As 65 traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra decidiron continuar coa folga iniciada hai xa seis días e apoiada pola totalidade do cadro de persoal. A representación das empregadas mantiveron este martes unha longa xuntanza (dende a unha do mediodía ata case as nove da noite) con persoal directivo de Inditex, pero a reunión rematou sen acordo. Na base do conflito están os baixos salarios que cobran (uns 130 euros mensuais menos do que reciben por exemplo as empregadas das tendas da provincia da Coruña polo mesmo traballo) e a xeneralizada precariedade, cun 90% de contratadas a tempo parcial, horarios que lles impiden conciliar coa vida familiar e vacacións inferiores aos 13 días no verán.
"As compañeiras están moi motivadas. Imos continuar a folga e imos, ademais, endurecela"
De momento, as traballadoras de Pontevedra xa conseguiron un incremento de 80 euros, pero seguen 50 euros por debaixo do obxectivo de igualar o salario que reciben as súas compañeiras da provincia da Coruña. Este martes, a empresa limitouse a ofrecer un aumento de 10 euros o ano que vén, outros 10 euros no 2019 e outros 10 euros no 2020, ata un total de 30 euros máis ao mes para as xornadas completas. As traballadoras comunicáronlle que, para desbloquear a situación, aceptarían un aumento de 25 euros máis a partir do 1 de xaneiro, pero esta contraoferta foi rexeitada pola multinacional galega. Unha asemblea celebrada este mércores pola mañá ratificou a negativa a aceptar as condicións ofrecidas por Inditex.
"As compañeiras están moi motivadas. Imos continuar a folga e imos, ademais, endurecela", sinala Transi Fernández, secretaria de CIG-Servizos en Pontevedra. "Mañá imos estar un día máis na porta das tendas e o venres imos ir a Arteixo outra vez [á sede da empresa, onde xa se manifestaron este luns]. Estamos deseñando novas accións. Imos facer todo o posible para que se visibilice o conflito", engade.
"Isto non pasou nunca, nin nas folgas do metal. É incrible o control informativo"
Fernández explica que "a xente está moi queimada, enfurecidas polo pouco caso que nos están a facer dende a empresa e os medios de comunicación". "O paro non está aparecendo en case ningún medio de comunicación, nin La Voz de Galicia, nin Faro de Vigo, nin Atlántico Diario, nin a TVG, nin a Radio Galega... A pesar de que as cinco tendas levan xa seis días pechadas e de que o 100% do cadro de persoal, todas mulleres, están en folga", di. "Isto non pasou nunca, nin nas folgas do metal. É incrible o control informativo", sinala.
"Efecto dominó"
Con todo, a representante de CIG-Servizos si destaca que "a folga estase seguindo con atención a través das redes sociais, por exemplo dende Euskadi e Navarra, segundo nos din os sindicatos de alí". En efecto, entre os apoios chegados dende distintos puntos do Estado salienta o da central sindical vasca LAB, que fixo público un comunicado no que lle traslada o seu apoio e solidariedade ao persoal pontevedrés de Bershka, “xa que nos parece que a forza e a solidariedade entre todas as traballadoras/es de todas as marcas de Inditex en todo o mundo é indispensábel para facerlle fronte a unha multinacional que se aproveita da man de obra precaria de milleiros de traballadoras/es para multiplicar os seus beneficios”.
"Neste sector, as primeiras que fan unha folga son un exemplo a seguir, todas as nosas compañeiras noutras provincias están agardando a ver como sae"
"Neste sector, as primeiras que fan unha folga son un exemplo a seguir, todas as nosas compañeiras noutras provincias están agardando a ver como sae", destaca Transi Fernández, que cre que a negativa de Inditex a aceptar as demandas das traballadoras de Bershka en Pontevedra se debe a que "temen un efecto dominó", que outros territorios e tendas tamén reclamen melloras nos seus contratos e condicións.
Esixen que "as empregadas e empregados do comercio, un sector amplamente feminizado, deixemos de ser traballadoras e traballadores de segunda"
As traballadoras das cinco tendas de Bershka en Pontevedra (tres en Vigo, unha en Vilagarcía e outra na capital provincial) salientan a "importancia da loita colectiva". “Non nos regalan nada, e se nolo poden quitar, fano. Polo tanto, é imprescindíbel o compromiso de loita de cada unha das traballadoras e traballadores de Inditex en defensa dos dereitos conseguidos ata agora e por mellorar condicións laborais totalmente asumíbeis por absolutamente todas as marcas do grupo téxtil”, subliñan.
Denuncian que "a temporalidade, a flexibilidade, a carga de traballo, os baixos salarios, en resumo, a precariedade, son o pan de cada día nos nosos centros de traballo”. E esixen que "as empregadas e empregados do comercio, un sector amplamente feminizado, deixemos de ser traballadoras e traballadores de segunda e teñamos unhas condicións laborais dignas".