O Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal creouse no ano 2011 para apoiar a loita contra o cancro e recoñecer o esforzo dos investigadores e investigadoras que fan posible avanzar no coñecemento da enfermidade. Este luns vén de coñecerse o gañador da súa novena edición, que vai parar a Xosé Bustelo (Padrón, 1962), vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca. O galardón recoñece a Bustelo "pola súa brillante carreira investigadora e académica con liñas de investigación sólidas que deron lugar a avances importantes no campo das bases moleculares do cancro"
O galardón recoñece a Bustelo "pola súa brillante carreira investigadora e académica con liñas de investigación sólidas que deron lugar a avances importantes no campo das bases moleculares do cancro"
O ditame atrasouse debido á situación provocada pola pandemia e realizouse, por primeira vez nas súas nove edicións, de forma telemática. Xunto co premio principal tamén se anunciou o gañador da segunda edición do Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, creado o pasado ano, que foi parar a César Serrano García, oncólogo médico no Hospital Universitario Vall d`Hebron e xefe do Grupo de Investigación Traslacional en Sarcomas do Vall d'Hebron Instituto de Oncoloxía (VHIO).
A organización prevé realizar a gala de entrega dos galardóns no mes de setembro no Hostal Parador de Santiago, onde recibiron xa o Premio Internacional Mariano Barbacid, José Baselga, Eduardo Díaz-Rubio, Carlos López Otín, Guido Kroemer, Luís Paz-Ares, Amparo Cano e Ana Lluch. A eles uniuse o ano pasado o Premio a Talentos Emerxentes que foi para o Dr. Pablo Menéndez, director científico do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreras e profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona.
O seu traballo céntrase na comprensión dos mecanismos de transducción de sinais que contribúen ao desenvolvemento do cancro e outras enfermidades
Xosé Bustelo é actualmente profesor de Investigación do CSIC, vicedirector do Centro de Investigación Biomédica en Red de Cancro (CIBERONC) e presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (Aseica). O seu traballo céntrase na comprensión dos mecanismos de transducción de sinais que contribúen ao desenvolvemento do cancro e outras enfermidades. O seu grupo identificou xenes implicados nestes procesos, novos programas tumorais, dianas terapéuticas e pegadas xenéticas diagnósticas con potencial interese clínico.
A súa traxectoria foi recoñecida por premios coma o Young Investigator Award for Cancer Research (USA), o Premio Nacional de Oncoloxía Echevarne, o Premio Pfizer de Investigación Básica e o Premio Severo Ochoa de Investigación Biomédica.
Aínda que vive e traballa en Salamanca mantén unha forte vinculación tanto familiar como científica con Galicia, onde este mesmo ano foi elixido como novo membro da Real Academia Galega de Ciencias
Realizou a súa licenciatura e doutoramento en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela e conta cunha ampla formación científica no estranxeiro, onde traballou durante 10 anos no Bristol Myers Squibb Pharmaceutical Research Institute (Princeton) e na State University of New York. Tras a súa volta a España no ano 2000, ocupou os postos de científico titular, investigador científico e profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Aínda que vive e traballa en Salamanca mantén unha forte vinculación tanto familiar como científica con Galicia, onde este mesmo ano foi elixido como novo membro da Real Academia Galega de Ciencias.
O doutor Rafael López (xefe de Oncoloxía médica do CHUS), presidente executivo do Xurado, destaca a “enorme transcendencia” do doutor Bustelo no ámbito da investigación oncolóxica, pero tamén outros aspectos da súa carreira, como “o recoñecemento científico a nivel nacional e internacional ou as actividades de mentorización de persoal científico”. “A súa brillante carreira investigadora e académica, tanto en EE. UU. como en España, xunto coa súa ampla experiencia xestora, a súa implicación en diversas actividades cooperativas no ámbito oncolóxico e as súas sólidas liñas de investigación”, foron algúns dos elementos destacados polo xurado no seu ditame.