Nin "becho". Nin "a doenza". Nin, sobre todo, "longa enfermidade". Chámase cancro e é denomina un amplo catálogo de afeccións á saúde cuxa erradicación mediante a investigación científica e o sistema sanitario é reivindicado cada 4 de febreiro. Neste 2020, organizacións como a Asociación Española contra o Cancro (AECC) engaden aos seus labores de concienciación cidadá a loita das palabras. "A partir de agora, chámao cancro", convidan.
"Temos o obxectivo de loitar contra o silencio e o medo que provoca unha palabra ata agora tabú", subliña a AECC, cuxo último estudo advirte de que "as familias dos pacientes de cancro asumen o 45% do custo da enfermidade"
Para o colectivo, chamar ao cancro polo seu nome é o xeito de que moitas persoas que o padecen "deixen de sentirse soas". "Temos o obxectivo de loitar contra o silencio e o medo que provoca unha palabra ata agora tabú", explican no lanzamento dunha campaña que, detallan, conta coas "armas máis poderosas, as realidades" das persoas "que loitan contra o cancro en todos os ámbitos posibles", dende o eido médico ao acompañamento das persoas enfermas.
Na realidade do impacto do cancro nas persoas que o sofren céntrase tamén outra das accións da AECC por este Día Mundial contra o Cancro: a estimación dos custos económicos da enfermidade, dos tratamentos ao seguimentos e rehabilitacións, cando cómpren. Como alertaran colectivos de persoas enfermas dende hai anos, o estudo conclúe que o cancro é "o problema sociosanitario máis importante" actualmente no Estado, cun máis de 275.000 persoas diagnosticadas durante o pasado ano.
"O cancro custa 19.300 millóns de euros" nun ano no total estatal e "o tratamento é o máis custoso", resume o informe correspondente a 2019. Esa parte é a asumida maioritariamente polo sistema sanitario público, pero o propio estudo contén unha alerta: "as familias dos pacientes asumen o 45% do custo da enfermidade".
Nova chamada de atención da activista Beatriz Figueroa
"O cancro xera unha serie de necesidade que nin eran nin son cubertas, como clara e vergoñentamente evidencian os informes da AECC"
Nestes custos tanxibles, que van dende gastos adicionais á imposibilidade de continuar a vida laboral durante os tratamentos e posteriores rehabilitacións, vén poñendo o foco nos últimos anos a viguesa Beatriz Figueroa, doente de cancro e activista a prol dos dereitos das persoas que o padecen. Neste sentido, Figueroa lembraba en vésperas deste 4 de febreiro que os datos fornecidos pola AECC son "demoledores".
"Xa non son a tola da pancarta que tivo a ousadía e o atrevemento de denunciar por primeira vez as dificultades, alén do estritamente sanitario" que supón padecer cancro, ironiza Figueroa. "O cancro xera unha serie de necesidade que nin eran nin son cubertas, como clara e vergoñentamente evidencian os informes da AECC. Trátase de "vivir máis", pero tamén de "vivir mellor", resume.
Neste sentido, a activista ve especialmente urxente a actualización da coñecida como Estratexia Nacional do Cancro, na que o Ministerio de Sanidade di estar a traballar. "Confiemos en que se cumpra", di nun comunicado, no que tamén se dirixe aos "responsables do Goberno acabado de estrear" para que "poñan a súa atención en que existe un problema sen resolver", toda vez que nas anteriores versións desa Estratexia, que despois corresponde aplicar ás autonomías, "non se contemplan medidas concretas e eficientes de protección económica, social e laboral despois de superar a enfermidade ou tendo en conta as secuelas de moitos enfermos".