A folga de Bershka gaña impacto na súa primeira semana e Inditex opta polo silencio

Concentración de traballadoras de Bershka CC-BY-SA CIG

A folga nas tendas de Bershka da provincia de Pontevedra cumpre xa unha semana cun seguimento total e coa ratificación en asemblea da súa continuidade. O pasado mércores, as máis de 60 empregadas decidiron por unanimidade seguir co paro que manteñen desde o xoves logo de que a longa xuntanza mantida con persoal directivo de Inditex este martes rematase sen acordo. 

As traballadoras manteñen a folga ao non querer Inditex implementar un plus de 25 euros e propoñer tan só 10 euros

A multinacional galega accedeu a abonarlle ao persoal o plus de 80 euros mensuais do que gozan as súas compañeiras da mesma cadea na provincia da Coruña, pero non o de 50 euros do que tamén desfrutan. As traballadoras aceptaron, durante a negociación, rebaixar aos 25 euros a cantidade para desbloquear o conflito e pór fin á folga, pero a dirección limitouse a ofrecer un aumento de 10 euros o ano que vén, outros 10 euros en 2019 e outros 10 euros en 2020, ata un total de 30 euros máis ao mes para as xornadas completas. 

Tamén conseguiron que a empresa aceptase mellorar -e igualar coas traballadoras da Coruña- o tempo de descanso, o permiso por lactancia, o dereito á escolla de vacacións ou os permisos, pero a dirección de Recursos Humanos de Inditex non aceptou equiparar salarialmente o persoal das diferentes provincias. As conversas racharon e non hai nin data para reiniciar os contactos, polo que as empregadas xa solicitaron a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. Consultado por este diario, Inditex non quixo facer declaracións sobre a folga, a negociación ou a posibilidade dunha nova reunión. 

Inditex prefire manter silencio e as traballadoras anuncian outra concentración ante a sede de Arteixo este venres

A asemblea do persoal de Bershka acordou, ademais de continuar coa folga, volver manifestarse este venres ante a sede de Inditex en Arteixo, tras a que recibiron unha chamada da dirección para levar a cabo a reunión celebrada en Compostela. Coa deste xoves, a folga cumpre xa unha semana e mantén pechadas as cinco tendas da cadea en Pontevedra (tres en Vigo, unha en Vilagarcía e outra na capital provincial) desde o pasado xoves. 

Na concentración celebrada este xoves ante unha das tendas en Vigo, as traballadoras recibiron o apoio do BNG coa presenza do seu responsable local, Serafín Otero, que anunciou que o Bloque trasladará a situación de “discriminación e explotación laboral” á Comisión Europea a través dunha iniciativa da voceira nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda. Tamén a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, acudiu á mobilización para amosar o seu apoio ao persoal. 

Na base do conflito en Bershka están os baixos salarios que cobran as empregadas (uns 130 euros mensuais menos do que reciben por exemplo as das tendas da provincia da Coruña polo mesmo traballo) e a xeneralizada precariedade, cun 90% de contratadas a tempo parcial, horarios que lles impiden conciliar coa vida familiar e vacacións inferiores aos 13 días no verán.

O persoal lembra que loita contra "a temporalidade, a flexibilidade, a carga de traballo, os baixos salarios, en resumo, a precariedade", que son o pan de cada día nos nosos centros de traballo”. E esixen que "as empregadas e empregados do comercio, un sector amplamente feminizado", deixen "de ser traballadoras e traballadores de segunda e teñan unhas condicións laborais dignas".

A folga en Bershka chega á súa primeira semana xusto o día no que o fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, cobra 628 millóns de euros pola última retribución do ano que pagará a empresa téxtil aos seus accionistas. Sumará así, neste ano, un total de 1.256 millóns en cocepto de dividendos da compañía galega. 

Tamén neste xoves, a revista Forbes publicou a listaxe anual das persoas máis ricas de España. Ortega mantense á cabeza cun capital de 70.000 millóns, seguido da súa filla, Sandra Ortega, con 6.500 millóns de euros. 

Asemblea de traballadoras de Bershka CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.