A Real Academia Galega de Ciencias anunciou este luns os seus Premios de Investigación 2020, que recoñeceron o descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular, desenvolvida pola USC, e que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. Os galardóns serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro.
O proxecto supón un fito no campo do uso terapéutico das células nai e abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes
No estudo, coordinado polos investigadores Diana Guallar e Miguel Fidalgo, participan grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá. O proxecto supón un fito no campo do uso terapéutico das células nai, concretamente das células nai pluripotentes inducidas (iPSC). Este tipo de células nai son células adultas reprogramadas para actuar de xeito similar ás células nai embrionarias, das que se coñece amplamente o seu potencial terapéutico en enfermidades que implican o deterioro celular pola súa capacidade natural para perpetuarse de maneira ilimitada e replicar calquera célula dun organismo adulto. A vantaxe que ofrecen as iPSC é que, estimuladas do xeito correcto, poden facer o mesmo papel de reparación de tecidos humanos danados que as embrionarias, evitando os problemas éticos asociados á destrución de embrións para obtelas.
Este foi o primeiro estudo liderado por investigadores galegos que logrou a súa publicación na prestixiosa revista científica Cell Stem Cell
O equipo de científicos da USC descubriu os mecanismos desa correcta estimulación, identificando que as modificacións químicas en moléculas de ARN (ácido ribonucleico, coñecido coma o mensaxeiro do ADN) son esenciais para reprogramar ese tipo de células nai. En concreto, a súa investigación conclúe que ese tipo de modificacións son inducidas por unha proteína denominada ADAR1, necesaria para obter células con potencial en medicina rexenerativa.
Este foi o primeiro estudo liderado por investigadores galegos que logrou a súa publicación na prestixiosa revista científica Cell Stem Cell, a máis relevante a nivel mundial no campo das células nai e unha das máis destacadas en ciencias da vida. O seu principal valor radica en que supón un antes e un despois na superación dos retos existentes no uso terapéutico eficiente e seguro das células nai pluripotentes inducidas.
Premio aos investigadores mozos
Ademais, o investigador do CITIC da Universidade da Coruña, Raúl Santoveña, foi distinguido co premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 30 anos. O xurado elixiu o proxecto no que Santoveña contou coa colaboración do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
O investigador do CITIC da UDC Raúl Santoveña foi distinguido co premio para investigadores mozos
O seu traballo, publicado o mes pasado na prestixiosa revista Nature Communications, baséase no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na Terra. O fósforo, xunto co carbono, o nitróxeno, o osíxeno e o azufre, é fundamental para o desenvolvemento dos seres vivos: forma parte das moléculas do ADN e do ARN e é imprescindible para o intercambio enerxético nas células e o desenvolvemento das súas membranas.
En ambas as dúas categorías foron outorgadas mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, o recoñecemento recaeu no enxeñeiro Jesús Balado, do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. Na categoría de premios dirixida a investigadores mozos, outorgóuselle unha mención honorífica a Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC.