"Estarmos na vangarda da investigación en biopsia líquida permitiralle á cidadanía acceder aos seus avances"

O obxectivo da campaña é recadar medio millón de euros © Oncomet

O grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet), liderado polo doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS, conta con 13 oncólogos/as e outros/as 50 profesionais de distintas disciplinas. Oncomet, nacido en 2009, é unha referencia en Galicia polo desenvolvemento de proxectos de alto impacto en oncoloxía, centrados en todo o proceso de metástases, especialmente no estudo de células tumorais circulantes. É, ademais, un grupo pioneiro en España en incorporar a tecnoloxía para a análise de biopsia líquida.

Neste senso, Oncomet busca neste momento desenvolver un proxecto de investigación dirixido a caracterizar distintos tumores a través de mostras de sangue (biopsia líquida) de doentes oncolóxicos galegos e galegas, "co obxectivo de estudarmos a súa evolución e obtermos información sobre os mecanismos polos cales se produce a metástase ou se activan resistencias aos distintos tratamentos". Rafael López, director do grupo, destaca que Oncomet "leva dez anos investigando neste campo e queremos seguir estando na vangarda" e subliña que "estas técnicas van evolucionar moi rapidamente nos vindeiros anos, e sen dúbida ningunha o futuro da investigación oncolóxica pasa por elas".

Oncomet vén de lanzar unha campaña de crowdfunding buscando acadar medio millón de euros para desenvolver esta técnica de vangarda na investigación contra o cancro. As microachegas pódense facer con transferencia bancaria e mesmo a través do envío de SMS. A campaña na súa primeira semana permitiu recadar ao redor de 40 mil euros. Os cartos servirán para a contratación de máis persoal investigador, a adquisición de aparellos para a realización das biopsias líquidas e para realizar probas cuns 300 ou 400 pacientes para testar as técnicas.

"Estudar os tumores a través do sangue permite caracterizalos sen precisar de ter unha biopsia de tecido"

Cales son as vantaxes da utilización de biopsia líquida de a compararmos coa biopsia de tecido? "En ocasións os tumores atópanse en sitios nos que é difícil conseguir unha mostra de tecido. Nesa situación, por veces non é posible determinar nin a orixe do tumor nin que fármacos poden ser máis eficaces para combatelo. Por iso é tan importante a posibilidade de estudar os tumores a través do sangue, porque permite caracterizalos sen precisar de ter unha biopsia de tecido", explican. Así mesmo, a biopsia líquida será esencial no futuro para poder facer oncoloxía de precisión ou oncoloxía personalizada, é dicir, tratamentos baseados nas diferenzas individuais, pois "algunhas persoas poden responder de xeito eficaz a un tratamento e noutras persoas ese mesmo fármaco, amais de non ser beneficioso, pode mesmo chegar a producir efectos adversos", din. "É unha técnica moi pouco agresiva que permite repetir facilmente as probas e coñecer mellor o cancro para atacalo mellor", resume o doutor López.

"É unha técnica moi pouco agresiva que permite repetir facilmente as probas e coñecer mellor o cancro para atacalo mellor", resume o doutor López

No proxecto buscan "marcadores que nos acheguen información sobre o mellor tratamento a escoller e en que momento os doentes deixan de responder ao referido tratamento". "Procuramos tamén marcadores que nos permitan diagnosticar a doenza en estadios temperás, cando as opcións de cura dos doentes son maiores", din, destacando que "os resultados deste estudo fornecerannos información moi valiosa, para facermos unha diagnose máis temperá e sinxela da doenza ben como para seleccionarmos o tratamento dos doentes dun xeito máis eficaz e personalizado".

"Os países que máis investigan son aqueles nos que son máis importantes as doazóns e achegas económicas por parte da sociedade civil"

 

O financiamento

O actual financiamento público en España en materia de I+D+i e en concreto para a a investigación biomédica resulta insuficiente para o desenvolvemento das técnicas máis avanzadas de loita contra o cancro. É por iso que Oncomet lanza esta campaña, procurando o apoio da cidadanía. "Levamos moito tempo pensando como podemos mellorar o financiamento. O que vemos é que os países que máis investigan son aqueles nos que son máis importantes as doazóns e achegas económicas por parte da sociedade civil. Se nos comparamos con Reino Unido, Alemaña ou Estados Unidos, a conclusión é preocupante, de vergonza", di o doutor López. "Este tipo de campañas son un complemento ao financiamento público. Por poñer un exemplo, o país europeo máis avanzado na investigación médica é o Reino Unido. Alí, o 42% do financiamento na investigación biomédica provén de doazóns, un 30% é público e o 18% é de empresas privadas", engade.

"A través da oncoloxía de precisión soñamos con rematar co cancro dunha vez por todas"

Rafael López salienta tamén a importancia que estes procesos de financiamento social teñen para que os cidadáns e cidadás se impliquen no apoio á ciencia e na súa xestión: "Vemos que a cidadanía quere ser cada vez máis partícipe na toma de decisións. Esta fórmula permítelle ás persoas elixir onde quere poñer os seus cartos dunha forma directa. Ademais, tamén permite achegar a ciencia á sociedade, facer os cidadáns corresponsables". "As investigacións que lle preocupen a un cidadán poden non ser as mesmas que lle preocupan ás autoridades científicas ou políticas", sinala.

"É importante investir en ciencia. Isto é o que nos vai permitir ter un país mellor"

"Estarmos na vangarda desta investigación ten vantaxes e beneficios obvios, comezando porque permite acceder máis rapidamente aos seus logros e avances. Pode dar lugar a patentes, pero en principio ese non é o obxectivo, senón que a clave é estar nesa punta de lanza para poder ofrecer estes servizos aos galegos e galegas o máis rapidamente posible", conclúe Rafael López. "A través da oncoloxía de precisión soñamos con rematar co cancro dunha vez por todas", engade. O doutor López fai un chamamento á cidadanía galega a apoiar a ciencia e este proxecto concreto: "É importante investir en ciencia. Isto é o que nos vai permitir ter un país mellor".

O proxecto está dirixido polo doutor Rafael López © Oncomet
O grupo de Oncoloxía Médica Translacional conta con 13 oncólogos e outros 50 profesionais de distintas disciplinas © Oncomet
O obxectivo do proxecto é a mellora do manexo clínico de doentes oncolóxicos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.