A compañía remuda a súa cúpula unha década despois do paso a un lado do seu fundador, Amancio Ortega, e nomea conselleiro delegado a Óscar García Maceiras, avogado do Estado con experiencia na banca
O 1 de abril do próximo ano, tres días despois de que Amancio Ortega cumpra 86 anos, a súa filla Marta Ortega, que terá 38 anos, asumirá a presidencia da compañía que fundou o seu pai en substitución de Pablo Isla, que se desvincula da firma “de mutuo acordo”. Así o vén de comunicar a empresa á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), á que traslada varias decisións sobre diversos cargos tomadas nunha reunión do seu consello de administración celebrada este luns 29 de novembro na súa sede de Arteixo.
O principal cambio será a chegada de Marta Ortega á presidencia da sociedade, que nunha nota de prensa esta presenta como a culminación do “proceso de relevo xeracional iniciado en 2011 coa substitución de Amancio Ortega na presidencia de Inditex”. Naquel ano Pablo Isla, que chegara a Inditex en 2005 como conselleiro delegado procedente de Altadis e para substituír a José María Castellano, asumiu a presidencia do grupo ao retirarse dela o seu fundador. Agora é a súa filla quen substitúe a Isla, quen di que “facer realidade esta transición é a culminación do meu compromiso con Inditex e con Amancio Ortega”.
Pola súa banda, Marta Ortega, segundo o comunicado de Inditex, di estar agradecida a Isla e salienta que ela mesma viviu “esta empresa desde a miña infancia e aprendín de todos os grandes profesionais cos que traballei durante os últimos 15 anos”. “Sempre dixen que dedicaría a miña vida a desenvolver o legado dos meus pais, mirando ao futuro pero aprendendo do pasado e ao servizo da Compañía, os nosos accionistas e os nosos clientes, no lugar onde se considere que son máis necesaria”.
Pablo Isla presenta a súa marcha como a "culminación do meu compromiso con Inditex e con Amancio Ortega" e Marta Ortega salienta o seu obxectivo de dedicar a súa vida "a desenvolver o legado dos meus pais"
Xunto coa mudanza no posto máis alto da organización, o consello de administración deste luns tamén realizou outros nomeamentos. O ata agora conselleiro delegado, Carlos Crespo González, será director xeral de Operacións, Transformación Sostible e Dixital, mentres que o posto de conselleiro delegado será ocupado por Óscar García Maceiras, ata agora secretario xeral do consello de administración.
A empresa salienta de Marta Ortega que “desenvolveu a súa actividade en distintas áreas do Grupo durante os últimos 15 anos e, en particular, dirixiu o reforzamento da imaxe de marca e proposta de moda de Zara, área que seguirá supervisando”. Pola súa banda, de García Maceiras sinala que se incorporou a Inditex en marzo deste ano como secretario xeral do Consello tras vinte anos de experiencia tanto no sector público como avogado do Estado como no privado no Banco Patsor, Banco Popular, Sareb (o coñecido como banco malo) ou Banco Santander.
Xunto con estes nomeamentos o consello de administración deste luns tamén estableceu o seguinte comité de dirección:
- Carlos Crespo González, Director General de Operaciones, Transformación Sostenible y Digital, INDITEX
- Pablo del Bado Rivas, Director General, PULL&BEAR
- Miguel Díaz Miranda, Director Financiero y de Operaciones, ZARA
- Ignacio Fernández Fernández, Director General de Finanzas, INDITEX
- Javier García Torralbo, Director General de e-Commerce, ZARA
- Begoña López-Cano Ibarreche, Directora General de Personas, INDITEX
- Beatriz Padín Santos, Directora de Mujer, ZARA
- Jorge Pérez Marcote, Director General, MASSIMO DUTTI
- Óscar Pérez Marcote, Director General, ZARA