proceso que xa estaba en marcha", explicou o grupo téxtil, que prevé acabar esta reestruturación coa apertura de 450 tendas de última tecnoloxía e chegar a unha rede de entre 6.700 e 6.900 establecementos en todo o mundo.
O compromiso, plasmado en outono nun acordo a nivel estatal entre a empresa e CCOO e UGT, foi o de recolocar todo o persoal afectado noutras tendas ou áreas do grupo e manter o emprego e as condicions laborais. Pero a CIG denuncia que non se fai así e pide garantir respector os ingresos, xornada, horarios e categoría que ten o persoal e "realizar o mínimo traslado posíbel". Para logralo, reclama á multinacional que abra unha mesa de negociación en Galicia.
Roberto Pérez, responsable de comercio da CIG-Servizos da Coruña, denuncia que Inditex "estea destruíndo emprego nas tendas e pretenda precarizar as condicións das traballadoras e dos traballadores escudándose no cambio de modelo de negocio, cando vén de anunciar uns beneficios de 412 millóns no primeiro trimestre, e cando podería reciclar e recolocar todo este persoal, xa que se están creando novos postos para atender a venda electrónica, que tivo un aumento espectacular e constante no último ano".
"O que evidencian as cifras anunciadas é que grazas á dixitalización Inditex está superando todos os records de vendas e que desta crise, a empresa vai saír reforzada", rematou.