Un estudo con pacientes de hospitais galegos relaciona o cancro de pulmón coa exposición ao gas radon

O profesor Alberto Ruano, á dereita, xunto ao 'Mapa de Radon de Galicia' © USC

Unha exposición prolongada a niveis elevados de radon incrementa notablemente a posibilidade de sufrir un cancro de pulmón. De feito, o radon é o primeiro factor de risco de cancro de pulmón en persoas non fumadoras, tal e como indicou hai uns anos a Organización Mundial da Saúde. Así o vén de amosar un estudo (Lung cancer and residential radon in never-smokers: a pooling study in the Northwest of Spain) que varios investigadores e investigadoras galegas veñen de publicar en Environmental Research, unha das revistas máis prestixiosas en epidemioloxía ambiental.

O traballo, liderado por Alberto Ruano Raviña, profesor da Facultade de Medicia da USC, contou cunha mostra moi numerosa: un total de 523 casos e 892 controis, todos eles en persoas nunca fumadoras e procedentes de dez hospitais de Galicia (Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago), Asturias, Castela e León e Madrid. 

Ruano recoméndalles ás persoas que vivan en fogares con niveis altos de radon "que non fumen", xa que "o risco de padecer cancro de pulmón se multiplicaría”

Os investigadores e investigadoras explican que o cancro de pulmón en persoas que nunca fumaron representa aproximadamente o 15-25% dos casos da enfermidade, pero a súa epidemioloxía "está pouco desenvolvida". Este estudo amosa "unha relación directa entre concentración de radon e risco de cancro de pulmón". "Mais é unha relación probabilística. Do mesmo xeito que non todos os fumadores desenvolven cancro de pulmón, non todas as persoas con radon elevado na súa casa o terán”, aclara Alberto Ruano. 

Concellos cun maior número de medicións por riba de 300Bq/m3 © USC

Aínda que o risco asociado á exposición ao radon é moi inferior ao ligado ao tabaco, Ruano recoméndalles ás persoas que vivan en fogares con niveis altos de radon "que non fumen", xa que "o risco de padecer cancro de pulmón se multiplicaría”. Os datos do estudo suxiren ademais que a exposición ao radon está asociada con todos os tipos histolóxicos de cancro de pulmón, incluíndo o adenocarcinoma, que actualmente é o tipo histolóxico máis frecuente para esta enfermidade. Hai dous anos outro equipo da USC atopou relación entre a exposición ao radon en Galicia e a mortalidade por tumores cerebrais, sobre todo entre as mulleres.

“Estes resultados indican que debería reconsiderarse a redución do límite de referencia marcado pola UE e aliñarse cos 200 Bq/m3 de Irlanda, Reino Unido ou Canadá"

A investigación conclúe así mesmo que o radon pode producir cancro pulmonar a partir dos 200 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire no interior), unha concentración inferior aos límites impostos pola actual directiva europea en vigor sobre radiacións ionizantes, que establece os 300 Bq/m3 como nivel de referencia. Para o profesor Ruano, “estes resultados indican que debería reconsiderarse a redución do límite de referencia marcado pola UE e aliñarse cos 200 Bq/m3 de Irlanda, Reino Unido ou Canadá. Mesmo os Estados Unidos teñen dende 1988 como nivel máximo 150 Bq/m3”.

 

Elevadas concentracións de radon en case toda Galicia

Unha gran parte de Galicia presenta elevadas concentracións de gas radon. En concreto, 30 das 53 comarcas galegas presentan concentracións de radon superiores aos 300 Bq/m3, segundo os datos do Laboratorio de Radon de Galicia. Os niveis máis elevados danse no sur, nas provincias de Pontevedra e Ourense.

O pasado ano a CIG denunciou a resistencia da Xunta a medir o nivel de radon nos seus centros de traballo, lembrando que é obrigada a realización de medicións nos "lugares de traballo, subterráneos ou non subterráneos, en áreas identificadas polos seus valores elevados de radon", como é o caso de moitas zonas de Galicia. 309 dos 313 concellos galegos (todos agás As Somozas, Cerdido, Sobrado e A Lama) sitúanse nalgunha das zonas prioritarias nas que se requiren medidas específicas contra as concentracións de radon en vivendas, con obxectivo de evitar que se supere o nivel de 300 becquerelios por metro cúbico. 

Sistema para a medición automática dos niveis de radon, desenvolvido pola USC © https://www.i-cpan.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.