O pasado 30 de abril, o persoal de H&M en Ourense desenvolveu a primeira xornada de folga impulsada, da man da Confederación Intersindical Galega, contra o expediente de regulación de emprego (ERE) formulado pola compañía téxtil sueca. Dado o "éxito" da primeira xornada de mobilización, o seguinte día de paro de 24 horas -este 8 de maio- será secundado tamén na Coruña e Lugo, anuncian.
A CIG subliña que só dúas das oito tendas galegas da multinacional sueca quedan "de momento, libres das consecuencias do ERE"
Sinala a central sindical que só dúas das oito tendas galegas da firma, as de Pontevedra e Santiago, "quedan, de momento, libres das consecuencias do ERE". O plan da compañía, detallan dende a representación do persoal, é pechar as de Ourense e Narón e a da rúa Príncipe de Vigo. Mentres, explican, na da Gran Vía viguesa, a do centro comercial Marineda da Coruña e na das Termas de Lugo, "habería despedimentos e modificacións de condicións de traballo".
O conflito laboral está a ser especialmente agudo no caso ourensán porque, defende a CIG, "H&M Ourense é unha das tendas máis rendibles da marca en todo o Estado". "Segundo os propios datos internos da empresa, ocupa o terceiro lugar na ratio estatal de rendibilidade", resaltan.
Malia estas circunstancias, censuran, "a aplicación do ERE en Ourense suporá a perda de vinte postos de traballo". A eles, sinala o sindicato, habería que "sumar o impacto colateral noutras empresas e sectores", dende os provedores "ás tendas dos arredores".
A CIG reclama a negociación do ERE "por territorios, non estatal", a comezar pola "retirada dos despedimentos nos centros de traballo que nin sequera teñen perdas"
Neste contexto e despois de que, na primeira xornada de folga, a tenda ourensá "non chegase a abrir as portas en toda a xornada", a CIG confirma que "o persoal de Lugo e A Coruña súmase ás mobilización das súas compañeiras" e "tamén convocarán paros de 24 horas os días 8 e 15 de maio". Ademais, sinalan, o persoal de Ourense "está a debater se amplían ao 14 de maio a convocatoria prevista para o 8 e o 15".
Ante a nova fase do conflito laboral, a central sindical engade as súas críticas a CC.OO e UGT a nivel estatal xa que, acusan, "en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE, impediron a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadamos a representación necesaria". O expediente de regulación de emprego atinxe a 126 tendas en todo o Estado e, neste contexto, xunto á folga apoiada pola CIG desenvólvese tamén en Euskadi unha mobilización semellante á marxe dos dous principais sindicatos de ámbito estatal.
En última instancia, resaltan, a intención é tentar frear o ERE e, en todo caso, "reclamar que se negocie por territorios e non a nivel estatal". No inicio da táboa reivindicativa, resaltan, está a esixencia da "retirada dos despedimentos nos centros de traballo que nin sequera teñen perdas".