A lexislación vixente establece que, ao incorporárense aos diferentes parlamentos, as deputadas, deputados e senadores deben achegar a súa declaracións de bens e rendas, documento que pasa a ser público. O ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexistrou o pasado 25 de maio a súa declaración no Senado, unha vez elixido membro desta Cámara por designación do Parlamento cos votos do PP.
Ese documento do líder do PP xa é público e, nalgúns aspectos, moi similar ao que rexistrou na última ocasión en que tomou posesión como deputado do Parlamento de Galicia, o pasado 2020, pero inclúe algunhas diferenzas significativas. Entre elas, destaca que Feijóo é accionista de Inditex e investidor con Abanca.
Segundo a declaración rexistrada no Senado, o anterior titular da Xunta posúe 2.500 accións de Inditex que a 23 de maio deste ano tiñan un valor de 51.050 euros e ten, ademais, 97 accións de Telefónica que na mesma altura valían 455 euros. Hai dous anos informou o Parlamento de que era titular de 75 accións de Telefónica, cun valor naquela data (agosto de 2020) de 325 euros, polo que cabe deducir que a adquisición dos títulos do grupo fundado por Amancio Ortega se produciu nestes últimos dous anos.
O ex-presidente informa o Senado de que posúe 2.500 accións de Inditex por valor de 51.050 euros e dun fondo de investimento en Abanca por 481.500 euros.
As outras novidades rechamantes sitúanse no apartado doutros bens, rendas ou dereitos de contido económico. O pasado 2020, Feijóo indicaba nese ámbito ao Parlamento que era titular dun plan de pensións por 175.797 euros. Agora informa ao Senado de que ten un plan de pensións por valor de 190.547 euros, pero tamén inclúe un fondo de investimento en Abanca con 481.500 euros.
O apartado de débedas e obrigas patrimoniais, pola contra, aparece baleiro nesa primeira declaración de bens de Feijóo ante o Senado. En 2020, no Parlamento, indicaba que tiña un préstamo para vivenda por importe de 238.000 euros do que estaban pendentes de pagamento eses 238.000 euros. No referido aos depósitos en contas, hai dous anos sinalaba que todos eles sumaban 143.796 euros e agora detalla 156.613 nunha conta corrente e 50.807 nun depósito a prazo.
Declara vivendas en Vigo e Madrid e, ao contrario que en 2020, xa non inclúe unha vivenda en Moaña nin un préstamo inmobiliario pendente de pagamento
Os membros do Senado deben sinalar tamén as súas fontes de ingresos, que no caso de Feijóo veñen sendo soldos por cargos públicos dende hai tres décadas. Primeiro foi alto cargo na Xunta de Fraga (1991-96), despois no Goberno de Aznar (1996-2003), acto seguido outra volta no Goberno galego do PP (2003-05), no Parlamento como deputado da oposición (2005-09) e dende aquela e ata o pasado maio de 2022, como presidente da Xunta.
Nesta liña, reflicte o que veu sendo o seu salario como presidente da Xunta (85.601,86 euros), 705,29 euros por "rendementos do capital mobiliario", 5.119,24 euros como "rendementos bens inmobles" e "ganancias patrimoniais" que suman 183.861,65 euros. En 2020 explicaba que cobrara 33,20 euros por dividendos de Telefónica, 26,25 euros en xuros bancarios, e 12.600 euros por arrendamento dun inmoble. Naquel ano indicaba que pagara 22.928,73 euros por IRPF e agora, 69.291,43 euros.
No referido aos bens patrimoniais, tamén hai variacións a respecto de 2020. En ambas declaracións figuran senllas vivendas en Madrid e Vigo, ambas mercadas en 2001, unha praza de garaxe en Vigo e unha leira rústica en Ames. Na de 2020 figuraba tamén unha vivenda en Moaña mercada en 2017 e "pendente de recibir valoración catastral", a cal agora xa non posúe, segundo a nova declaración. O Parlamento de Galicia non publicou aínda a declaración de bens de Feijóo preceptiva pola súa baixa como deputado, o cal adoita demorarse un tempo dende a baixa.