A CIG denuncia a Xunta por negarse a medir o nivel de radon nos seus centros de traballo

A CIG amosa a súa preocupación, sobre todo, polas sedes da Xunta situadas en edificios de pedra, coma a da Secretaría Xeral de Emigración © Google

A CIG vén de presentar ante Inspección de Traballo unha denuncia contra a Xunta, trala negativa do Goberno galego a realizar medicións do nivel de radon nos edificios administrativos dos seus Servizos Centrais, localizados principalmente en Compostela. O sindicato leva cinco anos solicitando estas medicións, sobre todo nos sotos dos inmobles, os espazos nos que se poden producir concentracións máis importantes deste gas canceríxeno.

A CIG leva cinco anos solicitando estas medicións, sobre todo nos sotos dos inmobles, os espazos nos que se poden producir concentracións máis importantes deste gas canceríxeno

En xaneiro de 2012 o BOE publicou a instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear sobre criterios para a protección fronte á exposición á radiación natural. Esta instrución fixa nos 600 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire no interior) de concentración media anual de radon durante a xornada laboral o nivel por riba do cal é obrigatorio activar a protección para os traballadores e traballadoras. Con todo, no caso dos lugares de traballo "con elevada permanencia de membros do público", o nivel de intervención será de 300 Bq/m3 de concentración media anual. Enténdese por lugares de traballo con elevada permanencia de membros do público os hospitais, cárceres ou centros de ensino. A instrución obriga á realización de medicións nos "lugares de traballo, subterráneos ou non subterráneos, en áreas identificadas polos seus valores elevados de radon".

O feito é que unha gran parte de Galicia presenta elevadas concentracións de gas radon, como vén rexistrando o Laboratorio de Radon de Galicia, dependente da USC, que leva anos realizando medicións en toda a comunidade. O seu mapa de concentracións de radon residencial atopara concentracións de radon superiores aos 300 Bq/m3 en 30 das 53 comarcas galegas. E entre esas comarcas está a de Compostela, aínda que dentro de Galicia son a provincia de Ourense e o sur da de Pontevedra as que mantiñan os niveis máis elevados. 

É obrigada a realización de medicións nos "lugares de traballo, subterráneos ou non subterráneos, en áreas identificadas polos seus valores elevados de radon", como é o caso de moitas zonas de Galicia

Á devandita instrucción IS-33 unirase este ano a aplicación en España da directiva europea 2013/59/EURATOM, en vigor dende 2014 e cuxa transposición España aínda non levou a cabo. Con todo, a propia norma establece o 6 de febreiro de 2018 (dentro de menos dun mes) como data límite para a súa incorporación á lexislación dos estados membros. Esta normativa reducirá ata os 300 Bq/m3 o nivel de referencia para as concentracións de radon en espazos pechados nos lugares de traballo e obriga a realizar medicións naqueles espazos de traballo situados en sotos e plantas baixas localizados en zonas de elevadas concentracións deste gas (e que deben ser delimitadas por un Plan estatal de acción para o radon que España aínda ten que aprobar).

 

"Eu traballo nun soto, quero saber se hai perigo ou non"

En febreiro entrará en vigor unha directiva europea que fixa obrigas máis concretas para administracións e empresas

"Comecei a pedir as medicións hai 5 anos e sempre atopei negativas, por parte da administración, da empresa que xestiona a saúde laboral na Xunta e da mutua", denuncia Fulgencio Fernández, responsable da CIG-Autonómica Compostela. "A Xunta debería levar a iniciativa neste asunto, pois ten as competencias en saúde laboral, non o fai", sinala. Lembra, ademais, que recentemente o Consello Galego de Relacións Laborais -situado na zona vella de Compostela- si levou a cabo medicións que amosaron "altísimos niveis de concentración" que obrigaron a realizar "obras de mellora e de evacuación do gas".

"As medicións nese edificio deron niveis que superaban en moito os niveis permitidos. É certo que é un edificio de pedra e asentado directamente na rocha e que hai salas que non teñen ventilación. O problema é que non sabemos a situación doutros edificios, por exemplo o de San Caetano ou outros, que tamén son de pedra, coma o de Mazarelos onde está a Secretaría Xeral de Emigración. E non o sabemos porque nunca se fixo unha medición", comenta Fernández.

O responsable da CIG lembra que as medicións teñen un custo mínimo (entre 80 e 230 euros en función do tamaño do edificio). "Esa é a cantidade pola que a Xunta está poñendo en risco a saúde do seu persoal", denuncia

Fulgencio Fernández comenta que as respostas recibidas ata agora "non negan que haxa relación co cancro de pulmón, senón que afirman esta relación non está demostrada". "Isto é o que dicían hai anos sobre o amianto: que todos os cancros de pulmón que se rexistraban nas fábricas estaban producidos polo tabaco", alerta. A OMS subliña que a exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Estímase que a proporción dos casos de cancro de pulmón atribuíbles ao radon varía dun 3% a un 14%, en función da concentración media de radon e da prevalencia de consumo de tabaco. Está demostrado que a probabilidade de que o radon provoque cancro de pulmón é maior en persoas que fuman e estímase que o risco asociado ao radon que ten un fumador é 25 veces superior que no caso do non fumadores. En todo caso, os efectos só se producen despois dunha exposición moi prolongada.

O responsable da CIG lembra que as medicións teñen un custo mínimo (entre 80 e 230 euros en función do tamaño do edificio). "Esa é a cantidade pola que a Xunta está poñendo en risco a saúde do seu persoal", denuncia. Con todo, engade que "se o Goberno galego rexeita facer as medicións non é polo custo desta actuación, senón que toma esta decisión polo que poida vir despois se as medicións dan unha cantidade por riba do límite, polo custo de reforma dos espazos afectados".

"O que queremos é quedar tranquilos. Eu traballo nun soto, quero saber se hai perigo ou non, se teño que ventilalo todos os días, cada dous días ou se non teño que ventilalo. E coma min, o resto dos traballadores"

Amósase confiado, en calquera caso, en que a Xunta terá que ceder: "Están alongando a agonía, porque van ter que asumilo, porque o obrigan directivas da UE. Inspección vaille obrigar. En asuntos semellantes nos que se estaba incumprindo a lei, ao final Inspección deu un prazo á administración para cumprir coas súas obrigas e acabárono facendo". "O que queremos é quedar tranquilos. Eu traballo nun soto, quero saber se hai perigo ou non, se teño que ventilalo todos os días, cada dous días ou se non teño que ventilalo. E coma min, o resto dos traballadores", conclúe.

 

O Laboratorio de Radon pide "evitar alarmismos" pero lembra que hai que realizar medicións

"Indubidablemente hai que facer medicións, e así o di a lei", di Alberto Ruano, un dos integrantes do Laboratorio de Radon de Galicia

"Indubidablemente hai que facer medicións, e así o di a lei". Alberto Ruano, un dos integrantes do Laboratorio de Radon de Galicia e profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, que lembra tanto a instrución publicada en 2012 coma a directiva europea que España terá que aplicar este ano. Ruano sinala que "o peor que pode haber neste caso é a incerteza; as dúbidas xeran incerteza entre os traballadores e na opinión pública" e sinala que as medicións deben ser continuadas por reformas nos espazos de traballo, se os resultados superan un certo nivel: "se ti queres medir os niveis de radon porque che interesa a saúde dos teus traballadores, tes que estar disposto a tomar certas medidas para solucionar o problema se as medicións amosan concentracións elevadas". "En todo caso, as reformas dos espazos non sen demasiado caras", engade.

Ruano comenta que "hai un gran descoñecemento sobre este tema, tanto nas empresas coma en administracións públicas" e pide actuar "con responsabilidade e firmeza" pois "os empregadores teñen a obriga de protexer a saúde dos seus empregados". "No domicilio cada un é libre de querer saber ou non se hai radon, de facer medicións ou de facer unha reforma, igual que un na súa casa pode decidir se fuma ou non. Pero unha cuestión diferente son os centros de traballo", sinala. O Laboratorio de Radon de Galicia leva anos realizando medicións tanto para empresas como para administracións pública ou para particulares. Entre os seus clientes están o Concello de Ames, o Concello de Allariz, a Deputación da Coruña, o Consello Galego de Relacións Laborais ou compañías privadas como Biofarm.

Ruano recomenda igualmente "evitar alarmismos e a adopción de medidas desproporcionadas". "O radon produce cancro de pulmón? Si. Pero ten que haber unha exposición durante un tempo moi prolongado", di

Con todo, recomenda igualmente "evitar alarmismos e a adopción de medidas desproporcionadas". "O radon produce cancro de pulmón? Si. Pero ten que haber unha exposición durante un tempo moi prolongado", di. "Por iso cáusanos moita sorpresa cando vemos que nalgún lugar onde se detectaron niveis elevados se leva a cabo ou se pide un desaloxo inmediato do edificio. O que hai que facer, sen perder a calma, é actuar para remediar o problema nun prazo dunhas semanas. Non hai que desaloxar edificios, nin acudir alí cun escafandro, nin nada parecido", subliña. E neste senso, aclara que "certas medidas que se están tomando, en Ourense ou na Coruña, son desproporcionadas, seguramente por descoñecemento".

 

Concentración de gas radón por concello Dominio Público Praza Pública
Porta de entrada ao edificio do Consello Galego de Relacións Laborais © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.