O tratamento contra o cancro anunciado por Feijóo no debate de política xeral é unha doazón da Fundación Ortega ao Estado

Pedro Sánchez, a ministra de Sanidade e representantes da Fundación Amancio Ortega, na presentación do convenio para implantar a protonterapia en compaña dos conselleiros das autonomías onde se instalarán os equipos, entre eles o galego Julio García Comes © Pool Moncloa/Fernando Calvo

No recente debate de política xeral celebrado no Parlamento, o primeiro da lexislatura, o presidente da Xunta realizou diversas promesas, anuncios e reflexións a respecto da sanidade pública. Unha delas foi que no seu Goberno seguen "traballando para incorporar a protonterapia" ao Sergas, "unha forma de radiación do cancro máis potente, pero menos agresiva para os tecidos sans", explicou Alberto Núñez Feijóo no seu discurso inaugural.

Un dos dez equipos de protonterapia que a Fundación Amancio Ortega financia ao Ministerio de Sanidade será instalado en Galicia, segundo anunciou Pedro Sánchez no acto público en que asinou o convenio coa entidade, onde estivo presente o conselleiro de Sanidade

"Saben -sinalou aos grupos parlamentarios- que agora mesmo só dous centros privados en España ofrecen esta terapia. Queremos que Galicia a teña", afirmou. A principios de setembro, nun acto sectorial, o propio Feijóo enunciara o "obxectivo de incorporar ao sistema sanitario galego" esta terapia no marco da súa "aposta pola innovación". Efectivamente, esa terapia vai chegar ao Sergas. Concretamente, a través dunha doazón da Fundación Amancio Ortega ao Estado, rubricada o pasado martes polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, en presenza dos conselleiros e conselleiras de Sanidade das sete autonomías onde se instalarán os equipamentos, entre eles o galego Julio García Comesaña. O acto foi organizado cadrando co día contra o cancro de mama.

Acelerador lineal para a aplicación de radioterapia no hospital de Lugo, prometido pola Xunta en 2011 e inaugurado en 2016 tras unha doazón da Fundación Amancio Ortega © Fundación Amancio Ortega

O papel da Fundación Amancio Ortega ou da súa doazón ao Estado na chegada a Galicia deste novo tratamento non foi mencionado no discurso de Feijóo. Tampouco na proposta de resolución na que o PP explicitou a promesa: "O Parlamento de Galicia insta á Xunta (...) a avanzar na capacidade innovadora da sanidade pública galega creando unha unidade de referencia en protonterapia que permita desenvolver esta técnica de precisión, que posibilita abordar tumores complexos", sinala o texto aprobado no remate do debate de política xeral. Esta ausencia contrasta co feito de que a metade das propostas de resolución dos populares incluían peticións explícitas ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos.

A orixe desta incorporación foi feita pública apenas catro días despois da conclusión do debate, nun acto público celebrado este 19 de outubro no Palacio de La Moncloa, presidido polo propio Sánchez. Alí o Executivo central revelou que a chegada destes equipos está financiada con 280 millóns de euros achegados pola Fundación Amancio Ortega "para a adquisición de 10 equipos completos" de protonterapia que serán instalados en hospiais de Galicia, Euskadi, Catalunya, Andalucía, Comunitat Valenciana, Madrid e Canarias.

Esta terapia "é unha alternativa eficaz para tumores nos que a radioterapia convencional non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción"

Os equipos serán mercados polo Ministerio de Sanidade, que adianta os 280 millóns de euros a través dos Orzamentos Xerais do Estado durante catro anualidades. "A Fundación Amancio Ortega irá ingresando a doazón en función dos pagamentos ata completar o total", sinala Moncloa. Este convenio, sinalou Sánchez, chega despois de que "todas as comunidades autónomas" subscribisen outros coa mesma entidade para "incorporar arredor de 450 equipos de diagnóstico e tratamento". Entre eles, equipos que a Xunta prometera durante anos pero que non foron incorporados ata que puxo cartos a entidade promovida polo fundador de Inditex, que ten a súa sede na Coruña.

Sinala o Ministerio de Sanidade que, "fronte á radioterapia tradicional, a protonterapia reduce de forma significativa os tratamentos innecesarios en tecidos sans". Resulta, agregan, especialmente "beneficiosa para tratar o cancro infantil" e é "unha alternativa eficaz para tumores nos que a radioterapia convencional non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.