Expertos en oncoloxía reclaman en Compostela que todos os hospitais teñan acceso á biopsia líquida

O IV Simposio de Biopsia Líquida inaugurouse este venres en Compostela © Oncomet

Compostela está a acoller o IV Simposio de Biopsia Líquida, organizado por Oncomet, o Grupo de Oncoloxía Médica Translacional do CHUS. 350 oncólogos e oncólogas de todo o mundo participan no evento, que permitirá afondar nos últimos avances e desafíos desta técnica, que está mellorando os tratamentos contra o cancro, no camiño de conseguir unha "oncoloxía personalizada" e de precisión. 

350 oncólogos e oncólogas de todo o mundo participan no evento, que permitirá afondar nos últimos avances desta técnica de vangarda

Unha das principais achegas da biopsia líquida (a través do sangue) é que permite obter información da situación do tumor en tempo real e en relación a alteracións xenéticas e moleculares que se van sucedendo ao longo da enfermidade de cada paciente, de forma individualizada e a través de análises que apenas causa molestias ao paciente. A aplicación de biopsia líquida como ferramenta de diagnóstico é xa unha realidade no cancro de mama, próstata e pulmón

Oncomet, nacido en 2009, é unha referencia en Galicia polo desenvolvemento de proxectos de alto impacto en oncoloxía, centrados en todo o proceso de metástases, especialmente no estudo de células tumorais circulantes. É, ademais, un grupo pioneiro en España en incorporar a tecnoloxía para a análise de biopsia líquida. Hai dous anos o grupo lanzou unha campaña de crowdfunding buscando acadar medio millón de euros para desenvolver esta técnica de vangarda. A iniciativa foi un éxito, destacando os seus responsables que a acción, ademais de recadar os fondos necesario, conseguira "implicar a sociedade civil na loita contra o cancro".

Facilitar que todos os hospitais teñan acceso aos resultados da aplicación de biopsia líquida é "unha prioridade para avanzar en diagnóstico e tratamento oncolóxico"

Na presentación do simposio, a doutora Laura Muinelo, responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida de Oncomet, reclamou que "para conseguir un uso máis xeneralizado destas técnicas nos hospitais" é importante "que se consigan máis datos en ensaios clínicos que axuden a identificar que grupos de pacientes se van beneficiar máis da súa aplicación". Facilitar que todos os hospitais teñan acceso aos resultados da aplicación de biopsia líquida é, segundo os expertos, "unha prioridade para avanzar en diagnóstico e tratamento oncolóxico".

Os expertos reunidos en Compostela coinciden en sinalar, igualmente, que "as determinacións do cancro, tanto sinxelas como inmunolóxicas, faranse fundamentalmente en plasma nun futuro". Algo que, segundo o doutor López, "ten unha explicación biolóxica: o tumor vai cambiando co tempo e necesitamos información do presente, non do pasado. A tecnoloxía permíteo".

"As determinacións do cancro faranse fundamentalmente en plasma nun futuro. O tumor vai cambiando co tempo e necesitamos información do presente, non do pasado. A tecnoloxía permíteo"

Segundo o doutor Rafael López, presidente da Unidade Mixta Roche-CHUS, "todos os pacientes e médicos deben ter acceso a esa información". "Nos centros galegos existe ese intercambio e hai unha boa comunicación entre eles e acceso a información  útil clinicamente", sinalou, destacando que "a maioría contamos con proxectos de investigación en marcha que están ofrecendo avances con selo galego". 

A Unidade Mixta Roche-CHUS é unha iniciativa de Roche Farma e de Oncomet, centrada no estudo de procesos metastásicos, coa finalidade de obter resultados con aplicación clínica, "maximizando as posibilidades de que a investigación reverta no Sistema de Saúde no menor tempo posible", destacan os seus responsables que, indican que "deste xeito preténdese mellorar as expectativas e calidade de vida dos pacientes a través da oncoloxía de precisión".

Ruth Vera, Rafael López e Laura Muinelo, na presentación do simposio © Oncomet

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.