Pontón gaba a "capacidade" de Inditex de "adaptarse aos novos retos que impón a globalización" no sector téxtil "sen renunciar ás súas orixes"
Ana Pontón continúa a marcar perfil de presidenciable. A portavoz nacional do BNG visitou este martes as instalacións de Inditex en Arteixo, onde destacou "a importancia" de contar en Galicia "cunha empresa referente a nivel mundial" como a multinacional téxtil.
Na súa primeira visita á sede da empresa, Pontón gabou o peso no tecido económico galego de Inditex, da que destacou tamén a súa "capacidade de adaptarse aos novos retos que impón a globalización nun sector tan competitivo e fragmentado o da moda, e todo sen renunciar ás súas orixes".
A líder nacionalista foi guiada na súa visita polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, e acompañada por membros do Bloque como o portavoz na Coruña, Francisco Jorquera, e a deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.
En nota de prensa, o BNG sinalou que Pontón intercambiou durante a visita "reflexións" sobre a sustentabilidade, a mobilidade das infraestruturas intermodais na loxística ou a formación.
Ademais, a portavoz nacional resaltou o papel de Inditex como "referente" dun sector téxtil que ve necesario "seguir potenciando pola súa capacidade de xerar actividade económica e emprego".
Coa súa visita, Ana Pontón segue o ronsel doutros líderes do BNG que tamén acudiron á sede de Inditex para coñecer por dentro o funcionamento dunha das empresas téxtiles máis importantes do mundo. En abril de 2001 foi Xosé Manuel Beiras, daquela portavoz nacional do Bloque, acompañado do que era eurodeputado, Camilo Nogueira, os que se reuniran co presidente de Inditex, Amancio Ortega, e mais co entón conselleiro delegado, José María Castellano.
Anxo Quintana, líder do BNG entre 2002 e 2009, visitou tamén a sede do grupo Inditex en Arteixo, tanto como portavoz nacional da fronte nacionalista como logo cando ocupou a vicepresidencia da Xunta.