No ano 2017, traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra foron á folga en demanda de diversas medidas sociais e, sobre todo, da equiparación salarial coas súas compañeiras da provincia da Coruña. A intensidade da mobilización, que chegara ás portas da sede central da multinacional téxtil, permitira que a reivindicación laboral abandeirada pola CIG chegara a bo porto.
Media década despois, neste 2022 foron precisamente as compañeiras desas traballadoras na provincia coruñesa as que se botaron á rúa. O conflito laboral atinxe a todo o persoal de tenda das diversas marcas da compañía: Zara, Stradivarius, Bershka, Pull&Bear, Massimo Dutti, Lefties... O centro das demandas é neste caso a esixencia de "salarios dignos" e incrementos para a equiparación con outros profesionais do grupo. A falta de acordo derivou o pasado xoves no anuncio de folga para o 25 de novembro, o black friday, xornada de intensa actividade comercial.
Outra volta da man da CIG, sindicato maioritario entre este persoal na Coruña, as traballadoras veñen exemplificando os desequilibrios salariais explicando, por exemplo, que o persoal de almacén conta con 2.011 euros de "salario base" mentres que unha traballadora de tenda parte de 1.058 euros. Nos últimos días, a central sindical reprochara que "o único que fixo empresa" fora "ofrecer un incremento de 20 euros máis no primeiro ano, pero sen variar a cantidade final" dunha suba de 182,93 en tres anos, o cal é observado como "totalmente insuficiente" tras "tres anos de retribucións case conxeladas".
Horas despois de que as negociacións en Galicia seguisen sen frutificar, CCOO e UGT anunciaban dende Madrid este venres o peche dun acordo con Inditex que cualifican de "histórico" e que, afirman, responde á "reclamación de medidas no conxunto do grupo que compensen o impacto da inflación" e "revertan" no persoal "parte dos beneficios". Entre elas, destacan, inclúense incrementos dos incentivos (1.000 euros na nómina de febreiro para quen cumpran a partir do 80% dos obxectivos de vendas) e figuran "medidas específicas na Coruña" cunha revisión do denominado "plus sede", que pasa a 180 euros brutos ao mes dende este novembro de 2022, 200 en 2023 e 240 no 2024.
"Asinan a nivel estatal o que non lles asinamos aquí"
A CIG, sindicato maioritario na provincia da Coruña, advirte de que "non estamos dispostas a que as cúpulas desas centrais sindicais nos vendan sen sequera falar connosco" e calculan que o pactado horas despois do anuncio da folga apenas supón "60 euros máis do que nos ofrecían"
Entre o persoal respresentado pola CIG -que, lembran, ten unha representatividade "próxima ao 70%"-, o acontecido este venres é "surrealista", en verbas de Carmiña Naveiro, dependenta en Zara e presidenta do comité desta empresa na provincia da Coruña. "A empresa debe estar nerviosa e chamou os seus colegas a nivel estatal para que lle asinen o que non asinamos aquí", afirma en declaracións a Praza.gal.
Nesta liña, as representantes do persoal das tendas de Inditex a través da CIG viñeron advertindo no últimos días que a compañía vén aplicando un "cambio na política de relacións laborais" e, "especialmente dende a pandemia", está "tentando afastar a negociación colectiva dos centros de traballo para trasladala a Madrid". "Nesta estratexia de centralización da negociación colectiva habería que encadrar a creación da nova patronal téxtil na que se integrou Inditex co obxectivo de negociar un convenio estatal do comercio téxtil", advirten.
Pero "non estamos dispostas a permitir que as cúpulas desas centrais sindicais que non saben nin o que é traballar nunha tenda nos vendan sen sequera falar connosco", engade Naveiro. O resultado final do acordado en Madrid, asegura apenas supón "60 euros máis do que nos ofrecían onte", en referencia ás negociacións mantidas o pasado xoves. "Mantemos a folga", confirma, porque "non cumpren en absoluto as expectativas das traballadoras nas tendas" e o pacto máis ben semella un intento de "desmobilizar". "Pero pode conseguir o efecto contrario", advirten
As traballadoras ven marxe para a negociación pero advirten: "esixiamos 500 euros, baixamos a 440 e non imos baixar máis"
Neste sentido, Carmiña Naveiro destaca que se os responsables de Inditex "queren sentar antes do día 25 e chegar a un acordo", hai marxe para facelo, pero sempre partindo da base de que "esiximos 500 euros, baixamos a 440 e non imos baixar máis" mentres "hai compañeiros doutras empresas" do grupo que, "con categoría laboral inferior, cobran o dobre" que as dependentas". "Se non queren sentar e chegar a un acordo", destaca, o black friday haberá folga e posteriormente, en asembleas co persoal, "decidiremos se se fan máis xornadas de folga no mes de decembro ou mesmo nas rebaixas"
"Na provincia onde está a sede de Inditex e onde vive o home máis rico do Estado", viñan sinalando as delegadas da CIG en referencia a Amancio Ortega, fundador do grupo e pai da súa actual presidenta, Marta Ortega, "as traballadoras das tendas non chegamos a fin de mes". Por iso "o único que pedimos é ter un salario e condicións dignas como as que xa teñen noutras empresas" do grupo, resaltan. Consultados por Praza.gal, Inditex declinou realizar valoracións sobre as reivindicacións da CIG e convocatoria de folga.