"Se non me queixo, róubanme os de Arteixo": as dependentas de Inditex inician a folga con "éxito de seguimento"

Dependentas de Inditex, concentradas este xoves 24 no centro da Coruña © CIG

A CIG destaca o "exito de seguimento" destas primeiras horas de paro, que "anticipa un seguimento masivo da folga" para a xornada do venres, á que están convocadas as dependentas de todas as tendas de Inditex na provincia da Coruña

Este xoves comezou a folga á que están convocado o persoal das tendas de Inditex na provincia da Coruña e que terá este venres -xornada de black friday- o seu día máis importante. Con todo, o paro adiantouse naqueles establecementos que presentaban xa este xoves descontos relacionados coa xornada de rebaixas de mañá. A mobilización, que reclama un incremento salarial que "permita chegar a fin de mes", está impulsada pola CIG e pola representación nas tendas de UGT, que se desmarcou do pacto asinado a nivel estatal polo propio sindicato xunto con CCOO e a empresa.

A CIG destaca o "exito de seguimento" destas primeiras horas de paro e a "ampla participación" que "anticipa un seguimento masivo da folga" para a xornada do venres, á que están convocadas as dependentas de todas as tendas de Inditex na provincia da Coruña.

Mobilización de dependentas de Inditex, este 24 de novembro na Coruña CC BY-NC-SA CIG

Este xoves na cidade herculina as tendas de Massimo Dutti, Stradivarius e Oysho permaneceron pechadas, sinala o sindicato nacionalista, mentres que outros establecementos, coma os Zara do Centro Comercial Catro Camiños "abriron as portas a primeira hora, mais tiveron que baixar a reixa despois de que as traballadoras decidiran secundar a folga". 

"Traballo en Pull, salario de ful" ou "Se non me queixo, róubanme os de Arteixo" foron algunhas das mensaxes repetidas polas traballadoras este xoves

Ademais, durante toda a mañá un piquete percorreu as coruñesas rúa Compostela e praza de Lugo, onde se concentra un gran número de tendas do grupo con sede en Arteixo. As traballadoras que participaron nesta concentración repetiron durante horas cánticos que facían referencia aos seus reducidos salarios, como 
"Traballo en Pull, salario de ful", "Se non me queixo, róubanme os de Arteixo", "Traballo en Inditex e como arrozo todo o mes", "Traballo en Oysho, salario de lixo", "Os beneficios de Inditex só os ven dous ou tres" ou "Traballo en Stradivarius, merda de salarios". E unha frase que resumía estas mensaxes: "Somos as pobres de Inditex".

Protesta de traballadoras de Inditex, este xoves 24 no centro da Coruña © CIG

Reclaman "unha equiparación salarial co persoal doutras empresas do grupo de similar categoría e cualificación, que chegan a percibir até o triple de salario que as dependentas"

Na folga, as dependentas reclaman "unha equiparación salarial co persoal doutras empresas do grupo de similar categoría e cualificación, que chegan a percibir até o triple de salario que as dependentas" e que se lle recoñezan as melloras sociais e laborais que xa teñen outros colectivos dentro da multinacional. Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, lembra que o salario base das dependentas é 1095 euros ao mes, que levan tres anos cos soldos conxelados e que os poucos pluses que perciben son moi inferiores aos que existen noutras empresa do grupo.

Este venres haberá piquetes informativos a partir das 10 horas na Coruña, Compostela e Ferrol e manifestacións nas tres cidades a partir das 12 horas

A CIG subliña que o éxito do paro deste xoves anticipa "un seguimento histórico en todas as cadeas e cidades" e destaca que a participación acadada nestas primeiras horas foi posible "malia as tentativas da multinacional de desactivar as traballadoras enviando no día de onte mensaxes a través da intranet destacando as bondades do pacto asinado con CCOO e UGT en Madrid e intentando amedrentar o persoal ao advertilo de posíbeis incidentes".

O groso da folga desenvolverase este venres, coincidindo co Black Friday. Haberá piquetes informativos que comezarán ás 10 horas na Coruña, Compostela e Ferrol. Ademais, están convocadas manifestacións nas tres cidades ás 12 horas, que partirán da Praza de Lugo na Coruña, da Praza de Galicia en Compostela e do Centro Comercial Odeón en Ferrol

Concentración de traballadoras das tendas de Inditex, este xoves na Coruña © CIG
Concentración de traballadoras das tendas de Inditex, este xoves na Coruña © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.