Os tumores son xa a principal causa de morte en Galicia nas persoas de menos de 80 anos

Cementerio de Santa Baia, na Estrada CC-BY-SA Rafael Ojea

De que morren os galegos e as galegas? O pasado ano producíronse 31.962 falecementos en Galicia. As enfermidades do sistema circulatorio e do corazón seguen sendo a causa máis frecuente, provocando case un terzo do total de pasamentos (9.677). Porén, o seu número descendeu nas últimas décadas, pois nos anos 80 e 90 estas doenzas supoñían case a metade das mortes totais, máis de 11 mil cada ano.

Nos últimos anos, outra causa de morte foise afianzando: os tumores. Se no ano 1980 o cancro provocaba menos de 5 mil falecementos cada ano, no 2017 esa cifra practicamente duplicouse, ata case rozar as 9 mil (8.692), converténdose na segundo factor máis importante no número de facelementos. Por detrás, aparecen as enfermidades do sistema respiratorio (3.978) e os transtornos mentais relacionados coa demencia senil e outras doenzas (2.292).

Entre os tumores, os de tráquea, bronquios e pulmón son os máis mortíferos (1.563), seguidos dos de colon (884), páncreas (579), próstata (531), estómago (511) e mama (465).

En Galicia, iniciativas médicas están na vangarda na loita contra os cancro, como o grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet), que o pasado ano lanzou con éxito un proxecto para recadar fondos para incorporar a tecnoloxía para a análise de biopsia líquida. En calquera caso, mesmo cando os tratamentos son exitosos, as dificultades que deben superar os e as doentes de cancro son moitas, como nos contaba a viguesa Beatriz Figueroa nesta entrevista: “O efecto da quimio non era nada comparado co recibo mensual da hipoteca”.

Aínda que as enfermidades cardiovasculares son a principal causa dos falecementos rexistrados en Galicia en 2017, os tumores son a principal causa de morte en todas as idades entre 1 e 14 anos, e entre os 30 e os 80. As únicas excepcións son o grupo de idade entre os 15 e os 29, na que a principal causa de morte son os accidentes de tráfico e os suicidios; e os e as maiores de 80 (enfermidades do sistema circulatorio).

En canto ás causas externas de morte, estas representan só unha pequena parte dos falecementos (1 de cada 30), aínda que acadan unha proporción importante por debaixo dos 40 anos. Nos últimos anos veu consolidándose unha tendencia a descender o número de mortes por accidente de tráfico, que ata 1998 estaba por riba das 600 vítimas anuais e que no 2017 se situou en 136. Pola contra, incrementáronse os suicidios e, ademais, as mortes por caídas accidentais, sobre todo nas persoas de maior idade. De feito, as caídas -como xa comentabamos o pasado ano- son xa a principal causa externa de morte en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.