A folga en Bershka paraliza durante catro días as súas tendas na provincia de Pontevedra

Concentración de traballadoras de Bershka CC-BY-SA CIG

Nesta semana, o vindeiro xoves, o fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, cobrará 628 millóns de euros pola última retribución do ano que pagará a empresa téxtil aos seus accionistas. Sumará así, neste ano, un total de 1.256 millóns en cocepto de dividendos da compañía galega. Na mesma semana, 65 traballadoras -o 100% do persoal- dunha das súas cadeas na provincia de Pontevedra continúan cunha folga indefinida que suma xa catro días e que mantén pechados os cinco establecementos de Bershka en Vigo (3), Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. 

O 100% do persoal -65 traballadoras- manteñen a folga indefinica desde o xoves e paralizaron a actividade de Bershka na provincia

Neste luns, traballadoras desa marca na provincia de Pontevedra concentráronse na sede de Inditex en Arteixo. Trasladaron aló as reivindicacións polas que levan desde o pasado xoves 27 en paro, cun seguimento total nas cinco tendas afectadas. Reivindican rematar coa "discriminación" que denuncian ao manteren unhas condicións laborais diferentes ao do resto de cadeas, pero tamén ás que as empregadas da mesma marca teñen noutras provincias como na Coruña. A negativa de Bershka, ao igual que de Kiddy's Class, a equiparar laboralmente o persoal dun territorio co doutro foi o que levou á convocatoria da folga. 

Logo de mobilizacións durante varios días fronte ás tendas afectadas e tras a deste luns na sede da multinacional, a empresa púxose en contacto co comité de empresa para convocalo a unha xuntanza este martes ao mediodía. "Agardamos ter un achegamento de posturas, pero polo momento non supón nada e a nosa folga segue adiante", di Rebeca Dicha, delegada do comité, que amosa a súa "satisfacción" por conseguir, cando menos, "que a empresa dea un paso á fronte". "Traballo en Inditex e non chego a fin de mes", berraron este luns en Arteixo. 

O persoal denuncia peores condicións que o Bershka na Coruña e que as do resto de traballadores doutras tendas do grupo

As diferenzas das que se queixan as traballadoras teñen que ver coa xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente. Reclaman "as mesmas condicións que o resto de cadeas" do grupo téxtil e poñen o foco tamén na precariedade que sofren. Así, lembran que o 90% do persoal traballa a tempo parcial, que son "obrigadas" a facer complementarias en lugar de veren aumentada a xornada, tal e como solicitan, ou que os horarios non lles permiten "conciliar" coas súas familias e que non poden nin dispor de 13 días de vacacións nos meses de verán. 

As representantes das traballadoras advirten de que cobran "130 euros menos" ao mes que as empregadas de Bershka na provincia da Coruña, "polo mesmo traballo e na mesma empresa". Unha diferenza considerable en soldos, ademais, precarios. "Non chegamos a mileuristas", aclaran as empregadas. 

O 90% das empregadas sono a tempo parcial e cobran "130 euros menos" que as compañeiras da Coruña polo mesmo traballo e na mesma empresa

Xa o ano pasado, e logo de diversas mobilizacións, o persoal en territorio coruñés pactou unhas melloras que non foron implementadas nin nestas tendas nin nas da Kiddy's Class en Pontevedra. "Si se mellorou noutras cadeas do grupo onde se levaron a cabo negociacións desde principios de 2017, tal e como estaba previsto; no noso caso, e logo de varias xuntanzas e intentos de desbloquear a situación mediante o diálogo, non houbo avance ningún, polo que decidimos ir á folga", explica Dicha. 

Entre as reclamacións, piden a consolidación en aumento de xornada do 15% do total das horas complementarias feitas cada ano no conxunto da provincia e seguindo o criterio de antigüidade. Tamén piden un sábado libre ao mes, un máximo de res peches semanais ou unha pausa extra de dez minutos. Ao tempo, o comité reivindica melloras, como un plus de 80 euros ao mes en todas as xornadas (en 16 pagas) ou outro de 50 mensuais para a xornada máxima, así como abonos en concpeto de axudas escolar ou por nacemento de fillos. Tamén solicitan que se garantan 14 días de vacacións entre xullo e agosto para todo o persoal ou permiso non retribuído, de 15 días a tres meses, para traballadoras con antigüidade mínima dun ano na empresa. 

Desde as organizacións políticas, o BNG lembrou na súa conta oficial de Twitter que "Amancio Ortega é o home máis rico do mundo, pero as traballadoras de Inditex non chegan a fin de mes". "Nós, coas traballadoras de Bershka!", expresou para a amosar o seu apoio a unha folga durante a que tamén se realizaron a pasada fin de semana "accións de compra-devolución" en tendas de Pull&Bear, cuxos responsables chamaron á policía, que levou a cabo identificacións. Agora, o comité esperará ao que Inditex "ofrece" na reunión deste martes para decidir se continuar ou non co paro. 

Tenda de Bershka pechada pola folga CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.