A mobilización das traballadoras de H&M logrou que a multinacional dese finalmente marcha atrás na súa intención de pechar a tenda de Ourense afectada polos recortes e despedimentos que a empresa formulara para varios establecementos a través dun ERE en todo o Estado. As protestas e os seis días de folga fixeron finalmente ceder ao xigante téxtil, que tampouco reduciu horarios nin despediu ningunha das 18 mulleres e dous homes que traballan no establecemento.
"Sabemos que non é habitual que unha multinacional deste tipo dea marcha atrás, e non contabamos con lograr o que logramos, pero loitamos e H&M recuou finalmente, freando un peche que tería sido surrealista", explica Paula Fernández, delegada sindical da CIG na tenda, unha das tres que no conxunto do Estado se salvou finalmente da clausura.
En Vigo, pola súa banda, as protestas lograron que as empregadas do establecemento da rúa Príncipe sexan finalmente recolocadas e eviten tamén os despidos. Todo nun plan de recortes que afectou tamén, en maior ou menor medida, establecementos de Narón, A Coruña e Lugo.
"Non é habitual que unha multinacional coma esta dea marcha atrás, pero loitamos e H&M freou un peche que tería sido surrealista", di a delegada da CIG
As traballadoras de Ourense amosan agora a súa "satisfacción" logo de ser as primeiras en decidir, en solitario, convocar unha folga que logo se estendeu a varios establecementos galegos de H&M, multinacional con máis de 110.000 empregados en todo o mundo. Ata seis días pararon as traballadoras na cidade das Burgas para elevar unha presión que "se non foi definitiva si que foi importante". "No resto de tendas de Galicia afectadas decidiron esperar polos sindicatos maioritarios, pero nós decidimos iniciar a loita", explica Fernández.
O persoal da tenda de Ourense foi ás mobilizacións da man CIG, que criticou a CCOO e UGT a nivel estatal por impedir, "en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE, a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadaran a representación necesario". O ERE de emprego atinxía 126 tendas en todo o Estado e, neste contexto, xunto á folga apoiada pola central nacionalista desenvolveuse tamén en Euskadi unha mobilización semellante á marxe dos dous principais sindicatos de ámbito estatal.
As vinte traballadoras foron as primeiras en botarse á rúa e convocar folga á marxe doutras tendas
Finalmente, as mobilizacións acabaron por espallarse en varios territorios, o que serviu para rebaixar o número de persoas incluídas no ERE e para mellorar as condicións das que si foron afectadas, que pasaron das 1.100 iniciais ás 350 en todo o Estado.
Ademais, as negociacións a nivel estatal tamén lograron elevar as indemnizacións por despedimento até os 45 días por ano traballado para o persoal contratado antes de febreiro de 2012 e até os 33 días por ano a partir desa data.
En Ourense, nin fixo falta. Salváronse os empregos e unha tenda que, lembra Paula Fernández, "sempre estivo entre as máis rendibles do Estado e a de mellores cifras do norte". "Era inexplicable a decisión de pechar porque, mesmo coa pandemia e o aumento da venda online, os nosos datos eran bos", engade quen destaca o "apoio e agarimo" da cidadanía ourensá, clave na súa loita.
"Foi un labor meritorio e exemplar dun persoal moi novo, de mulleres con cativos pequenos e nunha cidade con escasas alternativas laborais"
"Falamos dun cadro de persoal moi novo, a inmensa maioría mulleres con cativos pequenos e nunha cidade onde as alternativas laborais son escasas", destaca Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal de CIG-Ourense, que cualifica de "exemplar" a actuación do persoal de H&M na cidade, pola súa iniciativa e a súa mobilización.
"Foron as primeiras en botarse á rúa e en convocar folga en defensa dos seus postos de traballo e dos seus dereitos laborais; fixeron un labor moi meritorio", insiste Pérez Carballo, que advirte de que, aínda que no caso de Ourense non é tan relevante, "a pandemia e a posibilidade de vender online está facendo moito dano ao emprego". "Se cadra na sociedade deberíamos facer unha reflexión sobre como e onde mercar; moitas veces tiramos pedras contra o noso propio tellado", remata.