Eu fun un de tantos silenciosos conscientes que se apuntou a todas as plataformas pola unidade que hai, pensaba que neste proceso que se abría para buscar una unidade estratéxica da esquerda galega o que sobraba era ruído. Ruído moitas veces interesado.
Coma moita xente, creo que é una oportunidade histórica para catalizar a ilusión do país e buscar ese grupo parlamentar, que nos permita participar como pobo nese proceso reconstituinte que parece inevitable e sentar as bases dunha alternativa real de cambio para as autonómicas. Até crin, sen poder abandonar as alertas, na sinceridade das organizacións que proclamaban este obxectivo. Pensaba que o éxito das candidaturas das mareas na provincia da Coruña amosaban un camiño demasiado visible: cidadáns da esquerda rupturista e do nacionalismo unidos nun obxectivo. Un camiño que os partidos terían a intelixencia e a responsabilidade de seguir.
Pero os desexos a veces deforman a percepción da realidade; se reparara nas inexplicables confrontacións que se dan nos concellos entre grupos irmáns, sería menos optimista. Hoxe teño que declarar a miña frustración e a miña indignación. A tal unidade so era pretendida por persoas voluntariosas, capaces de pensar na música e non só no instrumento. Crearon plataformas que, a estas alturas, todo indica que foron perfectamente instrumentalizadas. As tensións que explican a existencia de varias plataformas pola unidade en vez de concentrar as forzas nunha soa e, a incapacidade mostrada para fundirse despois, responden sen dúbida a ese afán instrumentalizador.
Ao final, todo se reduce a un esforzo táctico de dúas partes: 1) BNG que renuncia ás súas siglas para poder completar unha imaxe de reunificación do nacionalismo; 2) Anova, EU e Podemos co seu pacto, centrando a unidade no seu espazo de alianza estratéxica coas forzas rupturistas do estado. Ambas partes, moi pendentes de levar a cuestión ao seu terreo, mirándose de esguello e proclamando: Oes, a unidade aquí, na miña casa.
Eu a túa non vou que non es de fiar. A cuestión é conseguir que non haxa unidade e que pareza que a culpa foi do outro que non veu a pesar de que eu tiven as portas xenerosamente abertas. Mentres tanto, a xente que quere a unidade, berrando na praza; convocando no único espazo posible para unirse, sen éxito. Fronte a un clamor da cidadanía máis activa reclamando alianzas para unha estratexia de longo alcance, tácticas partidarias.
Aínda que desexo fervorosamente estar equivocado, parece que haberá dúas candidaturas polo menos. Iso si, cada unha delas será a da unidade. Mentres Galiza perderá unha oportunidade máis nun momento crucial, e as oportunidades esgótanse.
Aínda hai tempo para demostrar que este relato é falso. Máis é o que parece, e crédeme, xa non se engana a ninguén.