Cando o reloxo non avanza: á procura da axilidade para os pacientes de cancro nos hospitais de día

Material para a realización de análises no Clínico de Santiago © Sergas

Os hospitais de día de Oncoloxía e Hematoloxía concibíronse como centros de "asistencia integral" onde os pacientes puidesen acudir a revisións e probas e mais recibir tratamentos nunha mesma xornada. Este sistema evita varios desprazamentos ao centro sanitario, pero tamén implica, necesariamente, tempo de espera entre unha e outra fase da atención. Dilatar o menos posible esas agardas é unha demanda reiterada de doentes e familiares en hospitais de día como o do Hospital Clínico de Santiago, referencia no país por estar ligado a unha das unidades oncolóxicas punteiras en atención e investigación do cancro, pero que en máis dunha ocasión destacou tamén polas súas longas demoras.

Entre as primeiras probas, a consulta e a administración do tratamento adoitan transcorrer varias horas que a saturación do servizo contribúe a prolongar. O Sergas subliña que a separación de Oncoloxía e Hematoloxía supuxo unha "diminución importante" das demoras no hospital de día do CHUS

Cadrando coa posta en marcha dun servizo de mensaxes telefónicas para avisar os pacientes sobre as quendas de tratamento, a Consellería de Sanidade vén de responder unha pregunta formulada o pasado xuño polas deputadas Flora Miranda e Paula Vázquez Verao no nome do grupo de En Marea a respecto das demoras neste servizo e dos plans do Sergas para palialas. As parlamentarias lembraban que antes de recibir a atención máis habitual neste servizo, a quimioterapia, os pacientes procedentes da cidade de Santiago pero tamén da ampla contorna da área sanitaria deben pasar por analíticas e consultas, pasos preceptivos que dada a saturación do servizo poden demorarse "varias horas" antes de chegar, finalmente, á sala de tratamento cando a medicación estea preparada e haxa dispoñible un asento.

Na súa resposta, datada no pasado 10 de xullo, Sanidade lembra que dende finais de 2017 "foron separados os espazos dos hospitais de día de Hematoloxía e Oncoloxía", o cal xa resaltara ante protestas de pacientes a mediados de 2018. Esa separación, subliña, supuxo que cada unidade conte cunha consulta de farmacia de seu, "cunha diminución importante no tempo de preparación do tratamento" e un maior número "de cadeiras de brazos e camas". Ademais, agrega, "estase a potenciar a extracción da analítica no centro de saúde o día anterior" para "aforrar o período de extracción e espera do resultado".

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego, nunha imaxe de arquivo © Sergas

As deputadas censuran que se ofrecese a doentes "un bocadillo de salchichón" mentres agardan polo tratamento oncolóxico e Sanidade matiza que só é "un refrixerio"

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña responde tamén ao que adoita ser un dos aspectos máis controvertidos nas longas horas de espera no hospital de día: a alimentación. "O sustento ofrecido é, segundo o relato en primeira persoa de doentes e confirmado por profesionais, un bocadillo de salchichón que, como calquera sen nocións de nutrición coñece, non é o alimento máis aconsellable para un estado de saúde precario", advertían as deputadas na súa pregunta. "Proporciónase un refrixerio, non un menú hospitalario de paciente ingresado", retruca Sanidade, quen agrega que nas salas de espera "contamos coa inestimable colaboración das asociacións de pacientes que pasan un carriño con café ou infusións".

De agora en diante pacientes que o soliciten son avisados por SMS de que o tratamento está preparado

Neste contexto, dende a Consellería optan por salientar as "melloras" para que "os pacientes dispoñan da maior confortabilidade posible e se axilicen os tempos de espera". Entre elas resaltan o devandito sistema de avisos por mensaxes SMS, presentada a pasada semana e da que o Sergas subliña que permite aos pacientes "non estar fisicamente na sala de espera mentres se preparan as doses", aínda que si deben permanecen na contorna do hospital de día. O chamamento "pode acudir á sala de tratamento", enviado por persoal de enfermaría, substitúe para as persoas que o reciben ao aviso por megafonía, o que dende colectivos como a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do CHUS é valorado tamén por ser un avance na privacidade dos pacientes.

A Xunta volve desligarse do problema do aparcadoiro

Na súa pregunta parlamentaria Miranda e Vázquez Verao cuestionaban tamén a Xunta polos recorrentes problemas de aparcadoiro nos arredores do hospital Clínico compostelán. "A enfermidade é de seu unha limitación física e económica que se acrecenta pola carestía de infraestruturas tan básicas como o aparcadoiro", resaltan, en referencia ao parking privado ao carón do recinto, que supera os dous euros por hora na súa tarifa xeral.

Aparcadoiro de pagamento á beira do Clínico de Santiago © Interparking

Neste sentido Sanidade responde que "o hospital dispón dunha zona de aparcamento gratuíto nas inmediacións do mesmo", en referencia ás prazas dispoñibles no recinto hospitalario, especialmente saturadas durante as mañás e habitualmente incompatibles co respecto ao horario do propio hospital de día. Alén disto, a Xunta deslígase da cuestión do aparcamento "de pago" porque "corresponde ao Concello" de Santiago, ao cal, como xa fixera Feijóo o pasado outono co daquela alcalde da cidade, Martiño Noriega, desvía a responsabilidade da eventual "habilitación de zonas de aparcamento en áreas límitrofes".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.