- 400 novas medicións en vivendas confirman Ourense e Pontevedra como as zonas con maior concentración
Hai unhas semanas o Ministerio de Fomento publicou o borrador do novo Código Técnico de Edificación (CTE), que inclúe novas esixencias na construción de vivendas (ou en obras en edificacións xa existentes) relacionadas coa eficiencia enerxética ou co gas radon. Un dos anexos do CTE especifica as medidas que se deberán adoptar para limitar a exposición ao radon e delimita dúas zonas, con maiores ou menores esixencias, a partir das estimaciones de potencial de radon efectuadas polo Consello de Seguridade Nuclear. O documento atópase actualmente en fase de alegacións ata o vindeiro martes 31.
309 dos 313 concellos galegos (todos agás As Somozas, Cerdido, Sobrado e A Lama) sitúanse nalgunha desas zonas prioritarias
309 dos 313 concellos galegos (todos agás As Somozas, Cerdido, Sobrado e A Lama) sitúanse nalgunha desas zonas prioritarias nas que se requiren medidas específicas contra as concentracións de radon en vivendas, con obxectivo de evitar que se supere o nivel de 300 becquerelios por metro cúbico. Ademais, 25 localidades fican incluídas na denominada Zona II, coa esixencia de accións adicionais. Trátase de Melide, Moeche, San Sadurniño, A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, Cervantes, Cospeito, Folgoso do Courel, Lourenzá, Navia de Suarna, Pol, Ribadeo, Ribeira de Piquín, Trabada, A Rúa, Castrelo do Val, Laza, O Barco de Valdeorras, Oímbra, Rairiz de Veiga, Rubiá, Verín, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, O Rosal e Salvaterra de Miño.
Nas novas construcións ou reformas que se realicen nos 309 municipios sinalados esixirase "unha barreira de protección entre o terreo e os locais habitables do edificio, que limite o paso dos gases procedentes do terreo". Alternativamente, poderase dispor entre o terreo e os locais habitables do edificio "unha cámara de aire destinada a mitigar a entrada do gas radón a estes locais". Ademais, nos 25 concellos situados nesa Zona II, esixirase adicionalmente ese espazo de contención ventilado (opcional nas localidades da Zona I) ou ben un sistema de despresurización do terreo "que permita extraer os gases contidos no terreo baixo o edificio".
25 concellos sitúanse na Zona II, con esixencias adicionais
A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Dadas as características xeolóxicas do seu solo (por exemplo a alta presenza de granito), Galicia é unha zona de elevada de exhalación de radon, que se fai máis manifesta no sur do país.