Este xoves celebrouse o Día Internacional contra o Cancro, e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) lanzou unha campaña para que todas as persoas teñan "as mesmas posibilidades para previr a enfermidade, vivir con ela e acceder aos resultados da súa investigación". A AECC reclama "vivamos onde vivamos, poidamos acceder a programas de cribado para diagnosticar o cancro precozmente". Ademais, pide que "todos os pacientes e familiares teñan acceso a tratamento psicolóxico especializado para afrontar o medo e diminuír a sensación de soidade non desexada". E, igualmente, que o cancro "non provoque pobreza nos pacientes máis vulnerables".
A AECC demanda que "ninguén quede sen diagnosticar como consecuencia de calquera tipo de crise", nunha referencia directa á situación que se está a vivir nos últimos meses como consecuencia da pandemia de Covid-19
Finalmente, demanda que "ninguén quede sen diagnosticar como consecuencia de calquera tipo de crise", nunha referencia directa á situación que se está a vivir nos últimos meses como consecuencia da pandemia de Covid-19. O pasado mes de decembro a AECC e as sociedades científicas que agrupan os profesionais sanitarios que atenden a doentes con cancro alertaron de que o número de novos pacientes descendera no conxunto do Estado un 21% durante o confinamento da pasada primavera, entre os meses de marzo e xuño. Esta diminución no número de diagnósticos debeuse sobre todo á suspensión da actividade asistencial durante aquel periodo de tiempo, pero tamén ao temor por parte dos pacientes a acudir aos seus centros sanitarios por medo á infección por coronavirus.
No informe publicado recollíase unha diminución do 57% na actividade diagnóstica en citoloxías en xeral, o que deu lugar a unha diminución do diagnóstico de cancro con esta proba do 30%. Así mesmo, o número de pacientes atendidos nos hospitais de día caeu un 14% e o número de pacientes tratados con quimioterapia reduciuse nun 9,5% e o dos tratados con radioterapia un 5%.
Esta caída no número de consultas e probas realizadas puido ter consecuencias negativas en moitos casos, adiando a detección precoz de moitos cancros, o e que puido empeorar a súa evolución
Esta caída no número de consultas e probas realizadas puido ter consecuencias negativas en moitos casos, adiando a detección precoz de moitos cancros, o e que puido empeorar a súa evolución. As entidades participantes no estudo esixiron ás autoridades sanitarias que puxesen en marcha medidas que evitasen a suspensión da actividade diagnóstica, terapéutica e asistencial en xeral nas seguintes ondas da pandemia. Tamén pediron aos e ás pacientes que "non demoren as consultas nin abandonen tratamentos por medo á infección por coronavirus". Cómpre lembrar que mesmo nun ano 2020 tan marcado pola pandemia de COVID, o cancro seguiu a ser, xunto coas enfermidades cardiovasculares, a principal causa de morte en Galicia. Tan só entre xaneiro e maio 3.561 persoas morreron a causa de tumores, fronte ás 719 que o INE calcula que o fixeron por mor da COVID.
Falamos con Silvia Antolín, oncóloga do Hospital da Coruña (CHUAC), á que lle preguntamos pola situación actual do servizo de Oncoloxía, do impacto provocado pola terceira onda da pandemia, do risco asociado á redución dos diagnósticos temperáns, da relevancia da investigación e da importancia da prevención para evitar o cancro.
"[na terceira onda da pandemia] a nosa actividade dende o punto de vista terapéutico, no que se refire aos pacientes xa diagnosticados de cancro, non se reduciu"
Como está a afectar á loita contra o cancro a saturación hospitalaria provocada pola terceira onda da pandemia?
Na primeira onda da pandemia tivemos que levar a cabo cambios importante nos nosos protocolos. Isto fixo que, posteriormente, a segunda e a terceira onda non nos afectasen tanto como a primeira, porque xa cambiáramos a forma en que viamos os pacientes, con moita consulta telefónica para evitar que estivesen continuamente entrando e saíndo do hospital ou con tratamentos semanais que pasaron a ser trisemanais, para que tivesen que vir menos. Así, a nosa actividade dende o punto de vista terapéutico, no que se refire aos pacientes xa diagnosticados de cancro, non se reduciu.
É certo que nesta terceira onda, debido ao grande incremento da ocupación hospitalaria, suspendéronse de novo cirurxías programadas de pacientes oncolóxicos, aínda que se seguiron facendo cirurxías urxentes. Confiamos en que nun prazo de dúas ou tres semanas, cando comece a diminuír o actual nivel de ocupación por mor da COVID poderemos intensificar as operacións para completar as cirurxías que foron aprazadas e quedaron pendentes.
A pandemia está a provocar unha redución no número de diagnósticos ou un atraso na detección precoz do cancro?
"Confiamos en que nun prazo de dúas ou tres semanas poderemos intensificar as operacións para completar as cirurxías que foron aprazadas"
O diagnóstico precoz é fundamental. Durante a primeira onda a actividade asistencial freouse máis, o que levou a unha diminución no número de diagnósticos e ao seu adiamento. O colapso que se produciu neses meses si que puido facer que moitos pacientes aínda non diagnosticados deixasen de acudir aos centros sanitarios ou que o propio sistema non puidese absorber esas consultas. Pero iso non está a suceder na actualidade.
"A investigación é básica en cancro. Se non, non poderemos avanzar no coñecemento desta enfermidade nin dispor de terapias máis activas"
Supoño que tamén é importante que, máis aló de que neste momento moitos esforzos estean postos no estudo do SARS-CoV-2 e dos posibles tratamentos e vacinas, iso non supoña un freo na investigación sobre o cancro...
Si, a investigación é básica en cancro. Se non coñecemos o que tratamos ou se non probamos fármacos novos, non poderemos avanzar no coñecemento desta enfermidade nin dispor de terapias máis activas.
Esta investigación é o que permitiu grandes avances na loita contra o cancro nos últimos anos. Aínda que siga a ser unha enfermidade terrible, cómpre poñer sobre a mesa que cada temos máis instrumentos para limitar os seus efectos, o que permite salvar moitas vidas, alongar outras e mellorar a calidade de vida de moitos pacientes?
"Contamos cada vez con máis terapias dirixidas que cambiaron a historia de enfermidades que antes provocaban a morte. É o caso do cancro de pulmón ou do melanoma"
A incidencia do cancro aumenta cada ano que pasa, tanto aquí como no conxunto do planeta. Pero é certo que pola maior concienciación da poboación e pola mellora dos diagnósticos precoces, os cancros cada vez se detectan antes. E, ademais, para os pacientes que son diagnosticados en estadios máis avanzados e que a priori non son casos nos que a enfermidade é curable, contamos cada vez con máis terapias dirixidas que cambiaron a historia de enfermidades que antes provocaban a morte. É o caso do cancro de pulmón ou do melanoma, que antes supoñían unha morte segura se eran detectados en estadios avanzados e en cambio agora eses pacientes poden vivir anos cunha calidade de vida aceptable.
"É fundamental que a poboación se coide e evite factores de risco relacionados con moitos tipos de cancro: o tabaco, o alcol, a obesidade, o sedentarismo..."
Os cancros pódense previr?
Non en todos os casos, pero si é fundamental que a poboación se coide e evite factores de risco relacionados con moitos tipos de cancro: o tabaco, o alcol, a obesidade, o sedentarismo... Cambiar isto está na nosa man, e isto pode evitar moitísimos diagnósticos de cancro.
Finalmente, en que medida é importante a actitude do paciente que está a recibir un tratamento contra o cancro? E, de igual xeito, que papel xoga a contorna de persoas que rodean o paciente e lle dan apoio?
"É moi importante a contorna do paciente: a familia, os amigos, o persoal sanitario que atende os pacientes nos seus domicilios... É fundamental que o paciente se saiba axudado e querido"
A actitude é moi importante, manter un optimismo entendido como unha confianza nos tratamentos e nas persoas que me están tratando. Canto maior sexa esta confianza, o paciente vai estar moito mellor no seu día a día. É moi importante que o paciente se sinta coidado, que sinta que está nas mellores mans, que sinta que se están poñendo os mellores medios para tentar curalo ou paliar a súa situación para que poida vivir o máis posible e coa mellor condición. Tamén é moi importante a contorna do paciente: a familia, os amigos, o persoal sanitario que atende os pacientes nos seus domicilios... É fundamental que o paciente se saiba axudado, coidado e querido.