Zara defende o goberno chinés tras ser acusada de apoiar as protestas en Hong Kong

Tenda de Zara en Hong Kong CC-BY-SA ChIfcapsho

Zara posicionouse. A principal marca do grupo Inditex viuse obrigada a publicar na rede social chinesa Weibo que non apoia as folgas convocadas en Hong Kong e que está a favor do estatus “un país, dous sistemas” polo que a ex-colonia se mantén baixo control de China. Deste xeito, a multinacional galega contestou ás acusacións que contra ela se verteran en internet e tras ser sinalada polo diario Ming Pao, próximo ao Partico Comunista. 

Zara foi acusada de apoiar a folga dos estudantes en Hong Kong ao pechar varios dos seus establecementos, o que a obrigou a apoiar a China nunha rede social

Inditex foi acusada de pechar varios dos seus establecementos en Hong Kong durante a xornada de folga convocada por estudantes que desde hai tempo protestan contra o Goberno. As ameazas e propostas de boicot correron polas redes e diferentes medios chineses, que acusaron a Zara de apoiar as mobilizacións. A empresa asegurou que as tendas foran abertas a horas diferentes das habituais polos problemas que se provocaran no transporte e que impediran chegar aos seus empregados, aínda que desde China asegúrase que os establecementos permaneceron pechados. 

Segundo indica a axencia Reuters, a última hora do luns, Zara emitiu un comunicado na redesocial chinesa Weibo, semellante a Twitter, na que apoiou “a soberanía territorial da República Popular de China e a política dun país, dous sistemas”. Amosou así o seu apoio a un sistema polo que Pequín controla o goberno local de Hong Kong aínda que permite nese territorio certa autonomía económica. 

Protesta en Hong Kong o pasado mes de xuño CC-BY-SA Studio Incendo

Inditex, ademais, advertiu de que “nunca” se implicou en folga o mobilización ningunha relacionada coas protestas dos últimos meses. Fíxoo nunha publicación na rede social que superou os 170 millóns de visitas. 

A publicación de Zara nas redes sociais superou os 170 millóns de visitas

A decisión do xigante téxtil de emitir un comunicado sobre un conflito político, algo inédito, chega logo dos problemas que outras grandes empresas tiveron tras as protestas que se ergueron na colonia ex-británica. O Goberno chinés aproveita a enorme dependencia que moitas firmas teñen do seu mercado para advertir de calquera vinculación destas coas protestas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.